Primeiros plans para Star Trek IV

0
202

Ainda quedan uns poucos meses mais para a estrea mundial da vindeira entrega da franquía de Star Trek, dirixida por Justin Lin, e a Paramount Pictures seica está xa pensando no seguinte capítulo da série.

O sítio web Trek Movie informa que a Paramount xa rexistrou o título Star Trek 4 na Motion Picture Association of America (a asociación que agrupa aos seus grandes estudos cinematográficos de Hollywood), co que mais ca probábelmente estean xa a pensar na cuarta entrega da saga que recomenzou en 2009 da man de J.J. Abrams.

O filme de Lin é o terceiro da saga e polo de agora o derradeiro que segundo o contrato orixinal obrigaba aos actores participantes. De houber un cuarto, deberían facer-se novos contratos e sen dúbida que alomenos os dous actores principais, Chris Pine e Zachary Quinto, esixirán unha substancial suba dos seus salários.

De todos os xeitos, o rexistro do nome na MPAA non sinifica que os estudos deran a luz verde ao proceso. Polo de agora haberá que agardar á estrea de Star Trek Beyond o vindeiro 22 de xullo. A nova série de televisión, pola súa banda, chegará coma moi cedo en 2017.