Aladino visita Vigo
O musical Aladdin visitará Vigo esta fin de semana da man de Caixanova e representará un total de 4 funcións, dous delas o sábado (ás 17:00 e ás 20:00 horas) e outras dúas o domingo (ás 12:00 e ás 17:00 horas) no Centro Cultural que a entidade ten na cidade olívica.
O espectáculo, producido por Theatre Properties, unha compañía con experiéncia en musicais de grande formato, destaca pola calidade da sua posta en escena e decorados, especialmente por elementos coma a luz e o són ou o coidado vestiário. Ademais, este conto das Mil e unha noites, narrado por Sherezade, contará coa actuación de mais de 20 profesionais.
A xira, que xa pasou por Londres, continúa en España e Vigo acollerá a história de Aladdin, un xoven que utiliza todas as suas artimañas para conseguir o amor da princesa Jazmine, mentres o malvado Jaffar manipulará todo o seu poder para tentar conseguir o califato. Outro dos personaxes destacados será o Xénio, que brindará a oportunidade de facer os soños realidade.
Cada función ten unha duración de dúas horas e dez minutos, incluído o descanso. As entradas terán un prezo de 35 euros en butacas e o anfiteatro primeiro, mentres que nos anfiteatros segundo e terceiro custarán 30 euros.
Chow totalmente fóra de Hornet
Hai uns días sabíamos que Stephen Chow ficaba fóra da dirección do filme The Green Hornet, pero agora vimos de saber que tampouco interpretará a ningún persoaxe nesta película, na que nun princípio ía facer o papel de Kato, o axudante do superheroe Green Hornet.
A semana pasada Chow caeu-se da dirección neste proxecto liderado por Seth Rogen que contará co famoso guionista e actor no papel do heroe enmascarado e que tiña previsto ter a Chow (Kung Fu Hustle) como Kato.
“Se eu dirixo ‘The Green Hornet’, a comédia de superheroes terá que se adiar dous anos. A nosa axenda non nos permite facer un filme de superheroes en dous anos. E eu quero facer un filme baseado nunha ideia orixinal“, dixo Chow á prensa esta mesma semana.
Chow engade agora que tampouco ten tempo para interpretar a Kato, o persoaxe que fixo famoso Bruce Lee, xa que quere liberar a súa axenda para poder traballar con Jack Black nunha comédia sobre un superheroe diferente.
Bruce Boxleitner regresa a Tron
Bruce Boxleitner, que interpretou a Alan Bradley e mais ao persoaxe Tron no filme do mesmo título da Walt Disney de 1982, está segundo din a filmar un papel para a vindeira longametraxe secuela, Tron 2.0 ou TR2N. Deste xeito úne-se ao membro do reparto orixinal Jeff Bridges e mais aos recén chegados Olivia Wilde e Beau Garrett nesta longamente agardada segunda parte da aventura de acción.
No filme orixinal, o hacker e programador Kevin Flynn (Bridges) é convertido dixitalmente nun montón de bytes por un malvado pirata de software coñecido coma Programa de Control Mestre (MCP, polas súas siglas en inglés) e reconstruido no mundo interno dos computadores en gráficos de 3D. Será dentro do computador, en paisaxes xeométricos do cyberespazo, onde Flynn una as súas forzas con Tron (Boxleitner) para derrocar ao tiránico MCP que os mantén prisioneiros no equivalente a un xogo de computador xigantesco e terrorífico.
Ainda que os detalles do argumento da secuela fican no segredo, sábe-se que o novo filme será “o seguinte capítulo”. Wilde interpretará a un traballador no mundo virtual que tenta loitar contra o MCP, mentres que Garret será unha serea no mundo virtual.
Morreu Catwoman
Eartha Kitt, a cantante e bailarina coñecida entre os fans do xénero fantástico por interpretar á Catwoman orixinal na série Batman dos anos 60, ven de morrer aos 81 anos.
Kitt, que se criou nos campos de algodón de Carolina do Sul e chegou a se converter nun símbolo internacional da elegáncia e da sensualidade, morreu en Connecticut por mor dun cancro de colon.
Kitt, autoproclamada “sex kitten” (gatiña do sexo) e famosa polo seus ronroneos gatunos, foi unha das intérpretes máis versátiles dos Estados Inidos, gañou dous Emmys e obtivo unha terceira nominación. Ademáis, foi nominada várias veces para os Tonys e para dous Grammys. A súa carreira prolongou-se ao longo de sesenta anos.
Na televisión, Kitt foi a sexy Catwoman na série Batman dende 1967 a 1968, sustituindo no papel a Julie Newmar, quen comezou co persoaxe.
Tildada non seus millores tempos como “a muller mais excitante do mundo” por Orson Welles, en 2001 cando contaba con case 80 anos publicou un libro titulado Rejuvenate, no que aparecía cunha figura que para si quixeran moitas mozas de 20 anos.
En 1950, Welles déra-lle o seu primeiro papel no cinema, o de Helena de Troia no filme Dr. Faustus. Pero a súa carreira profesional sufriu un parón en 1968 cando fixo unhas duras declaracións contra a guerra de Vietnam, o que lle custou ter que se exiliar dos Estados Unidos. Só puido regresar anos despois, cando o Presidente Jimmy Carter convidouna á Casa Branca.
Ao remate da súa carreira gañou algúns fans mais emprestándo-lle a súa voz a Yzma no filme da Disney de 2000 O novo traxe do Emperador.
Difícil estrea de Watchmen
A Warner Brothers terá que se sentar a negociar coa 20th Century Fox para tentar chegar a un acordo se ainda queren lanzar Watchmen o vindeiro 6 de marzo.
Nunha decisión tomada o pasado día 24, un xuiz federal de Los Angeles decretou que a Fox posúe os dereitos de distribución sobre o filme mais agardado do ano que ven: “A Fox ten un dereito de copyright consistente, como moi pouco, no dereito de distribuir a longametraxe Watchmen“, sentenciou o xuiz Gary Allen Feess.
A 20th Century Fox ten intención de impedir a estrea do filme e quere que sexa unha orde xudicial o que impida este lanzamento. Polo de agora a Warner non anunciou a suspensión da estrea.
O xuiz mantén a data do 20 de xaneiro para celebrar unha vista na que se tratarán asuntos ainda pendentes. Un avogado da Warner Bros. comentou o luns que non sabía se se ía presentar unha apelación, pero dixo que considera imprescindíbel cdelebrar un xuizo sobre o contido da demanda.
A Disney fóra de Nárnia
A Walt Disney ven de decidir que non vai financiar a vindeira entrega das Crónicas de Nárnia, na que será a terceira entrega desta saga. O novo filme, que levará por título The Chronicles of Narnia: The Voyage of the Dawn Treader, terá que seguir adiante sen a axuda económica da Disney, o cal polo de agora non semella ser un problema para o outro parceiro, a Walden Media.
En princípio todos os actores teñen contrato para facer esta terceira entrega da série, da cal se ocupará o director Michael Apted. Os dous filmes precedentes contaran con ao redor de 200 millóns de dólares de orzamento (uns 140 millóns de euros), polo que é de supoñer que a terceira supoña unha cantía semellante. A Walden xa mantivera no pasado relacións comerciais coa 20th Century Fox, polo que se cadra estas dúas produtoras serán novamente parceiras nesta ocasión.
The Chronicles of Narnia: The Voyage of the Dawn Treader narra as aventuras de Lucy, Edmund e mais o sue espantoso curmán Eustace nunha máxica viaxe polo mar na procura dos sete lores perdidos de Nárnia, que foron desterrados polo malvado tío de Caspian cando lle usurpou o trono.
China censura a Batman
Será o filme que mais recadou en 2008 e un dos que mais recadaron en toda a história do cinema, mália que os 1.300 millóns de persoas que povoan China non poderán ir ve-la finalmente. A Warner Bros. decidiu aceptar as imposicións do governo chinés e O Cabaleiro Escuro, o segundo Batman de Christopher Nolan que protagonizan Christian Bale e mais o falecido Heath Ledger, non se estreará en China para non ferir supostas “sensibilidades de orde cultural“.
“Considerando unha série de condicións právias á estrea que están a se vencellar a O Cabaleiro Escuro, así coma sensibilidades culturais nalgúns elementos do filme, decidimos non lanzar a película na China“, afirmou a Warner nun escueto comunicado, no que non dan mais razóns de por que o último Batman non se poderá ver nas salas de cinema da derradeira ditadura totalitária do planeta.
E en auséncia de mais explicacións, todo indica que esas “sensibilidades culturais” das que fala a produtora se refiren á espectacular secuéncia que se inclúe na primeira parte do filme no que Batman viaxa até território chinés, concretamente a Hong Kong, para capturar a un perigoso cerebro criminal adicado a blanquear os cartos da máfia de Gotham. Precisamente alí, en Hong Kong, O Cabaleiro Escuro si que se estreou sen problemas e recadou mais de 7,5 millóns de dólares.
Episódio gai de Star Trek
En corenta anos de filmes e séries de televisión, Star Trek amosou sobradamente toda caste de relacións sexuais e sentimentais, nas que se retrata a parellas interétnicas, ou entre diferentes espécies, relacións polígamas e monógamas, pero nunca homosexuais. Até o de agora.
Hai xa case tres anos dende que se deixaron de emitir novos episódios de Star Trek na televisión americana, pero os fans da saga non están dispostos a ficar sen ela, polo que comezaron a crear versións de seu da história.
Un dos proxectos que puxeron en marcha é Star Trek: New Voyages, do que se rodaron xa vários episódios. E nun deles, o sobriño gai do Capitán James T. Kirk e mais o seu mozo chegan á nave.
Esta história forma parte dun proxecto online independente chamado Star Trek: Phase II, que pretende ser unha cuarta tempada da série orixinal usando novos actores nos papeis de Kirk e compañía. A CBS e mais a Paramount permiten a realización desta clase de proxectos aos fans da série, sempre e cando non sexan destiñados para obter cartos.
O capítulo no que aparece unha parella formada por dous homes baséa-se en realidade nun guión escrito polos produtores oficiais da série en 1988, que foi rexeitado antes de poder gravar-se polo medo dos produtores á reacción contrária do público.
O capítulo agora gravado, titulado Blood and Fire, emitirá-se en dúas partes a través da Internet. Orixinalmente fora escrito para a série e contara co apoio do creador da saga, Gene Roddenberry. O seu obxectivo era relatar unha espécia de metáfora do sida.
Watchmen é da Fox
Nunha abraiante e inesperada decisión, un xuiz federal en Los Angeles (Califórnia) ven de lle dar a razón á 20th Century Fox na súa demanda por posuir os dereitos sobre a longametraxe Watchmen, que ven de se rematar de filmar pola Warner Brothers e mais a Legendary Pictures e ten prevista a súa estrea no mes de marzo.
A decisión recólle-se nunha orde por escrito en cinco páxinas que leva data de 24 de decembro, polo que ainda non tivemos acceso ao seu contido exacto. Gary A. Feess, o xuiz do Xulgado de Distrito dos Estados Unidos para Califórnia Central, prometeu que fornecería aos litigantes cunha orde mais detallada axiña.
A Fox levaba moito tempo procurando evitar que a Warner distribuise o filme. Esta aventura de superheroes, baseada na clásica novela gráfica Watchmen, está dirixida por Zack Snyder (300) e é unha das estreas mais agardadas por todos os fans do mundo para o ano que ven. Agora a devandita estrea semella case imposíbel.
Scott Rowe, o voceiro da Warner, a empresa derrotada no proceso, non quixo facer ningún tipo de comentário sobre a senténcia nin sobre os plans dos estudos.
O Lugrís mais fantástico
Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fingal convida ao espectador a se adentrar no mundo fantástico de Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 – Vigo, 1973) – ou o que é o mesmo, de Ulyses Fingal, alcume que o pintor e escritor galego empregou decote – e a descobrir o universo pictórico mariño e mítico, pragado de sereas, barcos e monstros mariños, que o artista cultivou desde que chegou a Vigo na década dos anos corenta. Con esta exposición, inaugurada onte, dia no que se conmemoraba o aniversário da morte de Lugrís, o Museu Quiñons de León de Vigo pecha o ano do centeário do nacemento dun dos pintores super-realistas galegos mais salientábeis.
Comisionada polos profesores do departamento de História da Arte da Universidade de Santiago, José M. López Vázquez e Juan Monterroso, Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fingal non pretende ser unha exposición contemplativa, se non facer reflexionar ao visitante sobre como entendia Lugrís a arte, sobre o valor que nas suas pinturas teñen os obxectos como portadores da memória, e en última instáncia tamén, sobre a arte en si mesma como forma do ser humano de entender o mundo, a través das obras do artista galego e de clásicos como Goya.


