Inicio » Cinema »

A ira de Norton con Hulk

 

Non importa canto o desexen, a Marvel non é capaz de converter ao seu persoaxe Hulk nunha boa película. O filme de Ang Lee de 2003 tivo críticas negativas e 245 millóns de recadación, mentres que o de Louis Leterrier de 2008 só tivo críticas un pouco millores e 263 millóns de dólares de recadación.

O venres pasado saltou a nova de que a Marvel decidira despedir a Edward Norton, o protagonista da versión de 2008, polo que non repetirá o seu papel no vindeiro filme adicado aos Vingadores. Seica o director Joss Whedon mantivera un encontro con Norton e chegaran a un acordo, pero a Marvel só uns días despois informou ao actor de que non participaría no filme.

O voceiro da Marvel, Kevin Feige, confirmou as novas nunha declaración: «A nosa decisión non está baseada en factores económicos, senón que ten as súas raíces na necesidade de contar cun actor que represente a creatividade e mais o espírito creativo dos outros membros do noso reparto. Os Vingadores requiren actores que traballen coma parte dun grupo. Procuramos anunciar un nome de actor que encaixe nestes requisitos e teña paixón polo papel icona nas vindeiras semanas«.

O axente de Norton contraatacou de contado: «Esta ofensiva declaración de Kevin Feige na Marvel é confusa a mantenta e un intento inaxeitado de pintar ao noso cliente cunha luz negativa«. Na súa declaración, confirmou que o auténtico problema de fondo é económico e que aceptan que a Marvel non quera pagar o que pide Norton.

Nos días seguintes os rumores sobre quen será o xigante esmeralda semellan apuntar cara a Mark Ruffalo (Zodiac, Collateral) quen estaría negociando coa Marvel Studios a súa incorporación. Outros nomes que tamén soaron estes días foron os de Joaquin Phoenix, Adrien Brody, Nathan Fillion e David Tennant.


Se che gustou este artigo, podes comparti-lo!

  • Facebook
  • Twitter
  • Cabozo
  • Chuza!
  • email
  • Engadir a favoritos
  • Meneame
  • MySpace
  • Reddit
  • Tuenti
  • Hyves
 
 
 

0 Comentários

Ti podes ser o primeiro en comentar este artigo!.

 
 

Escribe o teu comentário