Donald Glover é o novo Lando Calrissian

0
101

Ainda que levaba a se rumorear moito tempo, onte fíxo-se oficial e a Lucasfilm anunciou por fin que o actor de Community e Atlanta Donald Glover interpretará o papel do xoven Lando Calrissian no filme autoconclusivo da Guerra das Galáxias que terá como protagonista a Han Solo (ainda que non ten título oficial coñéce-se polo de agora coma A Star Wars Story) e que estará dirixido por Phil Lord e mais Christopher Miller. Nun comunicado oficial con moito humor, ambos directores dixeron:

Temos moita de sorte de ter a un artista de talento coma Donald connosco. Este é un posto de grande responsabilidade, e unha tarefa moi importante, para a que está perfectamente capacitado, é tan cuspidiño que nos aforrará cartos en alteracións. Ademais, queremos pedir desculpas publicamente a Donald porque lle botaremos a perder a Comic-Con para sempre“.

Glover unirá-se a un elenco de actores no que xa está incorporado Alden Ehrenreich no papel de Han Solo. O proxecto de aventuras precuela do heroe contrabandista unirá aos dous emblemáticos persoaxes da saga unha vez mais nun tempo ainda nunca visto na pantalla. No filme Lando está a se converter nun lampantín de coidado no bordo da legalidade galáctico, moito antes de chegar a ser o governador da cidade das nubes de Bespin, onde apareceu por primeira vez no filme The Empire Strikes Back.

A produción escomezará en breve coa vista posta nunha estrea que será en maio de 2018.