Morreu Víctor Mora, creador do Capitán Trueno

0
126

O novelista, guionista e tradutor de cómics Víctor Mora morreu o pasado 17 de agosto en Barcelona aos 85 anos, deixando atrás unha obra que nunca puido ver realmente tal e coma el a concebiu.

Mora foi un dos grandes do cómic español: dende 1956, cando publicou co alcume de Víctor Alcázar, e en colaboración co debuxante Ambrós, a primeira aventura de El Capitán Trueno, este guionista converteu-se nun clásico instantáneo e un dos poucos destaques dunha indústria que estaba a anos luz por debaixo da europea.

Nas aventuras deste cruzado apareceron sarracenos, meigos, viaxes ao outro lado do mundo e princesas viquingas, un auténtico festín de fantasía ante o que os tebeos de propaganda fascista Roberto Alcázar y Pedrín non tiñan nin punto de comparación, e iso que as súas aventuras sofrían constantes recurtes por mor da censura.

O éxito do Capitán e dos seus compañeiros Crispín e Goliat fixo que a Editorial Bruguera pedira a Mora crear outros persoaxes semellantes, co que naceu o Jabato (debuxado por Francisco Darnís), o Cosaco Verde (ambientada en Rúsia) e mais o Corsario de Hierro. Mentres tanto, Mora produciu o cómic de ciéncia-ficción para rapaces Dani Futuro (con Carlos Giménez debuxando, e que foi logo publicada en Bélxica) e mais o western Sunday.

A partir de 1972, xa con destacados debuxantes recén contratados pola editorial Bruguera (Adolfo Usero, José Bielsa, Edmond) creou novas séries fantásticas e de ciéncia-ficción para as revistas da casa: Roldán sin Miedo (1972), Supernova (1973) e Astroman (1973).

Víctor Mora definiu-se moitas veces polo seu compromiso político, o que o levou a ser detido pola policía franquista en 1956 pola súa pertenza ao PSUC, pero foi mesmo alén ao asinar un manifesto contra Tintín en 1984. Ainda que exerceu ademais coma tradutor dos cómics de Astérix ao español, a súa obra enfocou-se pouco a pouco cara ao público francés coa memorábel Felina, creada xunto a Annie Goetzinger, para rematar con Las crónicas del Sin Nombre, unha obra de fantasía histórica debuxada por Luis García e publicada pola revista francesa Pilote entre 1973 e 1980.

A resurreción do Capitán Trueno a mediados dos 80, esta vez xa sen censura, non tivo o éxito agardado, e moito menos o filme El Capitán Trueno y el Santo Grial (2011), que constituíu un merecido fracaso no despacho de billetes.

Mora levou-se moitos recoñecementos en vida, coma o Premi Víctor Català, a Creu de Sant Jordi da Generalitat de Cataluña, o Memorial Jaume Fuster, a Orde das Artes e Letras de Franza (rango de Cabaleiro) ou o Gran Prémio do Saló del Còmic de Barcelona, así coma membro de honra da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana.