Zach Galifianakis protagonizará Lilo & Stitch

359

O actor e cómico Zach Galifianakis ven de pechar un acordo para protagonizar Lilo & Stitch, o remake de acción real da Disney da súa película de debuxos animados de 2002. Dean Fleischer Camp, o realizador que fixo a longametraxe de debuxos animados nominada ao Oscar Marcel the Shell With Shoes On, dirixirá a nova versión.

A história, que ten lugar en Hawaii, vai sobre o vencello entre unha solitária nena (Lilo) e mais un álien que semella un can agresivo (Stitch), e que de feito foi deseñado xeneticamente para ser unha forza de destrución. Con traballadores sociais entremetidos e alieníxenas que os perseguen bourando na porta, os dous unen-se por un sentido compartido da família.

Polo de agora, os detalles sobre que papel fará Galifianakis manteñen-se en segredo.

Os estudos están a levar a cabo unha procura dos actores que interpretarán a Lilo e mais á súa irmá maior. Stitch, naturalmente, será creado con gráficos xerados por computadora.

Chris Kekaniokalani Bright escribiu o guión da adaptación. Chris Sanders e Dean DeBlois escribiron e dirixiron a longametraxe orixinal que, aínda que non foi un grande éxito nos despachos de billetes, serviu para desenvolver unha base de fans que foi medrando até facer de Lilo & Stich un filme de culto.

A produción correrá a cargo de Dan Lin e Jonathan Eirich, mentres que Ryan Halprin fará-se cargo da produción executiva.