De Palma nunha de terror?
O director de Scarface ou Os Intocábeis, Brian De Palma, está entre os tres candidatos que poderían encargar-se da segunda parte do éxito do ano pasado Paranormal Activity na Paramount Pictures.
Os outros dous son seica directores mais acostumados a realizar filmes de xénero: o americano Brad Anderson e mais o australiano Greg McLean. Anderson escribiu e dirixiu o filme de 2001 Session 9 e mais o thriller de 2008 protagonizado por Ben Kingsley Transsiberian. Pola súa banda, McLean saltou á fama en 2005 grazas ao filme de terror Wolf Creek e rodou en 2007 o filme con crocodilos xigantes Rogue, protagonizado por Sam Worthington e Radha Mitchell.
Após de pasar moitos meses en festivais de cinema secundários, a Paramount mercou e lanzou ao mercado o thriller sobrenatural de baixísimo orzamento Paranormal Activity o pasado outono. Grazas á campaña de marketing, ao boca a boca e mais ás campañas virais, o filme, que non tiña demasiadas aspiracións, chegou a recadar 100 millóns de dólares no mercado interno americano, o que non está nada mal tendo en conta que o seu orzamento foi de 10.000 dólares.
O director do filme, Oren Peli, xa escomezou a traballar no seu novo proxecto, esta vez con moitos mais cartos ao seu dispór: Area 51, e a Paramount contratou ao director de Saw VI, Kevin Greutert, para que fixera a segunda parte de Activity. Pero o mes pasado a Lionsgate exerceu o seu dereito de retér ao cineasta Greutert para que faga a sétima entrega da saga de Saw, obrigando á Paramount a procurar un novo director para este filme.
Greg Berlanti podería facer a Flash
Seica o guionista e produtor de Lanterna Verde, Greg Berlanti, non terá que se laiar moito por non ser elixido director para ese filme, xa que a Warner ficou tan abraiada polo seu traballo que lle vai ofrecer dirixir a outro superheroe: Flash. Para iso nombergantes deberá vencer a outros realizadores que están na lista de candidatos: entre eles a David Goyer, Shawn Levy e David Dobkin.
Angelina deixa Wanted 2
A secuela do éxito do ano 2008 Wanted que protagonizou Angelina Jolie ven de sufrir un golpe seica definitivo que podería sinificar a súa cancelación, despois de que a estrela principal se desmarcara do proxecto.
Segundo os rumores,a Universal decidiu pechar o proxecto definitivamente no canto de poñer-se á procura doutra protagonista para o papel principal. O director do primeiro filme, o ruso Timur Bekmambetov, estaba xa contratado para a secuela e James McAvoy tamén ía regresar para interpretar a Wesley Gibson. O filme tiña previsto escomezar a se rodar a finais deste ano.
Agora seica o seguinte proxect ode Jolie será Gravity, o thriller espacial que Alfonso Cuarón (Children of Men) dirixirá para a Warner Bros. Pictures e mais a Legendary Pictures.
Neste novo proxecto, Jolie faría o papel da única supervivinte dunha misión espacial que fallou e que tenta desesperadamente regresar á Terra para poder ver outra vez á súa filla.
David Heyman, que traballou con Cuaron en Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban, será o produtor. Cuaron foi o co-autor do guión xunto ao seu fillo Jonás.
Jolie está arestora a rematar a rodaxe de The Tourist, un filme que protagoniza xunto a Johnny Depp en París.
Fantasporto día 1. Inauguración e entrando en matéria
Críticas ó centralismo lisboeta nos discursos da organización e de apoio incondicional no da Ministra de Cultura. Comezamos o festival com espada e bruxería, vingaza muda e pinku eiga indescriptíbel.
É inevitábel. A cousa ten que comezar así. Os discursos e entregas de premios teñen que ter o seu sitio neste tipo de eventos, inda que a xente estea alí para deborar cinema.
Beatriz Pacheco Pereira, directora do festival, comezou o seu discurso en inglés acompañada dos robots da sección de robótica e cinema (no hall do teatro estaba o robot máis sofisticado da actualidade, que pode decidir o que facer e amosar sentimentos) para logo dun tempo pasarse ó portugués e dar os agradecementos (entre eles á presente Sra. Ministra de Cultura Gavriela Canavilhas), facer unha dura crítica do centralismo lisboeta e a discriminación do norte, repasar o amplo programa e rematar loubando ó publico do Fantas.
Tamén pasaron polo escenario o Presidente do festival, Mário Dorminsky, a Ministra de Cultura, os organizadores da sección de robótica e cinema e máis da de efectos especiais, para acabar con Samuel Hadida e Michael J. Basset, produtor e director respectivamente do filme Solomon Kane. Basset, nunha chiscadela ó publico de alguén que disfruta do cimena, fixo unha intervención bem curta dicindo que estabamos alí para ver cinema, non para falar.
Apaguen as luces e deixen a maxia voar…
Solomon Kane (Michael J. Basset, Francia/ República Checa, 2009)
A personaxe ten todos os ingredientes dun relato de espada e bruxería e o director, que tamén é o guionista, sabe explotalos para relatar unha historia nova. A verdade que poucas cousas quedan por inventar neste xénero e Basset non o intenta, senon que aproveita os seus coñecementos e as convencións do xénero para facer un filme case redondo. Non é un filme perfecto, mais si que está bem feito e utiliza correctamente todas as ferramentas á súa man.
Solomon Kane é a historia dun nobre segundón condenado a perder a alma por un enfrontamento co Demo e que decide levar unha vida pacífica para evitar condenarse definitivamente. Pero na inglaterra do século XVII, arrasada pola peste, é difícil vivir en paz, e inda menos dende que chegou á zona un malvado feiticeiro chamado Malachi, que impón a súa lei alí por onde pasa, os fortes para o seu exército, os febles os seus escravos. Así que xa a temos montada e Kane deberá volver a coller as súas espadas, a costa da súa alma.
Loitas a espada, monstros e demos, zelotes relixiosos, malvados feiticeiros e lama, moita lama, deixarán máis que satisfeitos ós afeccionados do xénero.
Sweet Karma (Andrew Thomas Hunt, Canadá, 2009)
O filme que faría Quentin Tarantino en vez de Kill Bill se o único filme que tivera visto fora Thriller: A Cruel Picture (Bo Arne Vibenius, 1974) e o seu gusto musical estivera totalmente atrofiado.
Unha moza rusa muda ten noticia de que a súa irmá que foi traballar a Canadá foi enganada para traballar de prostituta e finalmente asasinada. Comezará entón unha salvaxe vinganza contra todos os implicados.
Un filme duro de ver, empezando polo tema da trata de brancas, seguindo pola particular maneira de rodar elexida polo director e rematando pola machacona música que acompaña gran parte da metraxe. Podemos relaxar a vista co escultural corpo da protagonista, a ex-modelo Shera Bechard.
Só recomendada para fans do cinema com grumos.
Tandem (Toshiki Sato, Xapón, 1994)
E chegamos ó pinku eiga do día, onde a palabra “bizarro” queda curta.
Dous homes coinciden nun bar de mala morte onde todo o tempo soa música clásica e, bebendo café, teñen fantasías sexuais. Despois de intercambiar tabaco un insiste en acampañar ó outro na súa moto nunha viaxe sen sentido e chea de momentos delirantes pola cidade adiante, mentres seguen dando renda solta á súa imaxinación e mantendo relacións dominantes com canta muller se lles mete no maxín.
Dicir que este é un filme porno é quedarse corto e esaxerado. Corto porque o humor delirante e as historias cruzadas non son as propias dun filme porno. E esaxerado porque o pinku eiga caracterízase, entre outras cousas, por amosar relacións sexuais sen ensinar xenitais nin vello púbico, co que o único que temos é a un par de xaponeses poñendo caras esforzadas e retorcéndose nas máis diversas posturas e a raparigas berrando e laiandose cos característicos sons orientais. Todo isto, como xa digo, intercalado com escenas de humor delirante e cunha banda sonora totalmente intrusiva e sen sentido.
Señores e señoras, isto é o pinku eiga. Están avisados. Non sei se se van excitar, pero pór caras de sorpresa e botar unhas boas risas fixo que si.
Isto está que bota fume. Vémonos nas butacas!
30 anos de Fantasporto, 30 anos de fantasía
Inda que as actividades e as proxeccións empezaron o día 23 a sesión de apertura é o día 26. Solomon Kane para abrir e The Crazies para fechar. Non entra nos plans da dirección levar o festival a Lisboa.
O Festival Internacional de Cinema do Porto, máis coñecido como Fantasporto e Fantas para os amigos, cumpre 30 anos. E para celebralo nada mellor que loitar contra a crise e disfrutar dunha nova edición do maior festival de cinema de Portugal e un dos máis importantes de Europa dentro do xénero fantástico e de terror.
Para non dar máis voltas imos facer un repaso rápido ás distintas seccións oficiais e actividades paralelas desta edición:
Sección oficial: A sección oficial ábrese cunha fita que máis de un xa vería, pois en Galiza Solomon Kane estreouse o 1 de xaneiro de 2010. Michael J. Basset realiza para a pantalla grande unha adaptación das aventuras do heroe mata-demos do autor de Conan, Robert E. Howard.
Nesta mesma sección poderanse ver outros filmes xa estreados en Galiza, como REC 2, a segunda parte do exitoso e aterrador REC de Jaume Balagueró e Paco Plaza; ou Jennifer’s Body, un filme feito á medida da explosiva Megan Fox.
Pero hai moito máis. A segunda parte de The Descent, The Descent: Part 2; o novo de Park Chan-Wook, Thirst; o derradeiro filme de Paul Naschy, La herencia Valdemar; ou a adaptación da novela de José Saramago Embargo por António Ferreira.
A sección complétase com outros 8 filmes: Deliver Us From Evil, Hearthless, Hidden, La Horde, Salvage, T.M.A., The Human Centipede (First Sequence) e Valhalla Rising.
Para horarios visitade a sucinta páxina do festival http://www.fantasporto.com.
Semana dos realizadores: Nesta sección, apadriñada por Manoel de Oliveira, poderase ver unha mostra do mellor do cinema máis persoal do momento: First Squad, Fish Tank, Hierro, Sweet Karma… ata un total de 9.
Sección Orient Express: O cinema oriental non podía deixar de ter a súa representación no festival e as seleccionadas recorren o continente. Dende as xaponesas Air Doll (Kuki ningyo) e Vampire Girl vs. Frankenstein Girl, pasando pola indonesia Merantau ou a india Loins of Punjab.
Xa fóra de competición o cinema portugués ten o seu espazo na sección Panorama do cinema portugués e na retrospectiva adicada ó realizador luso Luís Galvão.
Fantasporto é un non parar de cinema. Hai unha Homenaxe ao Cinema Francés cunha escolla de once fitas reprensentativas da historia do cinema deste país, máis estreas na sección Premiere e Panorama (The Crazies, The Book of Eli…), unha sección de Cinema e robótica e outra de Pinku eiga (soft-porn xaponés), incluso poderemos ver os filmes gañadores de anos pasados. E curtas a esgalla. De imaxe real ou animación, portuguesas ou internacionais, e un ciclo chamado Heidi Goes Wild – Retro cinema suizo. E inda hai máis.
Malo será que no atopedes algo do voso gusto.
E por se isto vos parece pouco ou non queredes andar todo o día sentados na butaca hai un programa paralelo de actividades bem interesantes. Dende presentacións de banda deseñada como As Incríveis Aventuras de Dog Mendonça e Pizzaboy de Filipe Melo e Juan Cavia ou libros como Zona Fantástica com textos de varios autores sobre banda deseñada, ata a festa de feche do festival, a coñecida como Baile dos Vampiros, que terá lugar no Teatro Sá da Bandeira cunha chea de DJ’s.
A crise e a falta de apoio por parte da Cámara do Porto (este ano non hai carpa en fronte do Rívoli para xuntarse e tomarlle algo) non fixeron baixar a intensidade e diversidade do programa. O Fantas é moito Fantas (inda que as malas linguas o chame o “Fantasmorto”)
Dous comentarios breves para rematar.
Os problemas entre a Cámara e o festival fixeron que o ruxe-ruxe sobre un posíbel cambio de sede, máis concretamente Lisboa, se intensificaran nos últimos días. O director do festival, Mário Dorminsky, declarou en conferencia de prensa que están moi cómodos en Porto e que xa renovaron o contrato para o próximo ano.
O filme Splice de Vicenzo Natali caeu do programa por no aceptar a dirección do festival as esixencias da distribuidora (rexistrar ós espectadores para que non leven móbiles e similares, entre outras). Dorminski dixo, en ton de broma, “o filme está na net para quem quiser sacar”.
Eu estarei aquí para contarvos todo sobre os filmes que vexo e todo o que pasa.
Agora tócavos a vós dicir que vós parece a edición deste ano do Fantasporto e preguntar sobre calquera cousa que non quedara clara ou algo do que queirades ter especial información.
Vémonos nas butacas!
Hopkins o exorcista
O actor Sir Anthony Hopkins será o protagonista do thriller sobrenatural The Rite para a New Line e a Warner Bros. Pictures.
Baseado nunha novela de Matt Baglio, o filme vai sobre un xoven seminarista americano que ten unha crise de fe pero que finalmente redescubre ao seu deus cando asiste a un exorcismo no Vaticano e alí debe enfrontar-se a forzas demoníacas.
Hopkins será un mentor do persoaxe central, un cura pouco ortodoxo e experto en exorcismos.
Mikael Hafstrom dirixe a partir dun guión de Michael Petroni. Beau Flynn e Tripp Vinson serán os produtores.
Cage o cavernícola
Nicolas Cage, quen ainda está á procura de todo tipo de papeis para sair da súa ruína económica, e mais Ryan Reynolds, porán-lle as voces na versión orixinal aos persoaxes da vindeira comédia de debuxos animados en 3D The Croods para a DreamWorks Animation.
Cando un terremoto destrúe o seu hábitat, o cavernícola Crug (Cage) deberá liderar á súa família nun mundo mortal e cheo de perigos. Reynolds interpreta a un nómada moi listo que enmeiga á súa família, agás a Crug, quen coida que os intentos do nómada por se ligar á súa filla están a ir demasiado lonxe.
Chris Sanders (Lilo & Stitch, How to Train Your Dragon) e Kirk DeMicco (Space Chimps) son os autores do guión e dirixirán este filme, previsto para unha estrea que non será até marzo de 2012.
Novo pai, novo guión
A rodaxe de Conan, a vindeira nova adaptación do musculoso persoaxe de fantasía épica creado por Robert E. Howard nos anos 30, escomezará en Bulgária definitivamente o vindeiro 15 de marzo, e mentres tanto ainda están por se pechar algunhas cousas de última hora.
A primeira é que semella xa confirmar-se o rumor de que Mickey Rourke está en negociacións para interpretar ao pai do guerreiro Conan nesta aventura.
O filme vai sobre Conan (Jason Momoa) que se embarca nunha procura para vingar a morte do seu povo. Leo Howard encarnará ao persoaxe central cando era neno, e será posíbelmente nestes primeiros intres do filme cando poida interactuar con seu pai, a quen interpretaría Rourke.
Mentres tanto, unha fonte de confianza dentro dos estudos revelou que o guionista Sean Hood ven de ser contratado para que refaga o libreto orixinal de Thomas Dean Donnelly e Joshua Oppenheimer. Hood é o autor de Hercules, un guión cun persoaxe semellante e con temas non demasiado distintos, que fixo para os produtores Joe Gatta e Boaz Davidson na Millennium Films. Ambos produtores tamén estarán en Conan.
O director deste filme, Marcus Nispel, e mais Hood xa traballaran anteriormente xuntos no guión do thriller de ciéncia-ficción Subterranean, que podería escomezar a se rodar a finais deste ano.
Candidatos para ser o Capi
John Krasinski (da série de TV The Office) semella ser o favorito nunha lista de candidatos que manexan os estudos Marvel para protagonizar o seu vindeiro filme The First Avenger: Captain America.
As probas de pantalla están a ter lugar estes días e durante as seguintes duas semanas para ver quen se fai co papel de Steve Rogers (o Capitán Amárica) na nova versión para o cinema do superheroe dos cómics que dirixirá Joe Johnston (The Wolfman, Jurassic Park III).
Na lista están ademais outros xóvenes actores que resultarán mais ou menos familiares aos afeccionados á televisión pero que son ainda relativamente descoñecidos para o grande público. Así, temos a Scott Porter (da série de TV Friday Night Lights, The Good Guy), Mike Vogel (Cloverfield, Poseidon), Michael Cassidy (Smallville, OC) e a Patrick Fluger (Os 4400, Brothers).
Chace Crawford (da série Gossip Girl, The Covenant) está en conversas para facer as probas pero ainda non foi confirmado. Garret Hedlund (Troy, Four Brothers, Tron: Legacy) estivo na listaxe pero seica o seu nome caiu, o mesmo có de Jensen Ackles (Supernatural, My Bloody Valentine 3D) por mor de conflitos coa axenda.
O proceso de todos os xeitos podería rematar sen que ninguén sexa elixido, ou volver sobre os pasos após dunha primeira elección. No filme Thor, tamén da Marvel, o australiano Chris Hemsworth non foi o primeiro elixido e mesmo chegou estar fóra das apostas, pero após de várias semanas o seu nome foi o que saiu e levou-se o papel.
Parte do problema que teñen os produtores nestes intres para elixir a un protagonista é o orzamento. Quen sexa elixido agora podería participar até en nove filmes para a mesma produtora, mentres que o salári oque se rumorea non sería precismente para tirar foguetes.
O Capitán América non chegará ás salas de cinema até xullo de 2011.
Goyer no guión de Superman
O guionista de Batman Begins e Blade, David Goyer, ven de ser contratado para escribir The Man of Steel, o novo filme de Superman que realizarán a Warner Bros. Pictures e mais a Legendary Pictures.
Segundo indican as nosas fontes, Goyer ten a ideia de facer que o filme sexa unha encarnación á pantalla grande da encarnación que fixera John Byrne nos cómics. Moderno, críbel e divertido. Esta encarnación non tería ningún vencello con Superman Returns, así que Brandon Routh non será o protagonista nin Bryan Singer o director.
Os rumores van mais aló e apuntan mesmo a quen serán os inimigos do Home de Aceiro neste filme: a história de Goyer vai sobre Luthor e Brainiac. Non é unha orixe destes persoaxes nin de ningún outro, así que asume que xa todoo mundo os coñece, así coma a Lois, Clark, Jimmy e Perry. O Daily Planet está en problemas por mor da Internet e haberá de trasfondo toda unha mitoloxía kriptonián.
A nosa fonte indicou asemade que os anteriores rumores sobre que o guionista de cómics Mark Millar (Wanted, Kick Ass) podería ter algún papel ou ocuper-se do libreto do novo filme son totalmente falsos. O mesmo Millar hai uns días dixo que nunca estivo no proxecto e que debía rexeitar por completo eses rumores. Millar ademais dixo que Goyer é o home ideial para se ocupar de Superman nestes intres.
A contratación de Goyer non debería ser unha grande sorpresa após das novas que hai uns poucos días vencellaban ao director de Batman Begins e O Cabaleiro Escuro, Chris Nolan, co novo Superman para se converter no produtor e supervisor da franquía. Goyer e Nolan co-escribiron o guión de Batman Begins e Goyer tivo participación nos créditos de O Cabaleiro Escuro que Chris e mais o seu irmán Jonah Nolan co-escribiron.
Cando Goyer anunciou hai unhas semanas que ía deixar o seu traballo como guionista da série de televisión FlashForward para se adicar a outras cousas, moitos tiveron o ideia de que había en marcha un novo proxecto de Batman dirixido por Nolan. Pero seica a verdade estaba uns pasos ao lado, e non será o orelludo da capa senón o Grande S o persoaxe do que se vaia ocupar a parella que mais fixo polo cinema de superheroes ao lado da DC Comics nos últimos anos.
A encarnación do Superman de John Byrne mencionada mais enriba refíre-se ao relanzamento do persoaxe que fixo John Byrne en 1986 nos cómics nunha minisérie de 6 episódios titulada precisamente O Home de Aceiro. Byrne devolveu ao persoaxe ás súas orixes, reducindo sinificativamente os superpoderes de Superman. Na nova reencarnación, os seus pais ainda están vivos, Clark Kent é moito menos tímido, a Fortaleza da Soidade non existe e a xente non sabe que Superman ten unha identidade secreta (polo que Kent non é sospeitoso de ser Superman).


