A AMC encarga O Terror

0
219

A canle AMC está a desenvolver unha nova série antolóxica baseada na novela supervendas de 2007 de Dan Simmons The Terror. A produtora de Ridley Scott, a Scott Free, e a devandita canle levan a proxectar esta série dende hai xa anos, pero seica agora chegou o momento de pasar á acción e encargaron a produción de dez episódios dunha hora de duración que se estrearán en 2017.

O libro é unha versión inventada pero baseada na história auténtica da expedición perdida de Sir John Franklin a finais da década de 1840. Dous barcos, o HMS Erebus e mais o HMS Terror, atravesaron en condicións estremas o océano Ártico nun intento de atopar a lendária pasaxe do norde, pero ambos os dous desapareceron.

A novela vai sobre como Franklin e mais a súa tripulación son asolados pola fame, o escorbuto, os motíns e o canibalismo. Ademais hai un monstro chamado Tuunbaq que os persigue por todo o Ártico, atrapando aleatóriamente a algúns homes.

David Kajganich (True Story) será o guionista e showrunner xunto a Soo Hugh (The Killing). A parella traballará ademais coma produtores executivos, neste caso xunto a Scott, David W. Zucker, Alexandra Milchan, Scott Lambert e Guymon Casady.