Fantasporto día 4: Os filmes españois triunfan no Porto

2 de Marzo de 2010 por ifrit  
Arquivado como Fans

Dende a República Checa chéganos o primeiro bluff do Festival. Hierro e Rec 2 enchen o auditorio e lévanse sendas salvas de aplausos.

T.M.A. (Juraj Herz, República Checa, 2009)

Juraj Herz é un vello coñecido do Fantasporto e os seus filmes están presentes na programación case dende o primeiro ano (Beauty and The Beast, 1979 ou Ferat Vampire, 1981) Pero é difícil manter sempre o nivel.

Jerz explicou o significado do misterioso título, T.M.A. Que non é outra que un malentendido co seu produtor estadounidense, pois “tma”, significa “escuridade” en chceo e non quería facer outro filme titulado “Darkness”. O filme conta a historia dun músico que decide retirarse da vida da cidade á casa do campo vivia de pequeno para pintar cadros. Pero a casa ten unha longa historia de escuros sucesos, dende a antigüedade, onde se facían sacrificios e rituais, ata a Segunda Guerra Mundial, onde a SS se estableceu para controlar a zona. Marek, o protagonista, perdeu ós seus pais nun accidente do que non recorda nada e a súa irmá está internada nun psiquíatrico polo shock sufrido. Os aldeanos amósanse reticentes a tratalo e só atopará apoios na bela carteira e no vello bibliotecario. Todos agochan máis de un segredo.

Cuns vimbios que teñen funcionado sen problema en moitas outras fitas, unha realización máis que correcta e actores e actrices decentes T.M.A. falla no guión e amósanos unha chea de historias cruzadas creando un sarillo que remata por ser ridículo e dar vergonza allea.

Gracias Juraz polo teu traballo pero a próxima vez búscate a outro que non sexa Martin Nemec (guión e música, xusto o máis frouxo do filme)

Hierro (Gabe Ibáñez, España, 2009)

Hierro conta a historia dunha mai que perde ó seu fillo nunha viaxe en ferry e despois tolea e pasa os días a buscalo pola illa de El Hierro.

Escaso argumento para 90 minutos. O filme é unha gozada visual polas salvaxes paisaxes da illa, a realización e os efectos especiais todo acompañado por unha banda sonora case épica obra de Zacarías M. de la Riva.

Bonito continente, escaso contido.

REC 2 (Paco Plaza e Jaume Balagueró, España, 2009)

Como xa fixera anteriormente La Horde o sábado pasado REC 2 esgotou os billetes e encheou o auditorio grande do Teatro Tivoli de espectadores que devecían por ver sangue e zombis.

Non vou falar de REC 2, estreada en Galiza a principios de outubro do ano pasado, xa está case todo dito. Só dicir que o público do Fantasporto disfrutou inmenso, como se tratara dunha comedia. Paco Plaza e Jaume Balagueró deulles o que gustou da primeira parte multiplicado por catro, dándolle unha volta á porca do humor e engadindo algún que outro ingrediente novo.

Tranquilos, haberá terceira parte.

Vémonos nas butacas!

Tamén falamos de...

Fai clic no botón de abaixo para facer unha doazón. Moitas grazas!

PayPal

Comentários

Comentários pechados.