Move o teu cu a Marte!
Desafío Total, o filme de acción de ciéncia-ficción protagonizado por Arnold Schwarzenegger en 1990 e baseado nun conto de Philip K. Dick, podería estar camiño dun remake.
Neal H. Moritz e a súa empresa, a Original Films, están en negociacións finais para desenvolver e producir para a Columbia unha versión contemporánea do filme, que foi dirixido orixinalmente por Paul Verhoeven.
O orixinal, baseado no conto de Philip K. Dick We Can Remember It for You Wholesale, vai sobre un home perseguido por un soño recurrente no que viaxa a Marte e que seica foi-lle creado por unha empresa que se adica a implantar recordos. O home chega a crér que é un axente secreto e remata nunha colónia de Marte loitando pola liberdade dos marcianos para derrocar ao despótico tirano que controla a produción do áire no planeta.
O filme é un dos clásicos da ciéncia-ficción por moitos motivos: ten unha rifa na que Sharon Stone báte-lle a Arnold no cú, uns efectos especiais do millor, unha prostituta con tres peitos e a famosa frase Get your ass to Mars! (Move o cú cara Marte, na versión en galego). O filme recadou 261 millóns de dólares en todo o mundo e no seu tempo foi a produción mais cara da história.
Moritz confesou á prensa que espera que os avances na tecnoloxía e os efectos especiais de última xeración axuden a narrar Desafío Total dun xeito novo.
Finou Philip José Farmer
O mércores 25 finou aos 91 anos de idade o escritor americano de fantasía e ciencia-ficción Philip José Farmer.
A súa literatura caracterizou-se principalmente por dous riscos: a convivéncia de persoaxes reais e sucesos históricos en narracións fantásticas, e a introdución do sexo na ciéncia-ficción. Neste último aspecto, foi revolucionária a publicación de Relacións extrañas en 1960, unha escolma de relatos breves de contido sexual. Para Jonathan Strahan, editor e crítico da revista Locus: “Non era pornografía. Era a sexualidade da xente contada de maneira interesante e intelixente“.
En 1953 recibiu o Prémio Hugo ao novo talento mais prometedor polo seu relato Os amantes, e posteriormente obtivo o de millor novela con Aos vosos corpos espallados e o de novela curta por Riders of the Purple Wage. No ano 2000 foi galardoado co Prémio Grande Mestre Damon Knight Memorial (Premio Nebula), por toda a sua carreira, e pouco despois co prémio World Fantasy aos Méritos dunha Vida.
Unha da suas séries mais famosas foi Mundo Río (RiverWorld), composta por seis novelas que narran as aventuras de diferentes persoaxes (algúns imaxinários, outros reais) nun alén no que os seres humanos que viviron no pasado resucitan no val dun río que percorre todo o planeta. A sua última novela publicada foi The City Beyond Play en 2007.
O escritor e amigo do falecido, Joe Lansdale, afirmou ao coñecer a nova: “Tivemos a sorte de o publicarmos, pero tivemos mais sorte ainda ao sermos os seus lectores durante tantos anos. Foi unha sorte traballar con el. Botaremosde menos a súa intelixéncia e o seu bó carácter“.
A gala dos Oscar
A 81ª gala de entrega dos prémios da Académia do Cinema, os populares Oscars, celebrada o pasado domingo á noite non tratou especialmente ben ao cinema fantástico, pero é que tampouco partía con demasiadas opcións. Tan só O Curioso Caso de Benjamin Button gañou tres prémios dos moitos aos que estaba nominada, todos en categorías técnicas.
O filme, que está protagonizado por Brad Pitt no papel dun home que envellece caraatrás, é dicir, que cada vez é mais novo a medida que suma anos, marchou a casa cos Oscars á millor dirección artística, aos efectos visuais e á maquillaxe.
O Cabaleiro Escuro, que partía con oito nominacións, só puido facer-se con dous Oscars, ao millor actor secundário e á edición de són.
E WALL-E, nominada a seis prémios, só gañou o Oscar ao millor filme de debuxos animados.
Pola súa banda, Iron Man, Hell Boy II: O Exército Dourado, Kung Fu Panda e Bolt, os outros nominados, non gañaron ren.
O mais emocionante da noite foi cando a Académia premiou ao defunto Heath Ledger concedéndo-lle o Oscar ao millor acotr secundário polo seu papel do Joker no filme O Cabaleiro Escuro. A nai, o pai e mais a irmá de Ledger aceptaron o prémio no seu nome, após de chegaren xustiños para a cerimónia, xa que viñan dende Austrália.
Razzies fantásticos
A gala dos Razzies deste ano deixou bastante indemnes aos filmes fantásticos, pero lle deu dous duros golpes ao director Uwe Boll, nomeado peor director da história e a Steven Spielberg, por rodar a cuarta entrega da saga de Indiana Jones, declarada peor nova entrega, remake ou actualización dun filme.
Outro récord para o Joker
O Cabaleiro Escuro converteu-se no cuarto filme da história do cinema que é capaz de recadar mais de 1.000 millóns de dólares nas billeteiras en todo o mundo. O anúncio foi realizado pola Warner Bros. o pasado venres, cando se comunicou que o total internacional fora de 1.001.082.160 dólares (786.351.679,71 euros) até entón, con 533 millóns só nos Estados Unidos e 567 no resto do mundo.
O Cabaleiro Escuro estaba uns 4 millóns de dólares por baixo do récord cando a Warner Bros. re-lanzou o filme nas pantallas Imax o 23 de xaneiro, xusto o día despois de que se soubera que tiña oito nominacións para os Oscars. Ademais, as gañanzas que chegaron dende Ecuador tamén audaron a superar o récord.
Só Titanic, con 1.800 millóns de dólares, O Señor dos Aneis: O retorno do Rei e Piratas do Caribe: O Cofre do Home Morto puideron superar os mil millóns de dólares en benefícios anteriormente.
O Cabaleiro Escuro é tamén a segunda película que mais recada nos Estados Unidos de toda a história, só por atrás de Titanic.
A Warner tamén salientou que é o filme que mais recadou da história nos cinemas Imax, con case 50 millóns de dólares nos Estados Unidos e uns 65 no resto do mundo.
Prémio para WALL-E
WALL-E, o filme de debuxos animados dirixido por Andrew Stanton, foi o grande vencedor na gala dos prémios Golden Reel 2009, patrocinados pola Asociación de Editores de Són de Cinema o pasado sábado.
Galactica ao cinema?
Mentres que a série de televisión Battlestar Galactica entra nos seus episódios finais, a Universal ven de escomezar unhas negociacións polo baixiño co creador da série orixinal, Glen A. Larson, para que escriba e produza unha versión para a pantalla grande da popular saga.
O filme non tería en princípio conexións coa série de TV e serviría para relanzar a história nun novo médio cos persoaxes de Adama, Starbuck e Baltar.
Larson produciu a série orixinal Battlestar, que se emitiu na canle ABC no ano 1978 e estaba principalmente destinado ao público infantil, xuto cando a Guerra das Galáxias comezaba a despuntar.
A série actual, baixo a dirección do produtor executivo Ronald Moore, tomou a premisa orixinal, pero mudou totalmente a franquía convertíndo-a nun programa para un público adulto, incluindo temas políticos, de guerra, relixión, tortura e o destino.
Onte, o día mais perigoso
Robert Downey Jr. (Iron Man), Reese Witherspoon e mais o director de Wanted, Timur Bekmambetov, están en conversas para participaren no filme épico de ciéncia-ficción da Warner Brothers The Days Before.
O guión de Chad St. John vai sobre unha raza de alieníxenaas que invaden a Terra viaxando atrás no tempo e eliminando a toda a humanidade, unha vez por día, sempre no día de onte.
Un home tentará ficar “un día de onte por diante deles” e cada vez terá que tentar convecer á humanidade de que o fin do mundo se achega. Gianni Nunnari (300) será o produtor.
Joss Whedon gaña o Prémio Bradbury
O presidente da SFWA (Asociación de Escritores de Ciéncia-Ficción), Russell Davis, anunciou o pasado día 16 que Joss Whedon, creador de séries de TV coma Buffy Cazavampiros, Angel, Firefly ou Dollhouse, será quen reciba o prémio Bradbury á exceléncia na escritura de guións.
“Coma todo aquel que colle un bolígrafo, eu fun un rabioso fan de Bradbury e mais influenciado por el ca por ningún outro escritor que lin. Recibir o prémio que leva o seu nome é unha honra co que nunca soñara“, dixo Whedon. “Na miña defensa, nunca pretendín copia-lo. O que fixen foi imitar as histórias tan encantadoras, rebiricadas e humanas que ficaron na miña mente impresionábel, e que eu intentei, por calquera médio que me permitiron, tentar igualar“.
Whedon recibirá o seu prémio no decurso da Fin de Semana dos Prémios Nebula, que se celebrará en Los Angeles do 24 ao 26 de abril.
A Vida de Pi
Ang Lee (Hulk) está en conversas para dirixir a versión para a pantalla grande da novela gañadora do prémio Booker de Yann Martel Life of Pi para a Fox 2000.
A história iniciática vai sobre un mozo que é o único sobrevivinte dun cargueiro afundido e que agora se atopa nunha balsa no médio do océano xunto a unha hiena, unha cebra ferida, un orangután e mais un famento tigre de Bengala.
Dean Georgaris, M. Night Shyamalan e Jean-Pierre Jeunet foran outros dos directores anteriormente vencellados a este proxecto mentres que durou a súa fase de desenvolvemento.
Lee terá que supervisar un novo guión, para o que os estudos contratarán axiña a alguén que o reescriba. Gil Netter será o produtor.


