A Disney planea o relanzamento do Rocketeer

0
173

A Walt Disney Studios ven de comezar o desenvolvemento de The Rocketeers, un filme que seica será médio secuela e médio relanzamento de The Rocketeer, a película de acción e aventuras de 1991 que dirixiu Joe Johnson. Max Winkler e Matt Spicer escribirán o guión, que contará coma protagonista a unha muller negra.

Baseado no popular cómic independente dos anos 80 orixinal de Dave Stevens, creado para homenaxear as séries radiofónicas dos anos 30 e 40, Billy Campbell protagonizou a primeira película no papel de Cliff Secord, un piloto de probas que descobre unha mochila-foguete e acaba envolto nunha rifa contra a máfia e mais os nazis, todo elo mentres coñece a Howard Hughes e fuxe do FBI. Jennifer Connelly, Alan Arkin e Timothy Dalton foran os outros protagonistas daquel filme.

Brigham Taylor (The Jungle Book), Blake Griffin e Ryan Kalil serán os produtores da nova versión, que manterá a história no mesmo periodo histórico, concretamente seis anos despois dos acontecementos do filme orixinal e após de que o heroe Cliff Secord desaparecera. Nese momento, unha nova heroína xurde, unha piloto negra que toma o relevo do Rocketeer co obxectivo de evitar que un cobizoso e corrupto científico roube a tecnoloxía do foguete para beneficiar ao seu bando na Guerra Fría.

O proxecto está aínda nas súas primeiras fases de desenvolvemento así que non hai datas de produción sinaladas no calendário.