Inicio »
Guillermo del Toro dirixirá O Hobbit
Xa é oficial: Guillermo del Toro dirixirá as dúas películas baseadas en O Hobbit, o clásico de J.R.R. Tolkien, coma precedentes da saga d’O Señor dos Aneis, que dirixiu Peter Jackson (nesta ocasión produtor executivo). O cineasta mexicano, que gañou tres prémios Oscar con O laberinto de Pan, rodará as películas en Nova Celándia.
Os estudos New Line Cinema e Metro-Goldwiyn-Mayer veñen de anunciar que a rodaxe escomezará en 2009 e que a primeira entrega podería estrearse en 2010 e, un ano despois, a segunda parte. Ainda que se estrearán por separado, rodarán-se xuntas, coma xa aconteceu coa triloxía do Señor dos Aneis.
O tamén director de Cronos, O espiñazo do diaño e das dúas partes de Hellboy (a segunda parte estreará.-se en agosto) participará asemade na produción do filme. Durante os vindeiros dous anos deberá residir en Nova Celándia para poder traballar con Jackson na rodaxe do filme. O mesmo del Toro supervisará xunto a Jackson, Fran Walsh e Philippa Boyens a escritura dun guión cuxo punto máis quente será decidir en que parte da historia de O Hobbit meten a tesoura para poder dividir o libro en dúas películas.
Polo de agora non hai data fixada para o comezo da rodaxe nin se sabe moito do reparto, agás que Sir Ian McKellen repetirá coma o meigo Gandalf. Ainda está por decidir se outros actores da triloxía, cuxos persoaxes tamén aparecen en O Hobbit, retoman os seus papeis.
O Hobbit, que Tolkien escribiu para os seus fillos en 1937, desenvólve-se uns 60 anos antes cá triloxía de O Señor dos Aneis e relata a viaxe que emprende unha tropa de ananos, á que acompañan o hobbit Bilbo Bulseiro, tío de Frodo, e máis o meigo Gandalf.
Todos eles viaxan rumo á Montaña Senlleira na procura do tesouro do dragón Smaug nunha aventura que será a orixe da célebre triloxía, xa que é nesta viaxe cando Bilbo consigue roubar-lle o anel único a Gollum.
Outras novas:
 
Ainda non hai comentários
Chegaches tarde! os comentários desta nova xa están pechados.












O cineasta Neil Jordan (Interview With A Vampire), que está en xira de promoción con Byzantium, ven de revelar algúsn detalles sobre unha futura longametraxe que xa anunciara previamente. Descrita coma unha história de pantasmas contemporánea, o proxecto aínda sen título trodará-se nalgún lugar da Europa do Leste. Polo de agora non hai datas de produción, pero Jordan dixo que "vou a aterrorizar á xente con música fermosa".
O vindeiro 7 de abril às 4 do serão terá lugar no Auditório da Biblioteca Almeida Garrett na Rua de Entrequintas nº 268, em Porto, a apresentação do nº 2 da
O lendário actor inglés de 65 anos Richard Griffiths morreu por mor de complicacións após dunha arriscada operación de corazón. Ainda que era mundialmente famoso polo seu papel do pomposo tío de Harry Potter, a carreira de Griffith contou con moitos filmes e prémios de todo tipo, entre os qeu se atopan Withnail and I, Gorky Park, Sleepy Hollow, The Naked Gun 2 1/2, Stage Beauty, Venus e Hugo.