Morre J.G. Ballard, referente da literatura de ciéncia-ficción
O escritor James Graham Ballard, un dos grandes referentes da literatura inglesa de ciéncia-ficción das últimas décadas, morreu o domingo aos 78 anos despois dunha longa e valente batalla contra o cancro de próstata, segundo informou a súa axente, Margaret Hanbury.
O autor de obras coma O Império do Sol e Crash, cuxas adaptacións cinematográficas foron grandes éxitos de Hollywood, escribeu un total de 15 novelas e numerosas histórias cortas.
Ballard, que afirmaba que os seus libros non eran ciéncia-ficción, se non «un retrato da psicoloxía do futuro«, obtivo fama mundial con O Império do Sol (1984), novela baseada nos anos que pasou nun campo de concentración xaponés en China cando era un neno. A novela foi levada á grande pantalla por Steven Spielberg en 1987, ao igual que o foi Crash (1973), adaptada por David Cronenberg en 1996 e tamén un grande éxito de público e crítica.
Ballard naceu en Shangai (China) o 18 de novembro de 1930 e durante a II Guerra Mundial foi detido xunto á sua família, que formaba parte da comunidade británica de expatriados, polos invasores xaponeses, cuxa violencia é descrita na sua obra.
Esa experiéncia cando tiña só 12 anos lle marcou e deixou unha clara impronta na sua obra, que comezou a desenvolver pleamente a princípios dos anos 60, xa instalado no Reino Unido. Sobre a sua experiéncia infantil durante a guerra, afirmou nunha ocasión: «Non diria que fun feliz, pero non teño lembranzas desagradabeis do campo. Lembro moita da brutalidade arbitrária e das malleiras contínuas, pero ao mesmo tempo os nenos podíamos xogar todo o que quixesemos e a todas horas«.
Inspirado por algúns escritores americanos de ciéncia-ficción cos que sentía afinidade, coma Jack Vance, comezou a escribir obras deste xénero, que vendeu a revistas inglesas e dos Estados unidos. Os seus primeiros contos e novelas, entre as que se inclúen «o cuarteto do desastre» formado por The Wind from Nowhere (1961), The Drowned World (1962), The Burning World (1964) e The Crystal World (1966), foron o escomezo do xénero de desastres na ciéncia-ficción, á que tamén aportou os seus raros e desacougantes subtextos, nos que os protagonistas semellaban médio namorados dos apocalipses descritos.
Estas tendéncias converteron a Ballard nun autor controvertido entre os fans, que case o esqueceron cando comezou os seus devaneos coa etapa New Wave da ciéncia-ficción, para a que creou obras coma The Atrocity Exhibition (1969), un libro tildado de «repunante» polo seu primeiro editor americano. Nombergantes, ainda que se adicara mais ao mainstream que á ciencia-ficción, os seus fans nunca o esqueceron e el nunca rexeitou os abandonou a metodoloxía da CF.
A súa obra publicada mais recente foi a súa autobiografía, Miracles of Life (2008), o libro no que revelou a súa condición terminal. Pero por suposto que será polas súas obras de ciéncia-ficción e pola súa inclasificábel, surrealista, mimética e profética ficción contemporánea pola que Ballard foi recoñecido e continuará sendo honrado. A súa influéncia nas seguintes xeracións de escritores, dende o cyberpunk ao humanismo aos practicantes do New Weird, é incalculábel.












0 Comentários
Ti podes ser o primeiro en comentar este artigo!.