Jones confirma unha triloxía de Moon

0
274

Un dos filmes de ciéncia-ficción mais aclamados unánimemente dos últimos tempos por crítica e público foi a película Moon dirixida por Duncan Jones e protagonizada por Sam Rockwell. Apos daquel primeiro éxito, Jones continuou a súa carreira con Source Code e nestes intres ten nas carteleiras Warcraft, que polo de agora semella ser un auténtico desastre.

Un proxecto ao que Jones leva tempo a lle dar voltas é Mute, e seica últimamente este ten mais posibilidades ca nunca de se facer realidade. Nunha entrevista coa revista Indiewire, Jones dixo:

Gostaría-me dicir formalmente “Si, vai acontecer”, pero hai razóns contractuais polas que teño que agardar até o si definitivo. Polo que a min respeita, si, vou rodar ese filme a finais deste ano“.

Pero ainda hai mais. Jones non só confirmou que Mute está ambientado no mesmo universo ca Moon, senón que esa será tan só a segunda parte dunha triloxía:

De feito, [a terceira parte] xa está escrita. Está lista para comezar. Eu quería face-la despois de Source Code. Ten unha actriz protagonista e daquela, hai catro ou cinco anos, era difícil facer un filme así, ciéncia-ficción cunha actriz no papel principal.

Semella que é mais doado nos nosos días. Coido que hai mais vontade de que iso aconteza, e eu de feito coido que xa é hora, pero Mute xa vai acontecer, así que vou facer iso, e logo, con sorte, poderei facer estoutro filme que será a terceira parte dunha triloxía, tan cedo coma sexa posíbel“.