Os gatos de Ulthar
11 de Decembro de 2008 por H.P. Lovecraft
Arquivado como Relatos
Comments Off
Disque en Ulthar, unha aldea situada alén do rio Skai, ninguén pode matar un só gato; cousa que acredito firmemente cando contemplo o que teño ronroneando perante o lume. Pois o gato é enigmático, e está familiarizado coas cousas estrañas que os homes non poden ver. É a alma do antigo Exipto, e depositário das lendas das cidades esquecidas de Meroe e Ophir. É parente dos señores da selva, e herdeiro dos segredos da vella e sinistra África. A Efíxie é a sua curmá, e lembra o que ela esqueceu.
En Ulthar, antes de que os seus deputados proibisen matar gatos, vivían un vello campesiño e a súa esposa que desfrutaban poñendo trampas aos gatos do vecindário para os mataren. Non sei por que o facian; hai quen detesta os maullidos pola noite, e non lles gosta que os gatos anden furtivamente por pátios e xardíns ao anoitecer. Sexa cal for o motivo, este vello matrimónio gozaba atrapando e matando todo gato que se achegaba á sua casucha miserábel; e polo que se ouvia despois na noite, moitos dos lugareños suspeitaban que tiñan un modo de os mataren do mais singular. Nembergantes, non falaban disto co vello matrimónio, debido á habitual expresión dos seus rostos enrugados, e a que a sua choza era moi pequena e estaba agocha e escurecida baixo uns umeiros corpulentos, no fondo dun pátio abandoado. En verdade, ainda que os donos dos gatos odiaban a estes vellos, temíanos ainda mais; e en vez de tacha-los de brutais asasinos, limitaban-se a coidar que ningún dos seus adorados gatos se aproximara á afastada casucha agocha baixo as árbores sombrías. Cando por un descuido inevitábel se perdia algún, e se ouvian os maullidos pola noite, o seu dono choraba con impoténcia, ou se consolaba dando grazas ao Destino por non ter sido ún dos seus fillos o desaparecido deste modo. Pois a xente de Ulthar era simples, e non sabia de onde viñeran os gatos ao princípio.
Un dia entrou polas estreitas e lastradas ruas de Ulthar unha caravana de estraños vagamundos que procedian do sul. Eran trotamundos atezados, distintos daquelas xentes ambulantes que pasaban pola aldea duas veces ao ano. Dicían a boaventura en troques de prata nas prazas, e mercaban ledos abalórios aos mercaderes. Ninguén sabía de que país viñan estes vagamundos; pero observaron que eran dados a rezar estrañas pregárias, e que ás beiras dos seus carromatos levaban pintadas estrañas figuras con corpo humano e cabeza de gato, de falcón, de león ou de carneiro. E o xefe da caravana levaba un tocado con dous cornos e un curioso disco entremédias.
Ía nesta singular caravana un neno que non tiña pai nin nai, senón só un gatiño pequeno e preto ao que coidaba. A peste non fora amábel con el, ainda que lle deixara este ser deminuto e peludo que docificaba a sua dór; cando se é moi novo, ún pode atopar grande acougo nas vivarachas trastadas dun gatiño negro. Así, o neno a quen as atezadas xentes chamaban Menes sorría cada vez máis, e choraba cada vez menos, cando se sentaba a xogar co seu gracioso gatiño nas escadas dun carromato decorado de singular maneira.
Á mañá do terceiro día de estáncia en Ulthar, Menes non puido atopar ao seu gatiño; ao ver-lle saloucando na praza, os lugareños falaron-lle da vella e da súa esposa, e do que se ouvia pola noite. Ao escoitar todo aquilo, os seus saloucos deron paso á reflexión, e finalmente á pregária. Estendeu os brazos cara ao sol e rezou nunha língua que os lugareños non entenderon; ainda que non puxeron moito empeño en entender, xa que lles acaparaban a atenzón o ceo e as formas curiosas que adoptaban as nubes. Era moi estraño, pero tan axiña coma o neno rematou a sua oración, semellaron formar-se no alto as figuras brumosas e escuras duns seres exóticos, creaturas híbridas coroadas cos cornos e o disco entremédias. A Natureza está chea de tales ilusións para suxestionar a quen son imaxinativos.
Esa noite, os trotamundos foron-se de Ulthar, e non se lles volveu ver. E os habitantes sentiron-se consternados ao se decataren de que non habia un só gato en toda a aldea. De cada ún dos lares desaparecera o gato familiar; os grandes e os pequenos, os negros, os grises, os riscados, os amarelos e os brancos. O vello Kranon, que era o burgomestre, xurou que foran as xentes atezadas quen llos levaran en vinganza pola morte do gatiño de Menes; e maldiciu á caravana e ao neno. Pero Nith, o fraco notário, declarou que o vello campesiño e a sua esposa eran mais suspeitosas ainda, xa que o seu ódio aos gatos era coñecido por todos, e mais atrevido cada vez. Nembergantes, ninguén se atreveu a acusar ao sinistro matrimónio, ainda cando o fillo do pousadeiro, o pequeno Atal, aseguraba ter visto a todos os gatos naquel pátio maldito, baixo as árbores, avanzando con paso medido, amodo e ceremoniosamente, e descrebendo un círculo ao redor da choza en fileira dedous, coma se executasen algun inaudito ritual. Os lugareños non sabian se acreditar no rapaz; e ainda que temian que o malvado matrimónio enfeitizase e exterminase a todos os gatos, preferían non se enfrentar co vello campesiño mentres non saíse do seu pátio tebroso e noxento.
Así que a aldea de Ulthar se deitou embargada pola ira e a impoténcia; e eis que ao acordar pola madrugada, cada gato volvera ao seu fogar respectivo! Os grandes, os pequenos, os negros, os grises, os riscados, os amarelos e os brancos; non faltaba ningún. Todos apareceran gordos e lustrosos, emitindo sonoros ronroneos de satisfación. Os cidadáns falaban marabillados do caso. O vello Kranon insistiu unha vez máis en que fora o povo atezado quen llos levara, posto que os gatos xamais volvían vivos da choza do vello matrimónio. Pero todos cadraron nunha cousa: que a negativa dos gatos a probar as suas respectivas racións de comida e o seu prato de leite era sumamente singular. E durante dous dias enteiros, os lustrosos e preguiceiros gatos de Ulthar non tocaron alimento algún, e se limitaron a dormitar xunto ao lume ou ao sol. Unha semana transcorreu, até que os lugareños observaron que non habia luz, pola noite, nas xanelas da choza oculta baixo as árbores. Entón, o fraco Nith comentou que ninguén vira ao vello nin á vella desde a noite en que desapareceran os gatos. Unha semana despois, o burgomestre decidiu vencer o seu temor e visitar a vivenda estrañamente silandeira; como era o seu deber, ainda que tivo o coidado de se facer acompañar por Shang o ferreiro e Thul o canteiro coma testemuñas. E cando botaron abaixo a fráxil porta non atoparon outra cousa ca dous esqueletes humanos limpos e mondos no chan de terra, e unha morea de cascudas que corrian polos recunchos escuros.
Moito falou-se despois entre os habitantes de Ulthar. Zath, o alguacil, deu longamente con Nith, o fraco notário; e Kranon e Shang e Thul foron abrumados a perguntas. Encanto ao pequeno Atal, o fillo do pousadeiro, foi interrogado a fondo, e deu-se-lle unha lambetada en recompensa. Falaron do vello campesiño e a súa muller, da caravana de atezados vagamundos, do pequeno Menes, do seu gatiño negro, da pregária de Menes e o troco do ceu, da acción dos gatos a noite en que se foi a caravana, asi como que atoparon mas tarde na choza que hai baixo as árbores sombrías do pátio noxento.
Ao cabo, os deputados aprobaron esa famosa lei de que falan os mercaderes en Hatheg, e da que falan os viaxeiros de Nir; a saber: que en Ulthar, ninguén pode matar un só gato.
(Tradución por Fran Morell)
A Chamada de Cthulhu
12 de Decembro de 2004 por H.P. Lovecraft
Arquivado como Relatos
Comments Off
É imposíbel que tales poténcias ou seres sobrevivisen…
sobrevivisen a unha época infinitamente remota onde…
a conciéncia se manifestaba, quizais, baixo corpos e formas
que xa fai tempo se retiraron ante a maré da
ascendente humanidade… formas das que só a poesía e
a lenda conservaron unha fugaz lembranza co nome
de deuses, monstros, seres míticos de toda clase e espécie…
Algernon Blackwood
1. O baixorrelevo de arxila
Non hai no mundo fortuna maior, coido, que a incapacidade da mente humana para relacionar entre si todo o que hai nela. Vivimos nunha illa de prácida ignoráncia, rodeados polos negros mares infinitos, e non é o noso destino emprender longas viaxes. As ciéncias, que seguen os seus camiños de seu, non causaron moito dano até agora; pero algun día a unión deses disociados coñecementos abrirá-nos á realidade, e á endebel posición que nela ocupamos, perspectivas tan terríbeis que tolearemos ante a revelación, ou fuxiremos desa funesta luz, refuxiando-nos na seguranza e a paz dunha nova idade das tebras.
Algúns teósofos suspeitaron a maxestosa grandeza do ciclo cósmico do que o noso mundo e a nosa raza non son mais ca fugaces incidentes. sinalaron estrañas supervivéncias en termos que nos xelarían o sangue se non estivesen disfrazados por un mol optimismo. Pero non son eles os que me deron a fugaz visón deses dons proibidos, que me estremecen cando penso neles, e toleanme cando soño con eles. Esa visión, como toda temible visión da verdade, xurdiu dunha unión casual de elementos diversos; neste caso, o artigo dun vello xornal e as notas dun profesor xa falecido. Espero que nengun outro logre levar a cabo esta unión; eu, por certo, se vivo, non engadirei voluntáriamente un só elo a tan horrorosa cadea. Coido, por outra parte, que o profesor decidira, tamén, non revelar o que sabia, e que se non morrese, destruiríae as suas notas.
Tiven por primeira vez coñecemento deste asunto no inverno de 1926-1927, á morte do meu tío avó, George Gammel Angell, profesor honorário de línguas semíticas da Universidade de Brown, Providence, Rhode Island. O profesor Angell era unha autoridade vastamente coñecida en matéria de antigas inscricións e a el recorreran con frecuéncia os conservadores dos máis importantes museus. Moitos deben polo tanto lembrar a súa desaparición, acaecida á idade de noventa e dous anos. As mouras razóns da sua morte aumentaron ainda mais o interese local. O profesor morrera mentres voltaba do barco de Newport, e, segundo afirman as testemuñas, logo de receber o empellón dun mariñeiro negro. Éste xurdira dunha das curiosas e avesias pasaxes situadas na saia abrupta da cuiña que une os peiraos á casa do morto, en Williams Street. Os médicos, incapaces de descobrir algun desorde orgánico, concluiron, logo dun perplexo troco de opinións, que a morte debia atribuir-se a unha escura leixón do corazón, determinada polo rápido ascenso dunha costa excesivamente empinada para un home de tantos anos. Daquela non vin ningún motivo para disentir dese diagnóstico, pero hoxe teño a miñas dúvidas… e algo mais ca dúvidas.
Como herdeiro e executor do meu tío avó, viúvo e sen fillos, era de esperar que eu examinase os seus papeis con certa atenzón. Trasladei con ese propósito todos os seus arquivos e caixas á miña casa de Boston. O material ordenado por min será publicado na sua maior parte pola Sociedade Americana de Arqueoloxía; pero había unha caixa que me semellou sumamente enigmática, e sentin sempre repunáncia a mostrar-lla a outros. Estaba pechada, e non atopei a chave até que se me ocorreu examinar o chaveiro que o profesor levaba sempre consigo. Logrei abrí-la entón, pero atopei-me con outro obstáculo maior e ainda máis impenetrable. Que sinificado podian ter ese curioso baixorrelevo de arxila, e esas notas, fragmentos e recurtes de vellos xornais? Convertera-se o meu tío, nos seus últimos anos, nun devoto das mais superficiais imposturas? Resolvin buscar ao excéntrico escultor que alterara a paz mental do anciano.
O baixorrelevo era un rectángulo tosco de dous centímetros de espesor e duns trinta ou corenta centímetros cadrados de superfície; indubidáblemente de orixe moderna. Os debuxos, non embargante, non eran nada modernos, nen pola súa atmosfera nen pola sua suxestión; pois inda que as rarezas do baldismo e o futurismo sexan numerosas e extravagantes, non acostuman reproducir esa críptica regularidade da escritura prehistórica. E a maior parte dos debuxos semellaba ser certamente algunha espécie de escritura. A pesar da miña familiariedade cos papeis e coleccións do meu tío, non logrei identificá-la , nen suspeitar siquieira dalgunha remota relazón.
Sobre eses supostos hieroglíficos habia unha figura de carácter evidentemente representativa, ainda que a execución impresionista impedia comprender a sua natureza. Semellaba unha espécie de monstro, ou o símbolo dun mostro, ou unha forma que só unha fantasia enfermiza pudese concebir. Se digo que a miña imaxinación, algo extravagante, se representou á vez un pulpo, un dragón e a caricatura dun ser humano, non traizoarei o espírito do debuxo. Sobre un corpo escamoso e grotesco, munido de alas rudimentárias, alzaba-se unha cabeza polposa e coroada de tentáculos; pero era o contorno xeral o que a facia mais particularmente horríbel. Atrás da figura embozaba-se unha arquitectura ciclópea.
As notas que acompañaban a este curioso obxecto, ademais duns recurtes de xornais, foran escritas polo profesor mesmo e non tiñan pretensións literárias. O documento en apariencia máis importante estaba encabezado polas palabras O CULTO DE CTHULHU, escritas coidadosamente en caracteres de prelo para evitar todo erro na leitura dun nome tan descoñecido. O manuscrito dividia-se en duas seccións: a primeira tiña o seguinte título: “1925, Soño e obra onírica de H. A. Wilcox, Thomas Street 7, Providence, R.I.“, e a segunda: “Informe do inspector John R. Legrasse. Bienville Street 121, New Orleans, á Sociedade Americana de Arqueoloxía, 1928. Notas do mesmo e do profesor Webb“. As outras notas manuscritas eran todas moi breves: relatos de soños curiosos de diferentes persoas, ou citas de libros e revistas teosóficos (príncipalmente A Atántida e a Lemúria perdida de W. Scott-Elliot), e o resto comentários verbo da supervivéncia das sociedades e cultos segredos, con referéncia a pasaxes de tratados mitolóxicos e antropolóxicos coma a A póla dourada de Frazer, e O Culto das meigas na Europa Ocidental da señorita Murray. Os recortes de xornais aludían príncipalmente a casos de alienación mental e a crise de demencia colectiva na primavera de 1925.
A primeira parte do manuscrito principal relataba unha história moi curiosa. Semella que o 1º de marzo de 1925, un xove delgado, moreno, de xeito neurótico, e encoro de grande excitación, visitara ao profesor Angell co singular baixorrelevo de arxila, entón ainda fresco e húmido. No seu cartón lia-se o nome de Henry Anthony Wilcox, e o meu tío recoñecera nel ao fillo menor dunha excelente família, coa que estaba lixeiramente relacionado. Wilcox, que dende había un tempo estudaba debuxo na Escola de Belas Artes de Rhode Island, e que vivia no hotel Fleur de Lys moi perto desta instituizón, era un xove precoz de xénio indubidáble, pero moi excéntrico. Desde a sua infáncia chamara a atenzón polas histórias e soños estraños que se compracia en relatar. Se denominaba a si mesmo “hipersensitivo”; pero a xente séria da vella cidade comercial o consideraba simplesmente “raro”. Non frecuentara nunca ás da sua própria clase e pouco a pouco fora retirando-se de toda actividade social. Actualmente só era coñecido por alguns estetas doutras cidades. A Asociación Artística de Providence, desexosa de preservar o seu conservadorismo, desafiuzárao.
Naquela visita, dicía o manuscrito, o escultor pedira a axuda dos coñecementos arqueolóxicos do seu hóspede para identificar os hieroglíficos. O xove falaba dun xeito pomposo e descoidado que impedia simpatizar con el. O meu tío respondeu-lle con sequidade, pois a evidente idade da tableta excluía toda posíble relazón coas ciéncias arqueolóxicas. A réplica do xove Wilcox, que impresionou abondo ao meu tío como para que o reproduxera palabra por palaba, tivo ese énfase poético que caracterizaba sen dúvida a sua conversa habitual.
- É nova, é certo – dixo-lle -, pois a fixen anoite mentres soñaba con estrañas cidades; e os soños son máis vellos cá cavilosa Tiro, a contemplativa Efíxie, ou Babilónia, garnecida de xardíns.
E comezou a narrar unha história desordeada que, de súpeto, acordou no meu tío unha lembranza. O anciano mostrou-se febrilmente interesado. A noite anterior houbera un leve tremor de terra – o máis violento dos que abanaran Nova Inglaterra neses últimos anos – que afectara terríblemente a imaxinación de Wilcox. Xa na cama, e por primeira vez na sua vida, vira en soños unhas cidades ciclópeas de enormes blocos de pedra e xigantescos e sinistros monolitos dun horror latexante, que exudaban un limo esverdeado. Muros e piares estaban cubertos de hieroglíficos, e das profundidades da terra, dalgún ponto indeterminado, viña unha voz que non era unha voz, se non máis ben unha sensazón confusa que só a fantasía podia traducir nesta unión de letras case imposíbeis: Cthulhu fhtagn.
Esta mistura de letras foi a chave da lembranza que excitou e perturbou ao profesor Angell. Interrogou ao escultor cunha minuciosidade científica, e estudou cunha intensidade case frenética o baixorrelevo que o xove estivera esculpindo en soños, vestido só coa sua roupa de dormir, e tremendo de friaxe. O meu tío culpou á sua avanzada idade, dixo Wilcox máis tarde, o non recoñecer decontado os hieroglíficos e o debuxo. Moitas das suas preguntas semellaron-lle un pouco fóra de lugar ao seu visitante, espécialmente aquilos que trataban de relacionar a este último con sociedades e cultos estraños; e Wilcox non puido enteneder por que o meu tío lle prometeu repetidamente guardar siléncio se admitía ser membro dunha das tan innumerabeis seitas pagás ou místicas. Cando o profesor ficou ao fin convencido de que Wilcox ignoraba de verdade toda doutrina ou cultos segredos, lle suplicou que non deixase de lle informar acerca dos seus soños. Este pedido deu os seus froitos, pois a partir desa primeira entrevista o manuscrito menciona as visitas diárias do xove e a descrición de espantosas visións noiturnas cuxo tema principal era sempre unhas construccións ciclópeas de pedra, húmidas e mouras, e unha voz ou intelixéncia soterránea que berraba unha e outra vez, en enigmáticos e sensíbles impactos, algo indescriptíble. Os dous sons que se repetian con mais frecuéncia eran os representados polas palabras Cthulhu e R’lyeh.
O 23 de marzo, continuaba o manuscrito, Wilcox faltou á cita. Unha investigación realizada no hotel revelou que fora atacado por unha febre de orixe descoñecida e que o levaran á casa dos seus pais, en Waterman Street. Puxera-se a berrar en meio da noite, acordando a vários artistas que vivian no mesmo hotel, e desde entón pasara da inconsciéncia ao delírio. O meu tío telefonou deseguida á família, e desde ese momento seguiu de preto o caso, indo a miúdo á secretaria do doutor Tobey, en Thayer Street, médico de cabeceira do xove. A mente febril de Wilcox alimentaba, aparentemente, estrañas imaxes; o doutor estremeceu-se ao lembrá-las. Non só incluían unha repetición dos soños anteriores, se non tamén unha creatura xigantesca “de vários quilómetros de altura” que camiñaba ou se movia pesadamente.
Wilcox nunca lle descrebia en todos os seus detalles, pero as poucas e incoherentes palabras que lembraba o doutor Tobey convenceron ao profesor de que aquél era o monstro que o xove tentara representar. Cando Wilcox se referia á sua obra, engadiu o doutor, caía deseguida, invariábelmente, nunha espécie de letargo. Cousa rara, a sua temperatura non estaba nunca por riba do normal; non embargante, o seu estado semellaba mais ao dunha febre violenta que ao dun desorde do cerebro.
O 2 de abril ás tres da tarde, a enfermidade cesou de súpeto. Wilcox sentou-se na cama, abraiado de se atopar na casa de seus pais, e ignorando totalmente o que ocorrera nos seus soños ou na realidade desde o 22 de marzo. Como o médico declarara que estaba curado, aos tres dias voltou ao seu hotel. Pero xa non lle foi de nengunha utilidade ao profesor Angell. Xunto coa sua enfermidade esvaeceran-se todos aquilos soños, e despóis de ouvir durante unha semana os relatos inútis e irrelevantes dunhas moi comúns visións, o meu tío deixou de anotar os pensamentos noiturnos do artista.
Aqui acababa a primeira parte do manuscrito, pero as abundantes notas convidaban de veras á reflexión. Só o escepticismo inveterado que informaba entón a miña filosofia pode explicar a miña persistente desconfianza. As notas descrebian o que soñaran diversas persoas no mesmo período en que o xove Wilcox tivera as suas estrañas revelacións. O meu tío, semellaba, organizara unha vasta enquisa entre case todos aquilos a quen podia interrogar sen semellar impertinente, pedindo que lle contaran os seus soños e lle comunicasen as datas de todas as suas visións notables. As reaccións foran variadas; pero o profesor recibeu mais respostas cás que obtería calquera outro home sen a axuda dun secretário. Ainda que non conservou a correspondencia orixinal, as notas formaban un completo e moi sinificativo resumo. A aristocracia e os homes de negócios – a tradicional “sal da terra” de Nova Inglaterra deron un resultado case completamente negativo, ainda que houbo alguns poucos casos de informes de impresións noiturnas, sempre entre o 13 de marzo e o 2 de abril, período de delirio do xove escultor. Os homes de ciéncia non foron tampouco non moi afectados, ainda que polo menos catro loubás descricións suxerian a visión fugaz de estrañas paisaxes, e un deles falaba do temor a algo anormal.
As respostas mais pertinentes procedian de artistas e poetas, que se pudesen comparar as suas notas fosen présas do pánico. Ante a falta das cartas orixinais, cheguei a suspeitar que o compilador estivera a facer perguntas insidiosas ou deformara o texto da correspondéncia para corroborar o que resolvera ver. Por iso persistin na crénza de que Wilcox, coñecendo dalgún modo os vellos documentos axuntados polo meu tío, estivera enganando-o. Estas respostas dos artistas narraban unha perturbadora história. Entre o 28 de febreiro e 2 de abril grande parte deles tiveran soños moi curiosos, acadando a sua máxima intensidade no tempo do delirio do escultor.
Unha cuarta parte falaba de ceas e sóns semellantes aos descritos por Wilcox e algúns confesaban o seu terror perante unha creatura xigantesca e sen nome. Un caso, que as notas descrebian con énfase, era particularmente triste. O suxeito, un arquitecto moi coñecido, algo inclinado ao ocultismo e a teosofía, voltou-se completamente tolo a noite que levaron ao xoven Wilcox á casa dos seus pais, e morreu meses despois berrando que o salvasen dalgún fuxido habitante do inferno. Se o meu tío conservase os nomes destes casos, en vez de os reducir a números, eu podería facer algunha investigación persoal. Pero, como estaban as cousas, só puden atopar a uns poucos.
Todos, non embargante, confirmaron as notas. Perguntei-me a miúdo se aquilos a quen interrogara o profesor Angell se sentiran tan intrigados como este grupo. Nunca lles dei explicacións, e é mellor asi.
Os recurtes de prensa, como xa dixen, trataban de casos de pánico, teima e excentricidade, sempre no mesmo período. O profesor Angell debeu de ter empregado unha axenda de recurtes, pois o número destes extractos era prodixioso, e ademáis procedian de todos os recunchos do mundo. Un descrebia un suicidio noiturno en Londres: un home saltara por unha xanela despóis de lanzar un berro horríble. Nunha confusa carta ao editor dun xornal sudamericano un fanático anunciaba, apoiando-se nas suas visións, un futuro sinistro. Un despacho de Califórnia relataba que unha colónia teosófica comezara a usar vestiduras brancas ante a proximidade dun “glorioso acontecemento”, que non chegaba nunca, mentres as novas da Índia se referian cautelosamente a unha séria axitación dos nativos, producida a fins de marzo. As orxías vudús multiplicaran-se en Haití, e en África falara-se duns cantos misteriosos. Os oficiais americanos radicados en Filipinas tiveran certas dificuldades con algunhas tribos, e na noite de 22 de marzo os policias de New York foran amolados por levantinos histéricos. Confusos rumores percorreron tamén o oeste de Irlanda, e un pintor chamado Ardois-Bonnot exibiu en 1926, no salón de primavera de París, unha blasfema Paisaxe de Soño. nos asilos de alienados os desordes foron tan numerosos que só un milagre logrou impedir que o corpo médico advertise curiosas semellanzas e quitase apresuradas conclusións. Unha rara colección de recurtes, de veras; á penas concebo hoxe o crú racionalismo con que os fixen a un lado.
Pero fiquei convencido de que o xove Wilcox tivera novas duns sucesos anteriores mencionados polo profesor.
2. O informe do inspector Legrasse
Os sucesos anteriores polos que o meu tío dera tanta importáncia ao soño do escultor e ao baixorrelevo eran o tema da segunda metade do longo manuscrito. Xa unha vez, semellaba, o profesor Angell vira os odiosos contornos do monstro anónimo, meditara sobre os descoñecidos hieroglíficos, e ouvira as sílabas que só a palabra Cthulhu podia traducir… Todo isto en circunstáncias tan sobrecolledoras que non é raro que perseguise ao xove Wilcox con preguntas e rogos.
Esta experiencia anterior ocorrera dezasete anos antes, en 1908, mentres a Sociedade Americana de Arqueoloxía celebraba o seu consello anual, en Saint-Louis. O profesor Angell, pola sua autoridade e os seus méritos, desempeñara un papel importante en todas as deliberacións, e a el achegaron-se vários profanos que aproveitaban a oportunidade da covocatória para facer preguntas e prantexar problemas.
O chefe dese grupo non tardou en se converter en centro de atracción de todo o congreso. Era un home de xeito moi comun, mediana idade, e que fixera a viaxe de New Orleans a Saint Louis na procura de certa información que non puidera obter no seu distrito. Chamaba-se John Raymond Legrasse e era inspector de policia. Traía consigo o obxecto da sua viaxe: unha estatuiña de pedra, repunante e grotesca, moi antiga aparentemente, cuxa orixe non lograra determinar.
Non debe crer-se que o inspector Legrasse se interesase pola arqueoloxía. Todo o contrário; o seu desexo de se instruir tiña como única orixe razóns enxebremente profesionais.
A estatuiña, ídolo, fetiche ou o que fose, fora capturada meses antes nos illós boscosos do sul de New Orleans, no decurso dunha expedición contra unha presunta cerimónia vudú. Tan singulares e odiosos eran os ritos, que a policia comprendeu que se achaba ante un culto totalmente iñorado, e infinitamente mais diabólico que os do vudú.
Os confusos e incríbles relatos arrincados pola forza aos prisioneiros nada informaron sobre a sua posíble orixe. De aí o desexo da policia de consultar a algunha autoridade para identificar asi o horríble símbolo, e seguir as pegadas do culto até as suas fontes. O inspector Legrasse non esperara que o seu pedido convocara unha impresión semellante.
A aparición da curiosa estatuiña abondou para excitar aos homes de ciéncia, e pronto todos rodearon ao inspector para contemplar de preto a diminuta figura cuxa rareza e xeito de xenuina e abismal antiguidade abrian perspectivas tan misteriosas e arcaicas. Ninguén recoñeceu a escola escultórica da que nacera a estátua, e non embargante centenares e até máis de anos semellaban ter-se pousado na moura e esverdeada superfície daquela pedra descoñecida.
A figura, que os membros do congreso pasaron de man en man para a estudar con máis minuciosidade, media duns vinte a vintecinco centímetros de altura e estaba finamente labrada. Representaba un monstro de contornos levemente antropoides, pero cunha cabeza de polvo cuxo rosto era unha masa de tentáculos, un corpo escamoso que suxeria certa elasticidade, catro extremidades dotadas de poutas enormes, e un par de alas longas e estreitas no lombo. Esta critura, que exalaba unha malignidade antinatural, semellaba ser dunha pesada corpulencia, e estaba sentada nun pedestal ou bloco rectangular, coberto de indescriptíbles caracteres. A ponta das alas cofaban o borde posterior do bloco, o asento ocupaba o centro, mentres que as poutas longas e cambas das pregadas extremidades asían o borde anterior e descendian até un cuarto da altura do pedestal.
A cabeza de cefalópodo inclinaba-se cara o dorso das poutas enormes que apretaban os elevados xoenllos. O conxunto daba unha impresión de vida anormal, máis terrorífico a causa da imposibilidade de estabelecer a sua orixe. A súa vasta, pavorosa e incalculable idade era inegable; nen embergante, nada permitia relacioná-lo con algun tipo de arte dos comezos da civilización.
O material da estátua pechaba outro mistério. Non habia nada semellante, na xeoloxía, ou a mineraloxía, a aquela peza xabonosa, verdinegra, de estrías douradas ou iridiscentes. Os caracteres da base eran igualmente desconcertantes, e nengún dos membros do congreso, a pesar de que representaban á metade das autoridades mundiais nesta esfera, puido descobrir o mais remoto parentesco lingüístico. Tanto a figura coma o material pertencian a algo incríblemente afastado, totalmente distinto da humanidade que coñecemos: algo suxeria, dun modo terrible, antigos e profanos ciclos nos que o noso mundo e as nosos conceizóns non participaran.
E, non embargante, mentres os membros do congreso abanaban a cabeza e se confesaban incapaces de resolver o mistério, un deles criu descobrir algo raramente familiar na efíxie e os hieroglíficos, e ao fin, non sen reticéncia, confesou o que sabía. Este home era o hoxe desaparecido William Channing Webb, profesor de antropoloxía na Universdade de Princeton e explorador dabondo renomeado.
Corenta anos antes o profesor Webb percorrera Groenlandia e Islandia na procura de certas inscricións rúnicas que até daquela non puidera descobrir. Na costa de Groenlándia atopara-se cunha tribo dexenerada de esquimais, cuxa relixión, forma singular dos cultos demoníacos, impresionára-o sobremaneira pola sua face sanguinária e repulsiva. Era aquela unha fe que os outros esquimais ignoraban case do todo, e á que se referian estremecendo-se. Databa, dician, de épocas moi antigas, anteriores ao nacimento do mundo. Xunto a ritos anónimos e sacrifícios humanos habia invocacións de orixe tradicional dirixidas a un demo supremo ou tornasuk. O profesor Webb ouvira esa invocación na boca dun vello angekok, ou meigo sacerdote, e transcribira-a, até onde era posible, en caracteres romanos. Pero o que agora semellaba importante era o fetiche adorado nese culto, e ao redor do cal bailaban os esquimais cando a aurora boreal brillaba moi por riba dos alcantilados de xelo. Era, declarou o profesor, un tosco baixorrelevo de pedra cunha figura horrible e alguns caracteres misteriosos. Coidaba lembrar que se semellaba, polo menos en todos os riscos escenciais, á criatura bestial que agora estaban a examinar.
Este relato, recebido con asombro e surpresa polos membros do congreso, semellou excitar ao inspector Legrasse, que abrumou ao profesor a preguntas. Habendo copiado unha invocación recitada por ún dos oficiantes do illó, rogou ao profesor Webb que tratase de lembrar as sílabas recollidas en Groenlándia. Seguiu unha comparación exaustiva de todos os detalles e un intre de avesio siléncio cando o profesor e o detective conviñeron na virtual identidade das frases. Velaquí, en substáncia (a división das palabras foi estabelecida dacordo coas pausas tradicionais observadas polos oficiantes), o que o meigo esquimal e os sacerdotes de Louisiana cantaran aos seus ídolos:
Ph’nglui mglw’nafh Cthulhu
R’lyeh wgah’nagl fhtagn
Legrasse tivera mais sorte có profesor Webb, pois vários prisioneiros lle revelaran o sentido desas palabras. Era algo asi:
Na sua casa de R’lyeh
o desaparecido Cthulhu espera soñando.
E entón, respondendo a un rogo xeral, o inspector relatou minuzosamente a sua experiéncia cos fieis do illó; vexo agora que o meu tío deu grande importáncia a esa história. Tiña certa semellanza coas ensoñacións máis extravagantes dos teósofos e os criadores de mitos, e revelaba unha asombrosa imaxinación de carácter cósmico que ninguén esperaría entre párias e vagamundos.
O 1 de novembro de 1907 a policía de New Orleans recebera unha alarma do mensaxe da rexión pantanosa do Sul. Os colonos, xente primitiva, pero de bó natural, descendentes na sua maior parte de Laffite, eran présas do pánico a causa dalgo descoñecido que invadira a rexión durante a noite. Trataba-se en apariencia dun culto vudú, pero dunha espécie mais terrible que todo o que eles coñecian. Desde que o malévolo tam-tam comezara a soar naqueles bosques mouros onde ninguén ousaba aventurarse, desapareceran varias mulleres e nenos. Ouviran-se berros irracionais, chillidos desgarradores e cantos lúgubres, e unhas lapas diabólicas bailaran na espesura. Os viciños, engadia o aterrorizado mensaxeiro, non podian suportá-lo.
Nas primeiras horas da tarde vinte policias partiron en dous carricoches e un automóbil, guiados polo tremoroso colono. Cando o camiño se fixo intransitable, abandoaron os veículos, e durante vários quilómetros chapotearon en silenzo a través dos espesos bosques de cipreses onde nunca penetraba a luz do dia. Raices tortuosas e nós malignos de mofo español atrasaban a marcha, e de vez en cando unha pia de pedras húmidas ou os fragmentos dunha parede en ruínas facian mais depresiva aquela atmosfera que as árbores deformadas e as colónias de fungos contribuían a criar. Ao fin apareceu un miserable conxunto de chozas, e os histéricos colonos correron a se agrupar ao redor das vacilantes lanternas. O apagado petar dos tam-tams ouvia-se ao lonxe, a brisa traía moi de cando en cando un chillido que xeaba a sangre. Un respandor vermello semellaba filtrar-se por entre a follaxe esbranquizada, alén das interminábeis avenidas da noite selvática. A pesar da sua repunáncia a ficar novamente sós, todos os habitantes do lugar refuxiáron-se a avanzar un só paso cara a escena do culto maldito, de modo que o inspector Legrasse e as suas dezanove colegas tiveron que aventurarse sen guias por aquelas negras arcadas de horror onde nengun deles puxera o pé.
A rexión na que agora entraba a policia tiña tradiciónalmente moi má fama, e na sua maior parte non fora explorada por homes brancos. Algunhas lendas referian-se a un lago segredo no que vivia unha colosal e informe criatura, algo semellada a un pólipo e de ollos fosforescentes, e, segundo os colonos, uns demos de alas de mórcego saían a medianoite das suas cavernas para adorar ao monstro. Afirmaban que éste estaba alá desde antes que La Salle, dos índios, e aun das bestas e páxaros do bosque. Era un verdadeiro pesadelo, e vé-lo sinificaba a morte. Pero aparecia-se en soños aos homes, e iso abondaba para que éstes se mantivesen afastados. A orxia vudú desenvolvia-se nos limites estremos do área aborrecida, pero inda asi o emprazamento era abondo malo, e iso quizais aterrara aos colonos mais que os chillidos ou incidentes.
Só a poesia ou a tolémia podian ter reproducido os ruídos que ouviron os homes de Legrasse mentres atravesaban lentamente o avesio illó, achegando-se á luz vermella e aos apagados tam-tams. Hai unha cualidade vogal própria das bestas; e nada mais terrible que ouvir unha delas cando o órgao de onde provén deberia emitir outra. Unha fúria animal e unha licenza orxiástica se exacerbaban alá até atinxir alturas demoníacas con berros e ouvidos extáticos que reverberaban nos bosques trevosos como lufadas pestilentes xurdidas dos abismos do inferno. De vez en cando cesaban os berros e o que semellaba un coro de voces roncas entoaba a odiosa melopea:
Ph’nglui mglw’nafh Cthulhu
R’lyeh wgah’nagl fhtagn.
Por fin os homes chegaron a un sítio onde o bosque era menos mesto, e se atoparon de pronto no lugar mesmo da escena. Catro trastabillaron, un quinto perdeu o coñecemento, e outros dous lanzaron un berro de horror que, por sorte, foi apagado polo tumulto salvaxe da orxía. Legrasse rociou con auga pantanosa o rosto do home esvaecido, e entón todos contemplaron o espectáculo fascinados polo horror. Nun claro natural do illó alzaba-se unha illa verde dunhas corenta áreas de extensión, desprovista de árbores, e abondo seca. Alá saltaba e retorcia-se unha horda de anormalidades humanas mais indescriptíbeis que calquera das que puidese pintar un Sime ou un Angarola. Sen roupas, esta híbrida caterva bramaba, ruxía e contorsionaba-se ao redor dunha fogueira circular. De vez en cando se abrían as cortinas de lume e podía-se distinguir no centro un bloco de granito duns dous metros e meio de alto, en cuxo cúmio, incongruente pola súa cativeza, se alzaba a funesta estatuiña. En dez pelouriños instalados a intervalos regulares nun ancho círculo que rodeaba a fogueira, co monolito como centro, colgaban cabeza abaixo os corpos estrañamente mutilados dos desaparecidos colonos. Dentro deste círculo saltaba e ruxia o anelo de fieis, movendo-se de esquerda a dereita nunha bacanal interminable entre o círculo de cadaveres e o círculo de lume.
Puido ter sido só a imaxinación ou puido ter sido un simples eco, pero ún dos homes, un impresionable español, coidou ouvir que as invocacións eran seguídas por unhas respostas antifonais que procedian dun afastado e avesio lugar, situado no máis profundo daquel bosque de lenda. Este home, Joseph D. Gálvez, a quen mais tarde atopei e interroguei, era desbordantemente imaxinativo. Chegou a dicer que ouvira o débil petar dunhas grandes alas e que entreviu uns ollos luminosos e unha enorme masa branca atrás das árbores mais afastada. Pero coido que estaba demasiado influído polas supersticións locais.
A inactividade dos homes paralisados foi comparativamente de pouca duración. O deber venceu pronto todas as dúvidas, e ainda que os celebrantes debian de chegar ao centenar, a policia, confiada nas suas armas de fogo, irrompeu en meio da horda. Durante cinco minutos o caos e o tumulto foron indescriptibles. Houbo furiosos golpes, disparos, e fuxidas. Pero finalmente Legrasse puido contar corenta e sete prisioneiros, aos que obrigou a vestir-se, e que rodeou de policias. Cinco dos celebrantes morreran, e outros dous, moi malferidos, foron transportados polos seus cúmplices en improvisadas padiolas. A imaxe do monolito foi tirada con todo coidado e levada por Legrasse.
Examinados no cuartel da policia, despóis dunha viaxe esgotador, os prisioneiros resultaron ser mestizos de moi baixa ralea, e mentalmente febles. Eran na sua maior parte mariñeiros, e habia alguns negros e mulatos, procedentes case todos das illas de Cabo Verde, que daban un certo matiz vudú a aquel culto heteroxéneo. Pero non se necesitaron moitas preguntas para comprobar que se trataba dalgo mais antigo e profundo que un fetichismo africano. Ainda que degradados e iñorantes, os prisioneiros mantiveron-se fieis, con espantosa consisténcia, á idea central do seu aborrecible culto.
Adoraban, dixeron, aos Grandes Antigos que eran moi anteriores ao home e que chegaran ao xove mundo desde o ceo. Eses Antigos retiraran-se agora ao interior da terra e ao fondo do mar, pero os seus cadaveres comunicaran-se en soños co primeiro home, quen inventou un culto que nunca morrera. Este era ese culto, e os prisioneiros dixeron que existira sempre e que sempre existiria, ocultando-se en lonxanías desertas e lugares retirados até que o grande sacerdote Cthulhu saise da sua sombría morada na cidade submarina de R’lyeh para reinar outra vez sobre a Terra.
Algun dia viria, cando os astros ocuparan unha determinada posición; e o culto segredo estaria alá, esperando-o.
Mentres tanto non podian dicer nada mais. Trataba-se dun segredo que nen a tortura podería arrincar-lles. A humanidade non era o único consciente na Terra, pois habia unhas formas que emerxían da sombra para visitar aos seus escasos fieis. Pero éstas non eran os Grandes Antigos. Nengun ser humano vira aos Antigos. O ídolo de pedra representaba ao grande Cthulhu, pero ninguén podia dicer se os outros eran ou non como el. Ninguén era capaz de decifrar agora a antiga escritura; moitas cousas transmitian-se oralmente. A invocación ritual non era o segredo. Éste non se comunicaba nunca en voz alta. O canto significaba: “Na sua casa de R’lyeh o desaparecido Cthulhu espera soñando”.
Só dous dos prisioneiros foron xulgados abondo cuerdos e foron aforcados; o resto foi enviado a diversas instituizóns. Todos negaron ter participado nos crimes rituais, e afirmaron que os culpables daquelas mortes eran as Alas-Negras que viñeran até eles desde o seu refúxio inmemorial no bosque encantado. Pero nada coerente se puido saber daqueles aliados misteriosos. O que a policia logrou obter saiu na sua maior parte dun vellísimo mestizo chamado Castro, quen pretendia ter tocado portos arredados e falado cos chefes imortais do culto nas montañas de China.
O vello Castro lembraba fragmentos de odiosas lendas que empequeñecían as especulacións dos teósofos e facian do noso mundo algo recente e fugaz. En ciclos moi afastados outros seres governaran a Terra. viveran en grandes cidades, e os seus vestíxios podian atopar-se ainda -lle dixeran a Castro os imortais de China-nunhas pedras ciclópeas dalgunhas illas do Pacífico. Morreran moitísimo antes da aparición do home, pero habia artes que poderian revivé-los cando os astros volveran a ocupar a sua xusta posición nos ceos da eternidade. Estes seres, indubitablemente, procedian das estrelas e trouxeran as suas imaxes con eles.
Estes Grandes Antigos, continuou Castro, non eran de carne e óso. Tiñan forma – non o probaba seica esta imaxe estelar? -, pero esa forma non era material. Cando as estrelas eran propícias ian de mundo en mundo a través do ceo; pero cando eran desfavorabeis, non podian viver. Pero ainda que xa non vivesen, non morreran en realidade. Xacían todos en casas de pedra na grande cidade de R’lyeh, preservada polos sortiléxios do grande Cthulhu para o dia que as estrelas e a Terra puidesen receber a sua gloriosa resurreizón. Pero nesa época algunha forza exterior debia axudar á liberación dos seus corpos. Os esconxuros que impedian que se descompuxesen impedian tamén que se movesen, e os Antigos tiñan que se contentaren con xacer e pensar na escuridade mentres transcorrian millóns de anos.
Coñecian todo o que ocorria no mundo, pois a sua linguaxe consistia na transmisión do pensamento. Nese mesmo intre falaban nas suas tumbas. Cando, despóis dun caos infinito, apareceron os primeiros homes, os grandes antigos falaron aos mais sensíbles moldeándolles os soños.
Aquelos primeiros homes, bisbillotou Castro, estabeleceron o culto con que se adoraba aos ídolos dos Grandes Antigos; ídolos traídos de estrelas escuras nunha época infinitamente afastada. Ese culto non morreria até que as estrelas volveran a ser favorabeis.
Os sacerdotes quitarian entón ao grande Cthulhu da sua tumba para que revivise aos seus vasallos e volvera a asumir o seu reinado na Terra. Ese tempo seria fácil de coñecer, pois entón a humanidade semellaria-se aos Grandes Antigos: salvaxe e libre, alén do ben e do mal, sen moral, e sen lei. E todos os homes berrarian e matarian, e gozarian ledamente. Os Antigos, liberados, aprenderian novos modos de berrar e matar e gozar, e o mundo inteiro arderia nun holocausto de liberdade e éxtase. Mentres tanto, o culto, con apropiados ritos, debia conservar a lembranza daqueles dias antigos e presaxiar o seu retorno.
Nos primeiros tempos alguns homes escollidos falaran en soños con aqueles seres, pero entón algo pasara. A grande cidade de pedra de R’lyeh, cos seus monolitos e sepulcros, afundira-se baixo as ondas, e as augas dos abismos, con ese mistério primixénio no que ninguén pensara nen sequera en penetrar, interromperan esas citas espectrais. Pero as lembranza non morrian, e os altos sacerdotes afirmaban que cando os astros fosen favorables a cidade voltaria á superfície. Entón os vellos espíritos da Terra, mofosos e sombríos, sairían dos seus soterráneos e propagarian os rumores recollidos alá, en esquecidos fondos do oceano. Pero deles o vello Castro non se atrevia a falar. Interrompeu-se de pronto e nen a persuasión nen as subtilezas puderon arrincar-lle outras informacións. Tampouco quixo mencionar, curiosamente, o tamaño dos Antigos. Encanto ao culto, afirmou que o seu centro debia atopar-se nos desertos intransitados de Arábia, onde Irem, a cidade dos Piares, soña ainda intacta e segreda. Non tiña relazón algunha coa bruxería europea, e só era coñecido polos seus membros. Nengun libro aludía a el, ainda que os chineses imortais dician que no Necronomicón do árabe tolo Abdul Alhazred habia un sentido agocho que o iniciado podia interpretar de moi diversas maneiras, especialmente no tan discutido dístico: Non está morto quen pode xacer eternamente, e co paso dos anos a mesma morte pode morrer.
Legrasse, profundamente impresionado, e non pouco intrigado, buscara sen éxito as filiacións históricas do culto. Castro, aparentemente, dixera a verdade ao afirmar que era un segredo. As autoridades da Universidade de Tulane non puderon botar luz algunha sobre o culto ou a imaxe, e agora recorria ás maiores autoridades e se econtraba nada menos que co episodio de Groenlandia do profesor Webb.
O fervente interese que acordou o relato de Legrasse, corroborado pola presenza da estatuiña, tivo algun eco nas cartas que trocaron entón os membros do congreso; pero á penas hai algunha mención no informe oficial. A prudéncia é preocupación primordial daqueles que se enfrentan a miúdo á charlatanería e a impostura.
Legrasse emprestou durante un tempo a estátua ao profesor Webb, pero á morte deste último foi-lle devoltada, e está desde entón na sua casa. Alá vin-a non fai moito tempo. É de veras algo estremecedor, e indiscutibelmente semellante á escultura labrada en soños polo xove Wilcox.
Non me asombrou que o meu tío se excitase co relato do xove. O que puido pensar ao saber, xa inteirado da información recollida por Legrasse, que un xove sensible non só soñara a figura e os hieroglíficos das imaxes do illó e de Groenlándia, se non que tamén ouvira en soños tres das palabras da fórmula repetida polos mestres de Louisiana e os diabólicos esquimais? Era natural que o profesor Angell iniciase unha minuciosa investigación, ainda que eu no meu fóro interno suspeitaba que o xove Wilcox ouvira falar do culto, e inventara unha série de soños para acrescentar o mistério ante os ollos do meu tío. O relato dos outros soños e os recurtes coleccionados polo profesor semellaban corroborar a história do xove; pero o meu ben fundado racionalismo e a total extravagáncia do asunto levaron-me a adoptar as conclusións que estimei mais razoables. De modo que despóis de estudar outra vez o manuscrito e comparar as notas teosóficas e antropolóxicas coa descrición do culto que fixera Legrasse, viaxei a Providence para ver ao escultor e increpar-lle o burlar-se de tal modo dun sábio anciano.
Wilcox vivia ainda, só, no Fleur de Lys de Thomas Street, desagradable imitación vitoriána da arquitectura bretona do século XVII. A fachada de estuco do hotel lucia ostentosamente entre as encantadoras casas coloniais e á sombra do mais fermoso campanário xeorxiano que puidese ver-se en América. Atopei a Wilcox nos seus cuartos, sumido na súa laboura, e comprendin deseguida, polas pezas que o rodeaban, que o seu xénio era profundo e auténtico.
Coido que durante un tempo Wilcox figurará entre os grandes decadentes; pois cristalizou en arxila, e reflectirá un dia na mármore, eses pesadelos e fantasias evocados en prosa por Arthur Machen e que Clark Ashton Smith fixo visibles en versos e pinturas.
Moreno, fráxil, e dun xeito un pouco descuidado, Wilcox volveuse e sen deixar a sua cadeira preguntou-me o que desexaba. Cando lle dixen quen era, manifestou certo interese, pois o meu tío excitara a sua curiosidade ao examinar os seus raros soños, ainda que sen expresar as razóns dese exame. Sen sacalo da súa iñoráncia, tratei prudentemente de lle facer falar.
Pouco tempo abondou-me para me convencer de que era sincero; falaba dos seus soños dun modo inequívoco. Eses soños, e o seu resíduo subconsciente, influiran profundamente na sua arte, e mostrou-me unha estátua mórbida cuxo modelado estremeceu-me, case, pola forza da sua escura suxestión. Non lembraba ter visto o orixinal agás no baixorrelevo criado durante un soño, pero os contornos se formaran insensíbelmente baixo as suas mans. Era, sen dúvida, a forma xigantesca da que falara no seu delírio. Comprobei moi pronto que non sabia nada do culto, salvo o que o constante interrogatorio do meu tío deixara escapar, e tratei outra vez de concebir de que modo podia tér recebido esas impresións sobrenaturais.
Falaba dos seus soños dun xeito estrañamente poético, facendo-me ver con terrible claridade a cidade ciclópea de pedra verde e mofosa – cuxa xeometria, engadiu curiosamente, era totalmente errónea -, e ouvín outra vez cun temor expectante o soterráneo chamado mental: Cthulhu fhtagn, Cthulhu fhtagn.
Esas palabras figuraban na temible invocación que evocaba o soño-vixília de Cthulhu na súa bóveda de pedra de R’lyeh, e a pesar das miñas racionais ideas sentin-me profundamente perturbado. Wilcox, era indubidable, ouvira falar casualmente do culto, e esquecera-o deseguida na masa das leituras e conceizóns igualmente fantásticas. Máis tarde, en virtude do seu impresionable carácter, o culto atopara un modo de expresión subconsciente nos soños, o baixorrelevo de arxila e a estátua que eu estaba agora contemplando. De modo que a superchería fora involuntária. O xove tiña uns modais un pouco afectados, e un pouco vulgares, que me desagradaban de veras; pero eu xa estaba disposto a admitir todo o seu xénio como a sua honestidade. Despedin-me amablemente, e desexei-lle todo o éxito que o seu talento prometia.
O asunto do culto continuou fascinando-me e ás veces imaxinaba poder adquirir un grande renome investigando a sua orixe e relazóns. Visitei New Orleans, falei con Legrasse e outros dos que participaran naquela vella expedición, examinei a estatuiña, e até interroguei aos prisioneiros que ainda vivian. O vello Castro, por desgraza, morrera había vários anos. O que escoitei entón de viva voz, ainda que non foi máis ca unha confirmación detallada dos escritos do meu tío, acrescentou o meu interese, e tiven a seguranza de estar sobre a pista dunha relixión moi antiga e segreda cuxa descoberta me converteria nun antropólogo de nota. A miña actitude era ainda entón materialista, como ainda quixese que o fose, e por unha inexplicable perversidade mental rexeitei a cadráncia dos soños e os recurtes coleccionados polo profesor Angell.
Houbo algo, non embargante, que comecei a suspeitar e que agora coido saber: a morte do meu tío non foi nada natural. Caiu ao chan na colina, nunha das estreitas ruelas que partian duns peiraos onde abundaban os mestizos estranxeiros, após do descoidado empurrón dun mariñeiro de tez moura. Eu non esquecera que os oficiais de Louisiana se distinguian pola mistura de sangues e os seus intereses mariños, e non me surprendese coñecer a existéncia de agullas velenosas e métodos criminais segredos tan faltos de piedade como aquelas crenzas e ritos misteriosos. Legrasse e os seus homes, é certo, non foran amolados; pero en Noruega acaba de morrer un mariño que vía cousas. Non puideron ter chegado a ouvidos sinistros as investigacións realizadas polo meu tío despóis de se atopar co escultor? Coido hoxe que o profesor Angell morreu porque sabia ou queria saber demasiado. É posible que me espere un fin semellante, pois eu tamén aprendín moito.
3. A tolémia do mar
Se o ceo decidise algun dia lembrar-me un insigne favor, riscaria totalmente da miña memória a descoberta que fixen, por simples casualidade, ao botar unha ollada a unha folla de xornal que recubría un andel. Era un vello número do Sidney Bulletin do 18 de abril de 1925, co cal non podería dar na miña vida cotiá. Pasara inadvertido até para a axéncia de recurtes que estivera a coleccionar durante esa época materiais para o meu tío.
Case abandoara eu a miñas investigacións sobre o que o profesor chamaba o “culto de Cthulhu” e atopába-me de visita na casa dun docto amigo de Patterson, New Jersey, conservador do museu local e mineraloxista de renome. Examinando un día os exemplares de reserva, amoreados en desorde nos andeis dunha das salas do fondo do museu, a miña ollada detivo-se na rara ilustración dun dos xornais estendido baixo as pedras. Era o Sidney Bulletin que mencionei. O meu amigo tiña corresponsais en todos os paises estranxeiros imaxinabeis. A imaxe era unha fotografia en sépia dunha odiosa estatuiña de pedra case igual á que Legrasse atopara no illó.
Despoxei vivamente á folla do seu precioso conteúdo, lin o artigo con cuidado e lamentei a sua brevidade. O que suxería, non embargante, era de suma importáncia para a miña xa vacilante procura. Arrinquei coidadosamente a nova co propósito de me pór deseguida en acción. Velaqui o conteúdo:
O VIGILANT ARRIBOU REMOLCANDO A UN IATE NOVACELANDÉS ARMADO. UN MORTO E UN SOBREVIVINTE A BORDO. RELATAN COMBATES FURIOSOS E MORTES EN ALTA MAR. MARIÑEIRO RESGATADO NEGA-SE A DAR DETALLES DA MISTERIOSA EXPERIÉNCIA. ÍDOLO ESTRAÑO ATOPADO NO SEU PODER. INICIARÁ-SE UNHA INVESTIGACIÓN.
O cargueiro Vigilant, da compaña Morrison, procedente de Valparaíso, arribou esta mañá ao seu posto de amarre en Darling Harbour remolcando ao iate Alert de Dunedin N.2 con sérias avarías, pero dotado ainda dun poderoso armamento. O iate foi avistado o 12 de abril aos 34º21′ de latitude sul, e aos 152º17′ lonxitude oeste, cun morto e un sobrevivinte a bordo.
O Vigilant deixou Valparaíso o 25 de marzo, e o 2 de abril foi afastado considerablemente do seu curso, en dirección sul, por excepcionais treboadas e enormes ondas. O 12 de abril avistou o buque á deriva. En apariéncia fora abandoado, pero despóis descobriu que levaba un sobrevivinte en estado de delírio, e un home morto polo menos desde había unha semana.
O sobrevivinte apretaba entre as suas mans unha pedra horrible de orixe descoñecida, duns trinta centímetros de altura, cuxa orixe os profesores da Universidade de Sidney, a Sociedade Real, e o museu de College Street non puideron determinar, e que o home afirmaba ter descuberto na cabina do iate, nun altarciño rudimentário.
Este home, xa recobrado, relatou unha história de piratería e violéncia sumamente estraña. Trata-se dun noruego chamado Gustaf Johansen, de certa cultura, segundo oficial na galeta Emma de Auckland, que partiu para o Callao o 20 de febreiro, cunha tripulación de 20 homes.
O Emma, dixo, foi demorado e afastado considerablemente da sua rota pola trevoada do 1º de marzo, e o 22 do mesmo mes aos 49°51′ de latitude sul e aos 128º54′ de lonxitude este atopou ao Alert conducido por unha tripulación de canacas e mestizos de fasquía patibulária. O capitán Collins non obedeceu a orde de virar, e a tripulación do iate abriu fogo sen aviso cunha bateria de cañóns de bronce particularmente pesada.
Os mariñeiros do Emma, dixo o sobrevivinte, resistiron-se con valentía, e inda que a goleta comezou a afundir-se, pois vários proxectís atinxiran a liña de aboiación, lograron achegar-se ao inimigo e o abordaron poñéndo-se a loitar en cuberta. Como os tripulantes do iate combatían dun modo torpe e cruel, tiveron que matá-los a todos.
Tres dos homes do Emma, mesmo o capitán Collins e o primeiro oficial Gree, morreron; e os oito restantes, baixo o mando do segundo oficial, Johansen, puxeron-se a navegar na dirección seguída orixinalmente polo iate, a fin de descobrir por que motivo se lles ordenara mudar de rumo.
Ao dia seguinte desembarcaron nunha illiña que non figuraba en nengún mapa. Seis dos homes morreron alá, ainda que Johansen se mostrou particularmente reticiente a este respecto e dixo que cairan nunha fenda entre as penas.
Máis tarde, semella, Johansen e os seus parceiros voltaron ao iate e trataron de o facer navegar, pero foron vencidos pola trevoada do 2 de abril.
Desde ese dia até o 12 de abril, data en que foi recollido polo Vigilant, Johansen non lembra nada, nen sequera cando morreu o seu parceiro William Briden. A morte non se debeu aparentemente a outra causa que a privacións.
Cables procedentes de Dunedin informan que o Alert era moi coñecido como barco de carga e tiña moi mala reputación. Pertencia a un curioso grupo de mestizos cuxas frecuentes incursións noiturnas aos bosques atraían non pouca curiosidade. Despóis da trevoada e os tremores de terra do 1º de marzo fixera-se á vela.
O noso corresponsal en Auckland afirma que o Emma e os seus tripulantes gozaban dunha excelente reputación e que Johansen é un home digno de toda confianza.
O almirantazgo vai iniciar unha investigación sobre este asunto, durante a cal tratará-se de convencer a Johansen para que fale mais libremente.
Isto era todo, ademais da diabólica imaxe, pero que pensamentos acordou na miña mente! Estas novas e preciosas novas verbo do culto de Cthulhu probaban que éste tiña fieis seguidores tanto no mar como na terra. Que motivo impulsara á híbrida tripulación a ordenar o regreso do Emma mentres navegaban co seu ídolo? Que illa descoñecida era aquela na que morreran seis dos tripulantes, verbo do cal o contramestre Johansen se mostraba tan reticente? Que resultado tivera a investigación do almirantazgo e que se sabia do odioso culto en Dunedin? E o máis extraordinário, que profunda e natural relazón de feitos era esta que daba unha significazón maligna e inegable aos sucesos tan cuidadosamente anotados polo meu tío?
O 1º de marzo – o 28 de febreiro dacordo co fuso horário internacional – produciran-se unha trevoada e un terremoto. O Alert e a sua malencarada tripulación deixaran Dunedin como obedecendo un imperioso chamado, e no outro estremo da Terra poetas e artistas comezaran a soñar con unha ciclópea cidade submariña mentres un xove escultor modelaba, en soños, a forma do terrible Cthulhu.
O 23 de marzo a tripulación do Emma desembarcaba nunha illa descoñecida, perdendo alá seis homes; e nesa mesma data os soños dalgunhas persoas atinxiron a sua maior intensidade e se oscurecieron co terror dun monstro maligno e xigantesco, mentres un arquitecto voltaba-se tolo, e un escultor caía présa do delirio. E o que pensar desa trevoada do 2 de abril, data na que cesaron todos os soños da cidade mergullada, e Wilcox saiu indemne daquela febre estraña? O que pensar igualmente daquelas alusións do vello Castro aos Antigos vidos das estrelas e ao seu reino próximo, e ao seu culto, e ao seu governo dos soños? Estaba balanceándome no borde dun abismo de horrores cósmicos, insuportábeis para un ser humano? En todo caso non afectaron se non á mente, pois o 2 de abril puxo termo dalgun modo á mostruosa ameaza que sitiara a alma dos homes.
Aquela tarde, despóis de ter pasado o día enviando telegramas e facendo urxentes preparativos, despedin-me do meu hóspede e tomei un tren para San Francisco. En menos dun mes cheguei a Dunedin, onde, non embargante, descobrin que se sabía moi pouco dos estraños membros do culto que viveran nas pousadas marineras. O vagamundeo nos peiraos era asunto demasiado común, e non valia a pena mencioná-lo ; pero algo ouvín a propósito dunha expedición terrestre realizada por estes mestizos durante a cal escoitou-se o débil petar duns tambores e viu-se un lume vermello nas cuíñas afastadas.
En Auckland enteirei-me de que Johansen voltara a Sidney, onde acababa de sometérselle a un inútil interrogatorio, co pelo totalmente cano, e que despóis de vender a súa casiña de West Street voltara coa sua muller ao seu vello lar, en Oslo. Da súa aventura non dixo aos seus amigos máis do que xa sabian os oficiais do almirantazgo, e todo o que puideron facer foi dar-me o seu novo enderezo.
Voltei entón a Sidney, e falei sen éxito con xente de mar e membros da corte. Vin o Alert en Circular Quay, na baía de Sidney, pero nada me revelou o seu casco. A imaxe en créquenas, de cabeza de polvo, corpo de dragón, asas escamosas, e pedestal con hieroglíficos, conservaba-se no museu de Hyde Park. Examinei-na con coidado, e descobrín que estaba esquisitamente labrada, e tiña o mesmo profundo mistério, terrible antigüidade, e sobrenatural rareza de material que o exemplar mais pequeno de Legrasse. Para os xeólogos, dixo-me o conservador do museu, a estátua era un enigma monstroso, e xuraban que non había no mundo unha pena semellante. Lembrei, estremecendo-me, o que dixera o vello Castro a Legrasse a propósito dos primeiros Grandes Antigos:
“Viñeron das estrelas, e trouxeron consigo as suas imaxes“.
Profundamente perturbado resolvín visitar ao oficial Johansen en Oslo. Cheguei a Londres, reembarqueime deseguida para a capital de Noruega, e un dia de outono botei pé a terrra nun limpo desembarcadeiro, á sombra do Egeberg.
A casa de Johansen, descobrín, estaba situada na Cidade Vella do rei Harold Haardrada, que conservara o nome de Oslo durante os séculos en que a cidade principal adoptase o nome de Cristianía. Fixen a curta viaxe nun taxi, e petei co corazón tremoroso a porta dunha casa vella e limpa de fronte xesado. Saiu a receber-me unha muller de cara triste, vestida de negro, quen me comunicou nun inglés vacilante que Gustav Johansen non era xa deste mundo.
Non sobrevivira moito ao seu regreso, pois a sua aventura mariña de 1925 lle estragara a saúde. A muller non sabia máis que o público, pero Johansen deixara un longo manuscrito, que trataba “asuntos técnicos”, escrito en inglés coa intención manifesta de que a súa esposa non-o entendese. Mentres paseaba por unha rúa, preto do peirao de Goteborg, un atado de vellos xornais, saído da xanela dun altiño, petou-no e fixo-o cair. Dous mariñeiros índios axudaron-o deseguida a erguer-se , pero o home morreu antes que chegase a ambuláncia. Os médicos, incapaces de precisar a causa do deceso, atribuiran-o a un malestar do corazón e a un debilitamento xeral.
Sentín entón que un escuro terror, que non me abandonaria até que a min tamén me fose lembrado o eterno repouso, “acidentalmente” ou por outro motivo, me traspasaba os ósos. Tendo persuadido á viúva de que o meu coñecemento deses “asuntos técnicos” me autorizaba a posuir o manuscrito, levei-me o documento e comecei a lé-lo no barco que me conducía a Londres.
Era un relato simples, desordeado; un diário de mar redactado de memória no que se tentaba recoller día a día aquela última e terrible viaxe. Non o transcriberei literalmente por mor das súas escuridades e redundáncias, pero o meu resumo abondará para explicar por que o rumor das augas contra os custados do buque se me fixo tan intolerable que tiven que taponarme os ouvidos.
Johansen, grazas a Deus, non o sabía todo, ainda que viu a cidade e o monstro; pero eu xa non poderei dormir en paz mentres lembre o horror que espera emboscado do outro lado da vida, no tempo e o espazo, e aquelas malditas criaturas que viñeron dos astros máis antigos e que soñan nas profundidades do mar, coñecidas e favorecidas por un culto de pesadelo decidido a lanzá-las sobre o noso planeta cada vez que algún terremoto volte a elevar a monstrosa cidade de pedra ao ar e a luz do sol.
A viaxe de Johansen comezara tal como o declarara el mesmo ante o almirantazgo. O Emma deixara Auckland en lastre o 20 de febreiro, e sentiu todo o impacto desa tempestade consecutiva ao terremoto que arrincou aos abismos mariños o horror que povoou os soños dos homes. Recobrado o governo, o buque navegou favorablemente até se atopar co Alert o 22 de marzo (e sentin a mágoa do oficial ao descreber o bombardeo e o afundimento da súa nave). Dos mestizos do iate, Johansen falaba cun horror sinificativo. Había algo abominabel neles que facia que a súa destrucción semellase case un deber, e Johansen se surprende ante a acusación de crueldade que contra el e os seus parceiros fixo a corte. Xa no iate capturado, Johansen e os seus homes, impulsados pola curiosidade, proseguen viaxe até avistar unha alta coluna de pedra que emerxe do océano, e aos 49º9′ de latitude oeste, e 126º43′ de lonxitude sul, atopan-se ante unha costa barrosa, e unha albanelería ciclópea cuberta de algas que non pode ser senon a substáncia tanxible do terror supremo do universo: a cidade morta de R’lyeh, construída hai millóns de anos, antes dos comenzos da nosa história, polas enormes e horrorosas criaturas que desceron desde uns astros descoñecidos. Alá xacen o grande Cthulhu e os seus parceiros, agochos nunhas bóvedas verdes e húmidas desde onde envian, despóis de incalculabeis ciclos, pensamentos que aterrorizan aos homes sensibles e reclaman impériosamente aos fieis do culto que inicien a pelegrinaxe da liberación e a restauración. O oficial Johansen iñoraba todo isto, pero Deus sabe ben que vira abondo!
Coido que emerxeu das augas só o cúmio da cidadela, coroada por un enorme monolito, onde xaz o grande Cthulhu. Cando imaxino o tamaño de todo o que pode agochar o fondo do oceano, sinto desexos de morrer sen esperar xa máis. Johansen e os seus homes sentiron-se estarrecidos ante a maxestade cósmica desta húmida Babilonia habitada por demos, e deberon suspeitar, instintivamente, que non pertencia nen a éste nen a nengun outro planeta similar. En todas as liñas da estremecida descrición de Johansen adverte-se o mesmo pavor; ante o tamaño indescriptible dos blocos de pedra verde, ante a altura vertixinosa do monolito labrado, ante a asombrosa identidade desas colosais estátuas e baixorrelevos coa rara imaxe atopada na sentina do Alert.
Sen coñecer o futurismo, Johansen descrebe, ao falar da cidade, algo moi semellante a unha obra futurista. En vez de se referer a unha estrutura definida, algun edifício, reduce-se a falar de vastos ángulos e superfícies pétreas… superfícies demasiado grandes para ser deste mundo, e cubertas por hieroglíficos e imaxes horribles. Menciono estes ángulos pois lémbranme aos soños que me relatou Wilcox. O xove escultor afirmou que a xeometría da cidade dos seus soños era anormal, non euclidiana, e que suxería esferas e dimensións distintas das nosas. Agora un mariño ilustrado tiña ante a terrible realidade a mesma impresión.
Johansen e os seus homes desembarcaron na práia desta monstrosa acrópole, e rubiron-se, esbarando, polos titánicos e mofosos chanzos que nengún ser humano puidese edificar. O sol mesmo semellaba deformado cando llo ollaba a través das miasmas polarizadas que emanaban desta perversión submariña; unha ameaza tortuosa axexaba neses ángulos desconcertantes onde unha segunda ollada descobría unha concavidade onde se crera ver a convexidade.
Todos os exploradores, inda antes de ver algo definido (salvo as penas, os mofos e as algas) sentiron-se présos dun indefinible terror. Todos escaparian se non temesen a burla dos outros, e só de mala vontade se decidiron a buscar – vámente, como comprenderon máis tarde – algo que servise de lembranza.
Rodrigues, o portugués, foi o primeiro en chegar á base do monolito e berrou-lles aos outros o que acababa de descobrir. Pouco máis tarde os homes contemplaron curiosamente unha enorme porta de pedra labrada co xa familiar baixorrelevo do polvo-dragón. Asemellaba-se, di Johansen, á enorme porta dun celeiro. Todos viron alá unha porta, xa que estaba encadrada nun limiar, un dintel e dous montantes, pero ninguén puido decidir se estaba situada horizontalmente, como a porta dunha trampa, ou algo inclinada, como a porta exterior dun altiño. Como o dixese Wilcox, a xeometría do lugar era errónea. Un non podia estar seguro de que o mar e o chan fosen horizontais, de modo que a posición relativa de todo o resto semellaba variar.
Briden calcou sobre a pedra en diversos sítios sen resultado. Entón Donovan apalpou con delicadeza os bordes, apertando separadamente cada ponto. Subiu con lentitude ao longo da grotesca moldura de pedra – pode dicer-se que subiu se se admite que a porta non era ao fin e ao cabo horizontal -, e os homes se preguntaron como unha porta podia ser tan enorme. Ao fin, moi suavemente, moi lentemente, a parte superior do panel comezou a inclinar-se cara adentro, e todos viron que a pedra se balanceaba.
Donovan deslizou-se ou subiu dalgún modo ao longo dun dos montantes, e os homes puxeron-se a observar o curioso retroceso da porta monstrosa. Neste fantástico mundo de deformacións prismáticas, a pedra desprazaba-se anormalmente en diagonal, desprezando todas as leis da matéria e a perspectiva.
A abertura mostraba unha escuridade case material. Estas tebras tiñan realmente unha cualidade positiva, pois ocultaban algunhas partes das paredes interiores que debian ser visibles. Ao fin xurdiu daquela cárcere milenária algo así como unha humareda que oscureceu a luz do sol mentres se elevaba cara o ceu, empequenecido e arrogado, coa axuda das suas alas membranosas. O cheiro que saía daqueles abismos recén abertos era insuportable, e Hawkins, que tiña o ouvido fino, coidou ouvir alá abaixo un són chapoteante e inmundo. Todos escoitaron, e todos escoitaban ainda cando o monstro se fixo visible, babeando e apretando a sua imensidade verde e xelatinosa a través da tebrosa abertura até se elevar pesadamente no ár corrompido daquela cidade de pesadelo.
A letra do pobre Johansen é á penas intelixible nesta parte. Dos seis homes que nunca chegaron ao barco, coida que dous morreron simplesmente de medo naquel intre maldito. O monstro está alén de toda posible descrición. Non hai linguaxe aplicable a ese abismo de horror inmemorial, a esa pavorosa contradicción de todas as leis da matéria, a forza e a orde cósmicas. Unha montaña que camiñaba. Deus! Pode estrañar que no outro lado da Terra tolease un grande arquitecto, e que naquel telepático intre a febre devorase ao pobre Wilcox? O monstro dos ídolos, o verde e viscoso demo vido de outros astros, acordara para reclamar os seus direitos. As estrelas eran outra vez favorabeis, e o que un vello culto non pudera lograr pola sua vontade, un puñado de inocentes mariñeiros o facia por acidente. Despóis de millóns e millóns de anos o grande Cthulhu era libre outra vez.
Tres homes foron varridos por aquelas patas membranosas antes que ninguén tivese tempo de se voltar. Que descansen en paz, se hai algun descanso no universo. Eran Donovan, Guerrera e Angstrom. Parker esbarou mentres os outros tres sobrevivintes precipitaban-se nun escenário infinito de penas esverdeadas. Johansen xura que foi absorbido cara enriba por un ángulo que non debía estar alá; un ángulo agudo que se comportara como se fose obtuso. De modo que só Briden e Johansen chegaron ao bote, e se dirixiron até o Alert mentres a montañosa monstrosidade descendía polos chanzos de pedra esbaradiza e se detiña, titubeando, a beiras da auga.
As caldeiras ficaran funcionando a pesar de que todos baixaran a terra, e abondaron uns poucos segundos de frenéticas corridas entre rodas e motores para pór en marcha o Alert. Lentamente, entre os horrores distorsionados desa escena indescriptible, a hélice comezou a petar as augas. Mentres tanto, na costa mortal, sobre aquelas construccións que non eran deste mundo, o monstro xigantesco vido das estrelas emitía uns berros inarticulados, como Polifemo ao maldicer o veloz navío de Ulises. Deseguida, con máis audácia cós cíclopes da lenda, o grande Cthulhu penetrou nas augas e iniciou a persecuzón cuns golpes que ergueron unhas enormes ondas. Briden voltou a vista e toleou. Desde entón ríu a intervalos até que a morte o atinxiu na sua cabina mentres Johansen vagaba delirando dun lado a outro.
Pero Johansen non abandonara a partida. Comprendendo que o monstro atinxiría seguramente o Alert antes que a presión chegase ao máximo, resolveu tentar algo desesperado, e, acelerando os motores, subiu á cuberta e fixo xirar o timón. Na superfície das augas houbo un remuíño espumoso, e mentres medraba a presión do vapor, o valente noruego dirixiu o navío contra aquela montaña xelatinosa que se alzaba sobre as suxas espumas como a popa dun galeón demoníaco. A horrible cabeza de pulpo, envolta en tentáculos, chegaba case até a ponta do bauprés; pero Johansen non recuou.
Houbo un estalo como o dun globo que se desinfla, un líquido inmundo como o que xurde dun fendido peixe lúa, unha fetidez que o cronista non se atreveu a descreber.
Durante un intre unha nube verde, acre e enceguecedora, envolveu ao buque, e un fervor maligno ficou a popa, onde – Deus do ceu – a esparexida plasticidade daquela entidade celeste estaba a se recombinar e recobrando a sua forma primitiva, mentres o Alert se afastaba máis e máis, e gañaba velocidade.
Iso foi todo. Dende ese momento Johansen contentouse con meditar sobre o ídolo da cabina e preparar unhas poucas comidas para el e o seu toleado parceiro. Non tratou de dirixir o navío; despois daquel incidente perdera algún dos resortes da súa alma. Entón sobreveu a treboada do 2 de abril, que acabou de nublar a sua conciéncia.
Lembraba confusamente infinitos abismos líquidos de espectrais paredes xiratórias, vertixinosos desprazamentos por mundos fuxidíos no rabo dun papa-ventos, e saltos convulsivos das profundidades do mar até a lúa e entón outra vez até o mar, todo envolvido no coro de gargalladas das antigas divindades e dos verdes demos do Tártaro, de alas de mórcego.
Despóis deses pesadelos veu o resgate, o Vigilant, o tribunal do almirantazgo, as rúas de Dunedin e a longa viaxe de retorno á casa natal, xunto ao Egeberg. Nada podía contar; pasaría por tolo. Escrebería-o toda antes de morrer, pero a sua muller non debería suspeitar ren. A morte sería para el beneficiosa só se borraba os recordos.
Tal era o documento que lin. Gardei-no na caixa de lata xunto co baixorrelevo de arxila e os papeis do profesor Angell. Incluirei este relato, esta proba da miña própria cordura onde se uníu o que espero nunca voltará a unir-se. Contemplei todo o que no universo pode haber de horroroso, e inda os ceos da primavera e as flores do verán semellarán-me desde agora impregnados de veneno. Pero non coido que viva moito. Como desapareceron o meu tío e o pobre Johansen, asi desaparecerei eu. Coñezo demasiado, e o culto ainda existe.
Cthulhu existe tamén, supoño, nese refúxio de pedra que lle serve de abrigo desde que o sol era xove. A súa cidade maldita afundiu-se outra vez, pois o Vigilant navegou por aquel lugar despóis da treboada de abril; pero os seus ministros na Terra bailan ainda, e cantan e matan en lugares aillados, ao redor de monolitos de pedra coroados de imaxes. Cthulhu tivo que ser atrapado polos abismos submariños pois se non o mundo berraria agora de horror. Quen coñece o fin? O que xurdiu agora pode afundir-se e o que se afundiu pode xurdir. A abominación espera e soña nas profundidades do mar, e sobre as vacilantes cidades dos homes aboia a destrucción.
Chegará o dia… pero non debo nen podo pensá-lo! Rogo que se non sobrevivo a este manuscrito, os meus executores testamentarios coiden de que a prudéncia sexa maior que a audácia e impidan que caia baixo outros ollos.
FIN
(Tradución de Fran Morell)
Aire frío
12 de Decembro de 2004 por H.P. Lovecraft
Arquivado como Relatos
Comments Off
Peden-me que explique por que temo as correntes de aire frío, por que aterezo mais ca outros ao entrar nun cuarto frio e semella como se sentise náuseas e repulsión cando o fresco vento do anoitecer comeza a se eslizar por entre a calurosa atmosfera dun apacibel dia outonal. Segundo alguns, reacciono fronte ao frío como outros o fan fronte aos cheiros, impresión ésta que non negarei. O que farei é referer o caso mais espeluznante que me aconteceu, para que vostés xulguen en consecuencia se constitue ou non unha razoada explicación desta peculiaridade miña.
É un engano crer que o horror se asocia inextricabelmente coa escuridade, o silenzo e a soidade. Eu dei-me de bruces con el en plena tarde, en pleno axetreo da grande urbe e en meio do bulicio próprio dunha destartalada e modesta pensión, en compaña dunha prosaica patrona e dous fornidos homes. Na primavera de 1923 conseguira un traballo abondo monótono e mal remunerado nunha revista da cidade de New York; e vendo-me imposibilitado de pagar un substancioso aluguer comecei a me mudar dunha pensión barata a outra na procura dun cuarto que axuntase as cualidades dunha certa limpeza, un mobiliario que puidese pasar e un prezo o mais razoabel posíbel. Axiña comprobei que non ficaba mais remedio que escoller entre solucións malas, pero tras algun tempo recalei nunha casa situada na rua Catorce Oeste que me desagradou abondo menos que as outras nas que me aloxara até entón.
O lugar en cuestión era unha mansión de pedra vermella de catro andares, que debia datar de finais da década de 1840, e provista de mármore e obra de marquetería cuxo ferruxoso e descolorido esplendor era mostra da esquisita opuléncia que debeu ter noutras épocas. Nos cuartos, amplos e de teito alto, empapeladas co pior gosto e adornadas con artesonado de escaiola, habia un persistinte cheiro a fumidade e a duvidosa cociña. Pero os chans estaban limpos, a roupa de cama podia pasar e a auga quente á penas cortaba-se ou enfriaba, de forma que cheguei a considerá-lo como un lugar cando menos suportabel para hibernar até o dia no que puidese voltar realmente a viver. A patrona, unha esfarrapada e case barbuda muller española apelidada Herrero, non me importunaba con faladurías nen se queixaba cando deixaba acendida a luz até altas horas no vestíbulo do meu terceiro andar; e os meus parceiros de pensión eran tan pacíficos e pouco comunicativos como desexaria, tipos toscos, españois na sua maioría, á penas co menor grau de educación. Só o estrepito dos coches que circulaban pola rua constituía unha auténtica moléstia.
Levaria alá unhas tres semanas cando se produciu o primeiro estraño incidente. Unha noite, a iso das oito, oín como se caisen pingas no chan e de súpeto advertin que levaba un pouco respirando o acre cheiro característico do amoníaco. Tras botar unha ollada ao meu redor, vin que o teito estaba húmido e pingaba; a fumidade procedia, seica, dun ángulo da fachada que daba á rua. Desexoso de corta-la na sua orixe, dirixin-me á planta baixa para llo dicer á patrona, quen me segurou que o problema se solucionaria de contado.
- O doutor Muñoz – dixo en voz alta mentres corria escadas en riba diante de min -, debeu derramar algun produto químico. Está enfermo de máis para coidar de si mesmo – cada dia que pasa está mais enfermo -, pero non quere que ninguén lle atenda. Ten unha enfermidade moi estraña. Todo o dia pasa-o tomando baños dun cheiro moi raro e non pode excitar-se nen acalorarse. El mesmo fai-se a limpeza; o seu pequeno cuarto está cheo de botellas e de máquinas, e non exerce de médico. Pero noutros tempos foi famoso – o meu pai oiu falar del en Barcelona -, e non fai moito lle curou ao fontaneiro un brazo que se ferira nun acidente. Xamais sae. Todo o mais ve-se-lle de vez en cando na terraza, e o meu fillo Esteban lle leva ao cuarto a comida, a roupa limpa, as medicinas e os preparados químicos. Meu Deus, hai que ver a sal de amoníaco que gasta ese home para estar sempre fresco!
Mrs. Herrero desapareceu polo burato da escada en dirección ao cuarto andar, e eu voltei ao meu cuarto. O amoníaco deixou de pingar e, mentres recollia o que se vertera e abria a xanela para que entrase aire, oí enriba os macilentos pasos da patrona. Nunca ouvira falar ao doutor Muñoz, a excepción de certos sons que semellaban mais ben próprios dun motor de gasolina. O seu andar era calmo e á penas perceptibel. Por uns intres inquirin-me que estraña doenza podia ter aquel home, e se a sua teimada negativa a calquera auxilio provinte da exterior non seria senon o resultado dunha extravagáncia sen fundamento aparente. Hai, ocorreu-se-me pensar, un tremendo pathos no estado daquelas persoas que en algun momento da sua vida ocuparon unha posición alta e posteriormente perdérona.
Aire frio: un fotograma do filmeTalvez non coñecera nunca ao doutor Muñoz, de non ter sido polo ataque ao corazón que de súpeto sofrin unha mañá mentres escrebia no meu cuarto. Os médicos advertiran-me do perigo que corria se me sobreviñan tales accesos, e sabia que non habia tempo que perder. Asi pois, lembrando o que a patrona dixera verbo dos cuidados emprestados por aquel enfermo ao obreiro ferido, arrastrei-me como puiden até o andar superior e petei á porta xusto encima da miña. Os meus golpes foron contestados en bo inglés por unha estraña voz, situada a certa distáncia á direita da porta, que perguntou cal era o meu nome e o obxecto da miña visita; aclarados ambos pontos, abriu-se a porta contigua á que eu chamara.
Un sopro de aire frío saiu a receber-me a maneira de saúdo, e ainda que era un deses dias calurosos de finais de xuño, me puxen a aterecer ao traspasar o limiar dunha ampla estáncia, cuxa elegante e suntuosa decoración surprendeu-me en tan destartalado e mugriento niño. Unha cama pregabel desempeñaba agora o seu diurno papel de sofá, e os móbeis de caoba, luxosas cortinas, antigos cadros e andeis facian pensar mais no estudo dun señor de boa crianza que no cuarto dunha casa de hóspedes. Puiden ver que o vestíbulo que habia encima do meu – o “pequeno cuarto” enchido de botellas e máquinas ao que se referira Mrs. Herrero – non era senon o laboratório do doutor, e que o principal cuarto era a espazosa peza contigua a éste cuxos confortabeis nichos e amplo cuarto de baño lle permitian ocultar todos os aparadores e engorrosos enxeños utilitários. O doutor Muñoz, non cabía dúvida, era todo un cabaleiro culto e refinado.
A figura que tiña perante min era de estatura baixa pero extraordináriamente ben proporcionada, e levaba un traxe un tanto formal de excelente corte. Unha cara de nobres faccións, de expresión firme ainda que non arrogante, adornada por unha recortada barba de cor gris metálica, e uns anticuados quevedos que protexian uns escuros e grandes ollos coroando un nariz aguileño, conferían un toque mouruno a unha fisonomía polo demáis predominante ibérica. O abundante e ben cortado pelo, que era proba de pontoais visitas ao barbeiro, estaba partido con graza por unha raia encima da sua respeitabel fronte. O seu xeito xeral suxeria unha intelixéncia fóra do corrente e unha crianza e educación excelente.
Non obstante, ao ver ao doutor Muñoz en meio daquel chorro de aire frío, experimentei unha repunáncia que nada no seu xeito semellaba xustificar. Só a palidez da sua tez e a extremo frialdade do seu tacto poderian ter proporcionado un fundamento físico para semellante sensazón, e mesmo ambos defeitos eran excusabeis habida conta da enfermidade que padecía aquel home. A miña desagradabel impresión puido tamén deber-se a aquel estraño frío, pois non tiña nada de normal en tan caluroso dia, e o anormal suscita sempre aversión, desconfianza e medo.
Pero a repunáncia cedeu axiña paso á admiración, pois as extraordinárias dotes daquel singular médico se puxeron ao ponto de manifesto a pesar daquelas xeadas e tremorosas mans polas que semellaba non circular sangue. Abondou-lle unha ollada para saber o que me pasaba, sendo os seus auxilios dunha destreza maxistral. Ao tempo, tranquilizaba-me cunha voz firmente modulada, ainda que estrañamente oca e carente de todo timbre, dicendo-me que el era o mais implacabel inimigo da morte, e que gastara a sua fortuna persoal e perdera a todos os seus amigos por se adicar toda a vida a estraños experimentos para achar a forma de deter e extirpar a morte. Algo de benevolente fanatismo semellaba advertir-se naquel home, mentres seguia falando nun ton case locuaz ao tempo que me auscultaba o peito e misturaba as drogas que apañara do pequeno cuarto destinado a laboratório até conseguir a dose debida. Evidentemente, a compaña dun home educado debeu semellar-lle unha rara novidade naquel miserábel antro, de aí que se lanzase a falar mais acostumado a medida que rememoraba tempos mellores.
A sua voz, ainda que algo rara, tiña alomenos un efeito sedante; e nen sequera puiden perceber a sua respiración mentres as fluídas frases saían con esquisito esmero da sua boca. Tratou de me distrair das miñas preocupacións falando-me das suas teorias e experimentos, e lembro con que tacto consolou-me acerca do meu fráxil corazón insistindo en que a vontade e a conciéncia son mais fortes cá vida orgánica mesma. Dicia que se lograba manter-se saudabel e en bo estado o corpo, podia-se, mediante o esforzo científico da vontade e a conciéncia, conservar unha espécie de vida nervosa, calesqueira que fosen os graves defeitos, disminucións ou mesmo ausencias de órgaos específicos que se sofresen. Algun dia, dixo-me meio en brincadeira, aprenderia-me como viver, ou alomenos, levar unha certa existéncia consciente, sen corazón! Pola sua parte, sofria dunha série de doenzas que lle obrigaban a seguir un réxime moi estrito, que incluía a necesidade de estar exposto constantemente ao frío. Calquera aumento apreciabel da temperatura podia, caso de se prolongar, afectar-lle fatalmente; e lograra manter o frío que reinaba na sua estáncia – duns 11 a 12 graus – grazas a un sistema absorbente de enfriamento por amoníaco, cuxas bombas eran accionadas polo motor de gasolina que con tanta frecuéncia oia desde o meu cuarto situado xusto embaixo.
Recuperado do ataque nun tempo extraordináriamente breve, sain daquel lugar xelado convertido en fervente discípulo e devoto do xenial recluso. A partir dese dia, fixen-lle frecuentes visitas sempre co abrigo posto. Escoitaba-lle atentamente mentres falaba de secretas investigacións e resultados case calofriantes, e un estremecemento apoderou-se de min ao examinar os singulares e espantosos volumes antigos que se aliñaban nos andeis da sua biblioteca. Debo engadir que me atopaba xa case completamente curado da miña doenza, grazas aos seus acertados remédios. Seica o doutor Muñoz non desdeñaba os esconxuros dos medievalistas, pois cria que aquelas fórmulas crípticas contiñan raros estímulos psicolóxicos que ben poderian ter efeitos indecibeis sobre a substáncia dun sistema nervoso no que xa non se desen latexos orgánicos. Abraiou-me grandemente o que me contou do anciano doutor Torres, de Valéncia, con quen realizou os seus primeiros experimentos e que lle atendeu a el no decurso da grave enfermidade que padeceu 18 anos atrás, e da que procedian os seus actuais transtornos. Ao pouco tempo de salvar ao seu colega, o anciano médico sucumbiu vítima da grande tensión nervosa a que se viu sometido, pois o doutor Muñoz me susurrou claramente ao oido – ainda que non con detalle – que os métodos de curación empregados foran de todo ponto excepcionais, con terapéuticas que non serian seguramente do agrado dos galenos de cuño tradicional e conservador.
A medida que transcorrian as semanas, observei con dor que o xeito físico do meu amigo ia desmellorándose, amodo pero irreversíbelmente, tal como me dixera Mrs. Herrero. Intensificou-se o lívido xeito da sua face, a sua voz fixo-se mais oca e indistinta, os seus movementos musculares perdian coordinación de dia en dia e o seu cerebro e vontade desplegaban menos flexibilidade e iniciativa. O doutor Muñoz semellaba dar-se perfeita conta de tan lamentabel empioramento, e pouco a pouco a sua expresión e conversación foron adquirindo un matiz de horríbel retranca que me fixo recobrar algo da indefinida repunáncia que experimentei ao coñecer-lle. O doutor Muñoz adquiriu co tempo estraños caprichos, afeizoando-se ás espécias exóticas e ao incenso egipcio, até o ponto de que o seu cuarto impregnou-se dun cheiro semellante ao da tumba dun faraón enterrado no Val dos Reis. Ao mesmo tempo, a sua necesidade de aire frío foi en aumento, e, coa miña axuda, ampliou os conductos de amoníaco do seu cuarto e transformou as bombas e sistemas de alimentación da máquina de refrixeración até lograr que a temperatura descendese a un ponto entre un e catro graus, e, finalmente, mesmo a dous baixo cero; o cuarto de baño e o laboratório conservaban unha temperatura algo mais alta, a fin de que a auga non se xease e puidesen dar-se os procesos químicos. O hóspede que habitaba no cuarto contiguo queixou-se do aire glacial que se filtraba a través da porta de comunicación, asi que tiven que axudar ao doutor a pór unhas tupidas cortinaxes para solucionar o problema. Unha espécie de crecente horror, desmedido e morboso, semellou apoderarse del. Non cesaba de falar da morte, pero estalaba en xordos risos cando, no decurso da conversa, aludía-se con suma delicadeza a cousas como os preparativos para o enterro ou os funerais.
Co tempo, o doutor acabou convertendo-se nunha desconcertante e até desagradabel compaña. Pero, na miña gratitude por me ter curado, non podia abandoar-lle nas mans dos estraños que lle rodeaban, asi que tiven bo coidado de limpar o seu cuarto e atender-lle nas suas necesidades cotidiás, embutido nun groso gabán que me merquei especialmente para tal fin. Asimesmo, facia-lle o groso das suas compras, ainda que non saía do meu estupor ante alguns dos artigos que me encarregaba mercar nas farmácias e armacéns de produtos químicos.
Unha crecente e indefinibel atmosfera de pánico semellaba desprenderse da sua estáncia. A casa inteira, como xa dixen, despedia un cheiro a fumidade; pero o cheiro dos cuartos do doutor Muñoz era ainda pior, e, non obstante as espécias, o incenso e o acre, perfume dos produtos químicos dos agora incesantes baños – que insistia en tomar sen axuda algunha -, comprendin que aquel cheiro debia gardar relazón coa sua enfermidade, e me estremecin ao pensar cal poderia ser. Mrs. Herrero persignaba-se cada vez que se cruzaba con el, e finalmente abandonou-no por inteiro nas miñas mans, non deixando sequera que o seu fillo Esteban seguise facendo-lle os mandados. Cando eu lle suxeria a conveñéncia de avisar a outro médico, o paciente montaba no máximo estado de cólera que semellaba atrever-se a atinxir. Temia sen dúvida o efeito físico dunha violenta emoción, pero a sua vontade e coraxe medraban en lugar de minguar, negando-se a meter-se na cama. A laxitude dos primeiros dias da sua enfermidade deu paso a un retorno do seu veemente ánimo, até o ponto de que semellaba desafiar a berros ao demo da morte inda cando correse o risco de que o tradicional inimigo se apoderase del. Deixou de comer, algo que curiosamente sempre deu a impresión de ser unha formalidade nel, e só a enerxia mental que lle restaba semellaba librar-lle do colapso definitivo.
Adquiriu o costume de escreber longos documentos, que selaba con coidado e enchia de instruccións para que á sua morte os remitise eu aos seus destinatários. Estes eran na sua maioria das Índias Ocidentais, pero entre eles atopaba-se un médico francés famoso noutro tempo e ao que agora se daba por morto, e do que se dician as cousas mais incríbeis. Pero o que fixen en realidade foi queimar todos os documentos antes de os enviar ou abrí-los. O xeito e a voz do doutor Muñoz voltaron-se horrorosos e a sua presenza case insuportábel. Un dia de setembro, unha inesperada ollada suscitou unha crise epiléptica nun home que viñera a reparar a lámpada eléctrica da sua mesa de traballo, ataque éste do que se recuperou grazas ás indicacións do doutor mentres se mantiña lonxe da sua vista. Aquel home, abondo surprendentemente, vivera os horrores da grande guerra sen sofrer tamaña sensazón de terror.
Un dia, a meiados de outubro, sobreveu o horror dos horrores de forma pasmosamente repentina. Unha noite, a iso dos once, rompeu-se a bomba da máquina de refrixeración, polo que pasadas tres horas resultou imposíbel manter o proceso de enfriamento do amoníaco. O doutor Muñoz avisou-me dando golpes no chan, e eu fixen o imposíbel por reparar a avaria, mentres o meu viciño non cesaba de lanzar imprecacións nunha voz tan exánime e espeluznantemente oca que excede toda posíbel descrición. Os meus esforzos de afeizoado, empero, resultaron inútis; e cando ao cabo dun pouco me apresentei con un mecánico dun garaxe nocturno cercano, comprobamos que nada podia facer-se até a mañá seguinte, pois facia falta un novo pistón. A carraxe e o pánico do moribundo ermitaño adquiriron proporcións grotescas, dando a impresión de que fose a quebrar-se o que ficaba do seu debilitado físico, até que nun momento dado un espasmo lle obrigou a levar-se as mans aos ollos e precipitar-se cara o cuarto de baño. Saiu de alá a tentas co rosto fortemente vendado e xa non voltei a ver os seus ollos.
O frío reinante na estáncia comezou a diminuir de forma abondo apreciabel e ás cinco da mañá o doutor retirou-se ao cuarto de baño, ao tempo que me encarregaba lle procurase todo o xelo que puidese conseguir nas tendas e cafeterías abertas durante a noite. Cada vez que tornaba dalgunha das miñas desalentadoras correrias e deixaba o botín diante da porta pechada do baño, podia ouvir un incansábel chapoteo dentro e unha voz ronca que berraba “¡Mais! Mais!”. Finalmente, amenceu un caluroso dia, e as tendas foron abrindo unha tras outra. Pedin-lle a Esteban que me axudase na procura do xelo mentres eu me encarregaba de conseguir o pistón. Pero, seguindo as ordes da sua mai, o rapaz negou-se en redondo.
En derradeira instáncia, contratei os servizos dun lacazán de fasquía zarrapastrosa a quen atopei na esquina da Oitava Avenida, a fin de que lle subise ao paciente xelo dunha pequena tenda na que lle apresentei, mentres eu me entregaba coa maior dilixéncia á tarefa de atopar un pistón para a bomba e conseguir os servizos duns obreiros competentes que o instalasen. A tarefa semellaba interminábel, e case cheguei a montar tan en cólera coma o meu ermitaño viciño ao ver como transcorrian as horas indo de acá para alá sen alento e sen interpor alimento algún, tras moito telefonar en van e ir dun lado a outro en metro e automóbil. Serian os doce cando moi lonxe do centro atopei un armacén de repostos onde tiñan o que buscaba, e hora e meia despois chegaba á pensión co instrumental necesário e dous fornidos e avezados mecánicos. Fixera todo o que estaba na miña man, e só me ficaba esperar que chegase a tempo.
Non embergantes, un indecibel terror precedera-me. A casa estaba totalmente alborotada, e por riba do incesante parloteo das amedoñadas voces puiden oir a un home que rezaba con profunda voz de baixo. Algo diabólico aboiaba no ambiente, e os hóspedes pasaban as contas dos seus rosários ao chegar até eles o cheiro que saía por baixo da atrancada porta do doutor. Seica o tipo que contratara saiu precipitadamente dando histéricos alaridos ao pouco de tornar da sua segunda viaxe na procura de xelo: quizais se debese todo a un exceso de curiosidade. Na precipitada fuxida non puido, desde entón, pechar a porta tras de si; pero o certo é que estaba pechada e, polo que semellaba, desde o interior. Dentro non se ouvia o menor ruído, salvo un indefinibel pingo lento e espeso.
Tras consultar brevemente con Mrs. Herrero e os obreiros, non obstante o medo que me tiña atenazado, opinei que o mellor seria forzar a porta; pero a patrona achou o modo de facer xirar a chave desde o exterior servindo-se dun artilúxio de arame. Con anterioridade, abríramos as portas do resto dos cuartos daquela ala do edifício, e outro tanto fixemos con todas as xanelas. De seguido, e protexidos os narices con panos, penetramos tremendo de medo no fedento cuarto do doutor que, orientado ao mediodía, abrasaba co caluroso sol de primeiras horas da tarde.
Unha espécie de rastro escuro e visgoso levaba desde a porta aberta do cuarto de baño á porta de vestíbulo, e desde aqui ao escritório, onde se formara un horríbel charco. Enriba da mesa habia un anaco de papel, garrapateado a lápis por unha repulsiva e cega man, terríbelmente manchada, tamén, seica, polas mesmas poutas que trazaron as derradeiras palabras. O rastro levaba até o sofá en onde finalizaba inexplicábelmente.
O que habia, ou houbo, no sofá é algo que non podo nen me atrevo a dicir aqui. Pero isto é o que, en meio dun estremecemento xeral, descifrei do pringoso e embadurnado papel, antes de quitar un misto e prendé-la lume até ficar só unha pavesa, que conseguin descifrar aterrorizado mentres a patrona e os dous mecánicos saían disparados daquel infernal lugar cara a comisaría mais próxima para balbucear as suas incoherentes histórias. As nauseabundas palabras resultaban pouco menos que incríbeis naquela amarelenta luz solar, co ruxido dos coches e camións que subian tumultuosamente da abigarrada Rua Catorce…, pero debo confesar que naquel momento crin o que dician. Se as crio agora é algo que sinceramente ignoro. Hai cousas acerca das cales é mellor non especular, e todo o que podo dicir é que non suporto o mais mínimo o cheiro a amoníaco e que me sinto desfallecer ante unha corrente de aire excesivamente frío.
- Chegou o final – rezaban aqueles fedorentos garrapatos. Non fica xelo… O home lanzou unha ollada e saiu correndo. O calor aumenta por momentos, e os tecidos non poden resistir. Imaxino-me que o sabe… o que dixen sobre a vontade, os nervos e a conservación do corpo unha vez que deixaron de funcionar os órgaos. Como teoria era boa, pero non podia manter-se indefinidamente. Non contei co deterioro gradual. O doutor Torres sabia-o, pero morreu da impresión. Non foi capaz de suportar o que houbo de facer: tivo que introducir-me nun lugar estraño e escuro, cando fixo caso ao que lle pedia na miña carta, e logrou curar-me. Os órgaos non voltaron a funcionar. Tiña que facer-se á miña maneira – conservación artificial – pois, comprende?, eu falecin daquela, fai xa dezaoito anos.
(Tradución de Fran Morell)
The Cats (Os Gatos)
12 de Decembro de 2003 por H.P. Lovecraft
Arquivado como Relatos
Comments Off
Os Gatos
Babeis de bloques aos altos ceos alzándo-se
Lapas de futilidade arremuiñándo-se por baixo;
Velenosos fungos nos ladrillos e pedras florecendo,
Lanternas que se estremecen e luces de morte que brillan.
Monstrosas pontes negras sobre ríos de petróleo,
Arañeiras que fían o cabo até cousas innomeabeis;
Profundas catacumbas cuxo malsán caos envía
Correntes de vida fetal que apodrece no sol.
Cór e esplendor, enfermidade e podredume,
Berrando e rodeando e reptando tola,
Exótica chusma rezando a deuses estranos,
Confusión de cheiros que afogan o cerebro.
Lexión de gatos dos calellóns noiturnos.
Oubeando e inclinándose ao luar,
Berrando o futuro con pronunciación infernal,
Berrando o Xardín da runa vermella de Plutón.
Outas torres e pirámides hedradas e desmoronadas,
Morcegos que aletean baixo nas rúas enchidas de malas herbas;
Tristes pontes de Arkham sobre ríos cuxo estrondo
xúnta-se sen voz mentres a espesa horda se retira.
Campanários que se encorvan contra a lúa bamboleante,
Cavernas cuxas bocas están polo brión borradas,
E vivindo para responder o vento e o auga,
Só os delgados gatos que oubean nos eriais.
The Cats
Babels of blocks to the high heavens towering
Flames of futility swirling below;
Poisonous fungi in brick and stone flowering,
Lanterns that shudder and death-lights that glow.
Black monstrous bridges across oily rivers,
Cobwebs of cable to nameless things spun;
Catacomb deeps whose dank chaos delivers
Streams of live foetor that rots in the sun.
Colour and splendour, disease and decaying,
Shrieking and ringing and crawling insane,
Rabbles exotic to stranger-gods praying,
Jumbles of odour that stifle the brain.
Legions of cats from the alleys nocturnal.
Howling and lean in the glare of the moon,
Screaming the future with mouthings infernal,
Yelling the Garden of Pluto’s red rune.
Tall towers and pyramids ivy’d and crumbling,
Bats that swoop low in the weed-cumber’d streets;
Bleak Arkham bridges o’er rivers whose rumbling
Joins with no voice as the thick horde retreats.
Belfries that buckle against the moon totter,
Caverns whose mouths are by mosses effac’d,
And living to answer the wind and the water,
Only the lean cats that howl in the wastes.


