A Torre Escura, adiada até xullo

0
76

A adaptación ao cinema da saga fantástica de Stephen King The Dark Tower terá que agardar vários meses antes de chegar aos espectadores.

Orixinalmente programada para a estrea o 17 de febreiro de 2017, o filme ven de ser adiado até o 28 de xullo do ano que ven. A película, dirixida por Nikolaj Arcel, é un cobizoso proxecto que ten un calendário de traballo moi axustado, polo que se cré que a post-produción non tería tempo de estar lista porque a rodaxe rematou este pasado mes de xullo.

Ao contrário ca outras películas fantásticas, o orzamento non é demasiado elevado, de tan só 60 millóns de dólares, e polo de agora seica todo está dentro das contas. Se quixeran te-lo todo listo para febreiro deberían gastar moitos millóns, pero a produtora decidiu que era millor simplemente adiar a estrea.

O adiamento ten a aventaxe de que permitirá facer mais promoción, algo que seica será moi importante dado o pouco tempo transcurrido após da aparición do tráiler sen efectos especiais que se puido ver o mes pasado e que demostrou que ainda fica moito antes de que o proxecto estea listo.

Confirmou-se asemade que o filme por aparecer non é unha adaptación directa da saga de sete libros senón unha continuación e reelaboración das novelas co foco posto sobre o ciclo final de Roland Deschain (Idris Elba) e mais a súa procura da Torre Escura.

Os libros van sobre o derradeiro pistoleiro da Terra do Médio, quen viaxa cara ao sur-leste nun escenário post-apocalíptico na procura da poderosa pero elusiva Torre Escura, un edifício máxico no médio dun mar de rosas vermellas e que é un nexo no contínuo espazo-temporal. Alí, alguén está a usar tecnoloxía maléfica dos Antigos para destruí-la.

Matthew McConaughey, Tom Taylor, Abbey Lee, Fran Kranz, Jackie Earle Haley, Katheryn Winnick e Claudia Kiim conforman o reparto.