A Legendary fai-se cos dereitos de Dune

0
35

A Legendary Entertainment ven de se facer cos dereitos para o cinema e mais a televisión da saga de novelas de ciéncia-ficción Dune, orixinal de Frank Herbert e que pertencían aos seus herdeiros.

O acordo permitirá o desenvolvemento e produción de posíbeis proxectos para o cinema e mais a televisión para todo o mundo e incluirá a Thomas Tull, Mary Parent, Cale Boyter, Brian Herbert, Byron Merritt e Kim Herbert coma produtores executivos.

Ambientada nun futuro afastado, a novela orixinal narraba as aventuras de Paul Atreides, cuxa nobre família aceptaba encargar-se do control do planeta desértico Arrakis. Ainda que non hai nin unha pinga de auga na súa superfície, Arrakis ten un valor estratéxico de primeiro orde, xa que é a fonte do elemento mais valioso da galáxia: a espécia, cuxo control é cobizado por todas as famílias de nobres.

Cando Paul e mais a súa família sexan traizoados, a novela comezará unha narración que explora temas de política, relixión e relacións interpersoais, todo mentres Paul vai medrando até liderar unha rebelión que faga que recupere o control de Arrakis.

A obra de Herbert foi xa levada anteriormente á pantalla en dúas ocasións: nun filme de 1984 dirixido por David Lynch e protagonizado por Kyle MacLachlan, e nunha minisérie para a televisión protagonizada por Alec Newman en 2000.

O excéntrico realizador Alejandro Jodorowsky tentou facer unha versión de seu nun filme que ía durar dez horas a mediados dos anos 70, pero o seu proxecto nunca se completou, o mesmo có de Peter Berg e Pierre Morel, quen tentaron facer unha película entre 2008 e 2010.

Deixar unha resposta