Mortal Kombat nos xulgados

19 de Febreiro de 2010 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

A Threshold Entertainment ven de presentar unha demanda contra a Warner Bros. Pictures polo seu pretendido proxecto de realizar un filme sobre Mortal Kombat 3.

O filme, o terceiro da série de Mortal Kombat baseada no popular videoxogo, levaba moito tempo en desenvolvemento e semallaba que ninguén se ía facer cargo da produción até que o ano pasado a Warners se fixo coa maioría de propiedades da Midway Games, que estaba en bancarrota xudicial, e entre as franquías que acadou por poucos cartos estaban os dereitos sobre a franquía de xogos.

O martes a Threshold presentou a demanda nun xulgado de Los Angeles, acusando á compañía de “non querer cooperar e non responder á Threshold tentando saca-la fóra do proxecto“. A Threshold afirma posuir os dereitos sobre a propriedade do vindeiro filme de Mortal Kombat debido a uns acordos asinados coa extinta Midway Games en 2006. A Threshold di que un xulgado federal especial de crebas apoia os seus intereses e que lle concedeu a licéncia coma parte da venda da Midway.

Cando o pasado xaneiro xurdiron as novas sobre que a Warner estaba tentando relanzar a série e que ía contratar a un guionista para o proxecto, a Threshold decidiu poñer-se en contacto coa Warner demandando a súa parte, pero a Warner nin se molestou en lles contestar.

E Terminator vai para…

13 de Febreiro de 2010 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

Pacificor, unha empresa á penas coñecida pero baseada en Santa Barbara (Califórnia), ven de se facer cos dereitos sobre os futuros filmes que se realicen da franquía de Terminator grazas a unha aposta de tan só 29,5 millóns de dólares (21,5 millóns de euros).

A Halcyon Holding Corp puxo os dereitos sobre a popular franquía en venda á poxa o pasado martes, coa Sony Pictures e mais a Lionsgate coma os outros dous posíbeis compradores nesta carreira. Pero ningún dos dous xigantes de Hollywood puido chegar á oferta realziada pola Pacificor, o acreedor que obrigou no seu día á Halcyon a entrar en creba legal e a vender as súas propriedades para poder pagar as súas débedas. Con este movemento, a Halcyon fica definitivamente libre de débedas, ainda que legalmente iso dependerá dunha decisión final do xulgado que se producirá a finais da semana.

A Halcyon acadou facer-se con todos os benefícios xerados pola terceira e cuarta entrergas da saga, ademais dun pago único de 5 millóns de dólares por cada filme de Terminator que se realice no futuro.

Morreu a médium de Poltergeist

28 de Xaneiro de 2010 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

Tal e coma se agardaba dende finais do ano pasado, a actriz Zelda Rubinstein, popular polo seu papel de médium no clásico de terror Poltergeist (1982), finou onte aos 76 anos de idade nun hospital de Los Angeles por mor de complicacións após dun ataque ao corazón.

De baixa estatura, 1,30 metros, e voz “infantil”, Rubinstein deu vida en tres ocasións ao persoaxe de Tangina Barrons na triloxía de Poltergeist, unha historia escrita e producida por Steven Spielberg, na que a actriz se meteu na pel dunha vidente que se enfrontaba a forzas demoniacas.

Ao marxe desas producións, a sua carreira cinematográfica tivo pouca repercusión, se ben participou en títulos coma Under the Rainbow (1981), Sixteen Candles (1984), Teen Witch (1989) ou más recentemente Southland Tales (2006).

Na pequena pantalla foi parte da série dos 90 Picket Fences, gañadora dos prémios Emmy ao millor drama de televisión en 1993 e 1994, e foi a narradora dos documentais The Scariest Places on Earth.

Os católicos contra Avatar

15 de Xaneiro de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema, Vários

Comments Off

A pasada fin de semana Avatar estreou-se en Itália. O polémico país transalpino, governado dende hai anos pola estrema dereita, foi úndos últimos aos que chegou o filme de James Cameron, que está a bater récord tras récord. Pero iso non lle impediu ser vítima das críticas dos católicos que mandan no país.

Ainda que a súa temática non é relixiosa nin ten ren que ver, coma outras fitas que no pasado xa ergueran as críticas do Vaticano e mais dos seus seguidores, coma O Código Da Vinci e mais a sua secuela, Anxos e Demos, A paixón de Cristo, de Mel Gibson ou hai xa anos A derradeira tentación de Cristo de Martin Scorsese, os médios vaticanos foron bastante duros con Avatar.

L’Osservatore Romano, o xornal voceiro do Vaticano, criticou a pouca orixinalidade da superprodución en 3D de Cameron, que contrasta coa sua revolucionária tecnoloxía. Así, califica a película coma “unha superficial parábola anti-imperialista e antimilitarista que non ten verdadeiras emoción humanas“. A publicación láia-se de que o “impacto visual” de Pandora e mais as critaturas creadas por Cameron non veña acompañado dunha história innovadora senón “blanda” e convencional e de que non sexa “séria“.

Asemade, Rádio Vaticano, a emisora oficial do Papa de Roma, foi moito máis dura coas súas críticas, acusando a Avatar de lle facer unha chiscadela ás “pseudo-doutriñas que fixeron da ecoloxía a relixión do milénio“. E coma adoita ser habitual entre os que confían na máxia e nos poderes adiviñatórios, a rádio non deixou de pasar a oportunidade de facer un prognóstico, afirmando que Avatarnon pasará á história do cinema“.

A Marvel contra-ataca nos xulgados

9 de Xaneiro de 2010 por Editor  
Arquivado como Fans, Vários

Comments Off

A compañía Marvel Entertainment, proprietária de mais de 5.000 personaxes de ficción, apresentou unha demanda contra os herdeiros do debuxante Jack Kirby, que pretenden recuperar os dereitos sobre alguns súper-heroes, incluídos Spiderman ou O Incríbel Hulk.

Na demanda tramitada nun tribunal federal en Manhattan esta compañía, que foi adquirida pola Disney o ano pasado, pide ao xuiz que declare inválidas as reclamacións dos herdeiros de Kirby, quen traballou durante mais dunha década na empresa.

A Marvel explicou que en setembro pasado recibeu 45 avisos legais dos herdeiros de Kirby alusivos á cancelación futura dos dereitos de propriedade da empresa sobre alguns súper-heroes, incluídos os X-Men e Os Catro Fantásticos, e histórias publicadas entre 1958 e 1963. Os herdeiros do debuxante consideran que entre 2014 e 2019 lles corresponderá recuperar alguns dereitos trasferidos á Marvel, algo para o que esta empresa considera que non hai base legal.

A compañía de cómics, que ten a súa sede en New York, considera que as aportacións de Kirby ás suas publicacións, como os de outros escritores e debuxantes coetáneos, eran traballos contratados e dos que a Marvel é a única proprietária.

O avogado da empresa, John Turitzin, manifestou que as reclamacións dos herdeiros “son un intento de escribir de novo a história das relacións de Kirby coa Marvel“.

Marvel explicou que as leis federais sobre dereitos de autor estabelecen que aqueles traballos creados a petición e a costa dun editor durante os anos nos que ese artista traballou para a empresa son propriedade da compañía contratante e sinalou que os traballos aos que aluden os herdeiros axustan-se a esa categoría.

A empresa manifestou que os editores eran os encarregados de determinar en que traballos participaría Kirby, ao igual que con outros escritores e debuxantes, e eran pagados por iso.

O propósito da demanda apresentada pola empresa “é simplemente deixar as cousas claras” e obter unha declaración xudicial de que os avisos de cancelación de dereitos non son validos, segundo Turitzin.

ArtFutura: da realidade virtual ás redes sociais

5 de Novembro de 2009 por Editor  
Arquivado como Destaques, Vários

Comments Off

ArtFuturaO 29 de outubro comezou no MARCO de Vigo o programa audiovisual de ArtFutura, que neste ano 2009 celebra a súa vixésima edición. Vinte anos de existéncia, nos que a evolución de ArtFutura discorreu en paralelo á evolución da cultura dixital e á implantación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos. Dende o soño da Realidade Virtual á explosión de Internet e a presente era das Redes Sociais, o festival foi un espazo de especulación constante sobre o papel da tecnoloxía na sociedade, a cultura e a arte. Dende que, en xaneiro de 1990, ArtFutura presentase a Realidade Virtual por primeira vez en España, o festival foi reinventándose constantemente e introducindo temas como a Realidade Aumentada, as Comunidades Virtuais, Internet como Cyborg, a Arte Colectiva, a Vida Artificial ou a Estética de Datos.

Este especial aniversario ten o seu reflexo nun programa audiovisual moi atractivo, que explora os novos tipos de creatividade relacionados coas redes sociais como Facebook e YouTube. Un exemplo é o grupo Improv Everywhere, que conta con máis de 72.000 amigos en Facebook; os seus vídeos foron vistos en YouTube máis de 70 millóns de veces.

Agora, en colaboración con ArtFutura 2009, Improv Everywhere presenta unha “misión” por primeira vez en España, o EXPERIMENTO MP3, que terá lugar o 29 de outubro en catro cidades simultaneamente: Vigo, Madrid, Barcelona e Múrcia.

Entre os programas deste ano salientamos o novo programa audiovisual que estrea ArtFutura 2009. Animacións dixitais e máis alá: curtas, virais, videoclips e outras pezas que teñen en común a busca de novas estéticas e linguaxes. Dende producións de estudantes ata encargos a coñecidos estudios, a selección de pezas combina na súa factura técnicas manuais e imaxe real con infografía. Con traballos de Evelin Lohbeck, Adam Berg, Michal Socha, Anton Setola, Tim Kail, Brandon Todd e outros.

Os dinosáuros resucitan en multimédia

1 de Novembro de 2009 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

DinosáurosMike Medavoy e mais a FremantleMedia Enterprises veñen de unir as súas forzas para lanzar conxuntamente Dinosaurs Resurrected, unha nova franquía multiplataforma.

As várias producións que xurdirán deste proxecto incluirán unha série para televisión, unha longametraxe en 3D para os cinemas, libros, DVD, merchandising, videoxogos e mesmo eventos en directo con actores reais, todo elo preparado para escomezar a se producir a partir de 2011 e misturando os úyltimos grandes descobrementos dos paleontólogos sobre os dinosauros coa animación en 3D por computador mais avanzada.

Os efectos especiais serán encargados á empresa inglesa Zoo, que xa traballou en producións coma Egypt Unwrapped e Predator X.

Nickelodeon fai-se coas Tartarugas Ninja

22 de Outubro de 2009 por Editor  
Arquivado como Destaques, Vários

Comments Off

As Tartarugas Ninja MutantesA Nickelodeon ven de se facer cos dereitos para todo o mundo sobre a propiedade intelectual da marca das Tartarugas Ninja Mutantes, que até agora pertencían ao The Mirage Group e á 4Kids Entertainment, Inc. nunha operación que custou 40 millóns de euros.

Xunto á adquisición, a Nickelodeon anunciou ademáis que ten plans para desenvolver unha nova série de televisión con gráficos xerados por computador baseada nesta popular franquía de superheroes e ademáis unha longametraxe que realizará coa axuda da Paramount Pictures (ambas empresas pertencen xa ao grupo Viacom Inc.). Tanto o filme coma o primeiro episódio da série para a tele aparecerán en 2012.

O acordo de compra pola Nickelodeon inclúe todos os dereitos sobre o merchandising e a continuación da sociedade coa empresa xogueteira Playmates Toys, que é a que leva mais de vinte anos fabricando as figuras de acción das tartarugas e todo o resto de material para os nenos.

A actual série de debuxos animados Teenage Mutant Ninja Turtles continuará emitíndo-se na canle The CW network até o vindeiro mes de agosto.

A Metro salva O Hobbit

4 de Outubro de 2009 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

Metro Goldwyn MeyerA MGM ven de se asegurar o apoio de salientábeis prestamistas para permitir dispoñer de cartos abondo como para seguir adiante coa produción de O Hobbit.

A recente proposta do novo presidente da Metro, Steve Cooper, de adiar o pagamento dos xuros da débeda para os vindeiros tres meses obtivo a aprobación do principal acreedor, a banca J.P. Morgan.

A banca de investimento é a principal acreedora dentro dun comité de prestamistas que leva uns meses axitando as augas xa turbulentas dentro da produtora do león e que estiveron por facer caer toda a súa estrutura de propietários hai tan só uns días. En troques deste acordo de adiamento do pago dos xuros, a J.P. Morgan asegurou-se uns cantos cámbios dentro das débedas existentes e que lóxicamente suporán mais perdas para a MGM.

O desacougo pola produción d’O Hobbit era a principal causa que esgrimiu a Metro nestas conversas, dado que xunto á New Line está asociada ao 50% para producir dous filmes sobre a obra de Tolkien nestes intres. O primeiro dos dous filmes ten prevista a estrea en 2011, con Guillermo del Toro a bordo da dirección desta primeira película e mais da súa secuela. Peter Jackson, Fran Walsh, Philippa Boyens e del Toro están a escribir os guións de ambas as dúas películas e agárda-se que os libretos estean entregado contra o fin de novembro.

Segundo deu a coñecer a Metro, o movemento polo que adía o pago dos xuros até o 15 de decembro non ven obrigado por un medo inmediato á insolvéncia, xa que unha recente auditoría determinou que existen cartos abondo como para sobrevivir alomenos outro ano. Así, o procedemento financieiro levou-se a cabo para poder manter os dereitos sobre propiedades salientábeis, coma O Hobbit, a Panteira Rosa ou o axente 007, todos os cales fan que a MGM poida manter un valor de mercado importante.

A Metro espera obter uns benefícios de alomenos 40 millóns de dólares polo Hobbit, se ben os xuros aprazados sumarían mais de 50 millóns. As fontes internas das negociacións aseguran que será posíbel daquela converter as débedasen metálico por participacións nos benefícios, xa que a banca Morgan non ten interese en se converter en accionista da Metro.

Terminator á venda?

2 de Outubro de 2009 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

TerminatorCoa Halcyon Holdings nos xulgados por mor dunha bancarrota, a única opción que seica lles queda por considerar neste intres é a de vender total ou parcialmente os seus dereitos sobre a franquía de Terminator, para evitar a desaparición da emrpesa ou a súa declaración de insolvéncia.

A Halcyon, unha empresa da que son propietários Derek Anderson e Victor Kubicek, mercou os dereitos sobre a franquía de Terminator por 25 millóns de dólares en 2007, o que lles permitiu producir este verán o filme Terminator Salvation. Nombergantes, as críticas negativas e a mala recadación no despacho de billetes fan pouco menos ca imposíbel considerar rodar outras dúas partes e rematar a triloxía que tiñan ideada para o persoaxe.

A todo isto hai que sumar a recente cancelación da série de televisión The Sarah Connor Chronicles, baseada no mundo de Terminator, o que fai que non sexa difícil predicir que a franquía non poderá levantar cabeza até dentro de moitos anos, se cada até ben entrada a vindeira década.

A Halycon ven de contratar os servizos dunha empresa de conselleiros financieiros e legáis, a FTI Capital Advisors, para que exploren as posibilidades de vender os dereitos de Terminator e para coñecer cal é o auténtico valor dos mesmos nestes intres. A produtora ten unha débeda de vários millóns de dólares cunha empresa de fundos de inversión en Santa Barbara (Califórnia) chamada Pacificor, LLC. O director da FTI, Kevin Shultz, dixo que “imos contactar con moitos estudos e compañías independentes“.

Páxina seguinte »