Boas perspectivas para Good Omens

0
253

Ainda que anteriormente o mesmo Neil Gaiman dixera que non-o ía facer sen contar co mesmo Terry Prattchet (que morreu en 2015 de Alzheimer), anunciou entre aplausos no Barbican Centre de Londres que el mesmo adaptará persoalmente o libro Good Omens para a televisión, e que mudara de ideia após de ler unha carta póstuma de Prattchet.

Antes do pasamento do autor de Good Omens, o director Dirk Maggs, a instáncias de Gaiman, adaptara a obra para a canle Radio 4 da BBC, unha peza que foi emitida en 2014 e que incorporou cameos do mesmo Pratchett e mais de Gaiman. Daquela, Gaiman dixo que lle pedira á Radio 4 que adaptara a obra porque quería que “Terry a puidera disfrutar mentres aínda podía face-lo“.

O amigo e axudante de sempre de Prattchet Rob Wilkins pediu a Gaiman que adaptara Good Omens mentres conducían a casa tras visitar a Prattchet, e díxo-lle que era un traballo que requería “amor e paciéncia“. Gaiman respondeu que non porque coidaba que todas as adaptacións debían ser en colaboración co autor orixinal, pero posteriormente Wilkins revelou ao público a carta póstuma que Prattchet escribira a Gaiman. Nesa carta, o mesmo Prattchet pedía a Gaiman a adaptación, que probábelmente será en forma de série de seis capítulos.

Publicada en 1990, Good Omens entrou na lista da BBC das 100 grandes obras a lér do Reino Unido. Tildada por moitos coma unha comédia negra apocalíptica, narra a história do demo Crowley e mais do anxo Aziraphale, que se alían para loitar contra o Anticristo, un confuso bebé criado na Inglaterra rural dos nosos días.

En 2002 o director Terry Gilliam tentou levar adiante unha adaptación protagonizada por Johnny Depp e Robin Williams, pero fracasou por mor da crise financeira de Hollywood ap´s dos ataques terroristas do 11 de setembro.

En 2011 Gaiman anunciou no seu website que estaba en marcha unhaadaptación para a televisión co integrante dos Monty Python Terry Jones e mais o guionista gañador dun Emmy Gavin Scott. En 2012 a filla de Pratchett, Rhianna, anunciou a creación de Narrativia, unha compañía de produción que se faría cargos dos dereitos de autor das obras de seu pai, e dixo que Good Omens se adaptaría nunha série de 13 episódios. Dende aquela, non se soubo ren mais.

Ademais de Good Omens, confirmou-se no mesmo evento que outra obra de Prattchet será adaptada ás pantallas, nesta ocasión ás do cinema. Será a súa novela de 1987 Mort, e o encargado será o guionista Terry Rossio (Shrek, Aladdin, Pirate of the Caribbean: The Curse of the Black Pearl) con Narrativia co-producindo. Rhianna Pratchett tamén confirmou a intención de adaptar a novela de 2003 Wee Free Men ao cinema.