Del Toro deixa O Hobbit

31 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema, Destaques

Segundo ven de confirmar o mesmo Peter Jackson, Guillermo del Toro abandoou por sorpresa a dirección do proxecto do filme O Hobbit, após de que hai uns poucos días ficase confirmado un novo adiamento na produción por mor dos problemas financeiros da MGM. Del Toro continuará, de todos os xeitos, coma co-guionista desta adaptación ao cinema do clásico libro de J.R.R. Tolkien.

A New Line e mais a MGM están a coproducir The Hobbit, que tiña previsto dividir-se en dúas películas separadas, que se estrearían en decembro de 2012 e decembro de 2013 respectivamente.

Á luz dos contínuos atrasos na data de comezo para a rodaxe de O Hobbit, enfrénto-me á decisión mais difícil da miña vida“, dixo Del Toro. “Após de case dous anos de vivir, respirar e deseñar un mundo tan rico coma a Terra Média de Tolkien, debo, con grande dór, abandoar a dirección destas marabillosas películas. Fico agradecido a Peter Jackson, Fran Walsh e Philippa Boyens, á New Line e mais á Warner Brothers e á toda a miña equipa en Nova Celándia. Tiven o priviléxio de traballar nun dos mais grandes países da Terra coa millor xente ao meu cargo e a miña vida ficará cambiada para sempre. As benzóns foran moitas, pero as presións cos conflitos nas axendas sobrepasaron o tempo inicialmente previsto para o proxecto. Tanto coma coguionista coma directo, non lle desexo á produción mais cá millor das sortes e serei o primeiro en me poñer na ringleira para ver o produto rematado. Sego a ser un aliado do mesmo e dos seus creadores, presentes e futuros, e apoiarei unha boa trasición co novo director“.

Pola súa banda, Jackson declarou que ainda que se sente moi triste de ver partir a Guillermo del Toro, por circunstáncias que están alén do control de todos, e porque ten compromisos con outros proxectos, ten que lle agradecer que ficara seis anos en Nova Celándia cando o comprimiso orixinal foi só de tres anos.

Mentres fican á procura doutro director, Jackson, Boyens e Walsh deberán pulir novamente o guión, porque outra cousa non poden facer mentres que a Metro non estea en disposición de aportar a metade dos cartos aos que se comprometeu para esta produción.

Adéus a Dennis Hopper

30 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Fans

Comments Off

O actor Dennis Hopper ven de morrer na súa casa de Venice, en Califórnia, rodeado de amigos e familiares, aos 74 anos de idade e após de protagonizar unha longa loita contra un cancro de páncreas que padecía dende había meses.

Nado en Kansas en 1936, Hopper estudou no Actors Studio e fixo a súa primeira aparición na tele en 1955. A súa estrea no cinema foi á beira de James Dean en Rebel Without a Cause (1955) e Giant (1956) e para o fin dos anos 60 protagonizara o seu millor papel, en Easy Rider (1969). Nombergantes, non puido continuar ao mesmo nivel estelar até que en 1979 volveu a acadar sona grazas ao seu papel en Apocalypse Now.

Ainda que foi ún dos derradeiros actores clásicos, non rexeitou intervir en moitas producións de xénero. Para os fans do fantástico, Hopper será relembrado coma protagonista de filmes coma Land of the Dead (2005), Firestarter 2: Rekindled (2002), Jason and the Argonauts (2000), Super Mario Bros. (1993) ou A Matanza de Texas 2 (1986) e pola súa intervención en séries de TV coma Flatland (2002) ou Witch Hunt (1994). Nombergantes, dende NOVA FANTASIA nunca esqueceremos a Deacon en Waterworld (1995) berrando “Dry land is not just our destination, it is our destiny!”.

Boa viaxe, aló onde vaias, Dennis!

Miley Cyrus será Tank Girl

29 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

Moitos o temían pero poucos coidaban que o pesadelo poidese facer-se realidade. A mais recente meniña prodíxio da factoría Disney, a repelente Miley Cyrus, quere facer cinema, e xa escolleu á súa vítima: o xénero fantástico.

A rapaza, que na actualidade conta con 17 anos, está en conversas para protagonizar a adaptación dun persoaxe do cómic inglés ao cinema, Tank Girl.

Coma é lóxico, a intervención de Cyrus faría que o persoaxe se converta no novo Hello Kitty e os produtores comezan a esfregar as mans pensando nos cartos que iso pode producir. Unha fonte interna dixo que “isto pode supoñer un novo enfoque de filme de alto orzamento para Tank Girl“. Relembremos que o proxecto xa existía antes de que Cyrus se interesase por protagoniza-lo.

O cómic, que conta cun estilo claramente punk, vai sobre as aventuras surrealistas e decote absurdas dunha rapaza que conduce un tanque e do seu mozo, un canguro mutante. O persoaxe nos cómics adoita protagonizar actos de roubo, sexo, drogas e violéncia, pero seica iso non é impedimento para que a anxelical Cyrus queira continuar adiante do proxecto, no que obviamente desaparecerán todas esas cousas.

O persoaxe xa foi anteriormente adaptado ao cinema nun filme de 1995 protagonizado por Lori Petty e Naomi Watts, que resultou un grande fiasco de crítica e de espectadores.

Cyrus comentou que “teño a sensación de que a xente non fala comigo seriamente, só porque son noviña. Espero que isto lles faga cambiar“.

O certo é que os creadores do cómic, Jamie Hewlett e Alan Martin, xa amosaron o seu descontento pola anterior versión do seu persoaxe no cinema, e queren na seguinte ter mais control creativo.

As Tartarugas de Bay

29 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

Ainda que todo o mundo segue a falar do despido de Megan Fox, da contratación da súa sustituta, e de todo o que hai arredor de Transformers 3, o certo é que o director Michael Bay xa está a pensar noutras cousas, e unha delas é a resurrección da franquía das Tartarugas Mutantes.

A Platinum Dunes, a empresa de Bay, mercou os dereitos para producir un filme con acción real baseado nas orixes dos populares loitadores contra o crime, que nestes intres está a ser desenvolvido pola Paramount Pictures e mais a Nickelodeon. Bay, Brad Fuller e Andrew Form producirán o filme e escomezarán as xuntanzas con diversos guionistas nas vindeiras semanas.

O proxecto anunciára-se hai un ano pola The Mirage Group, cuxa versión planeaba regresar ao espírito orixinal dos cómics nos que apareceron os persoaxes por primeira vez en 1984. A Nickelodeon adquiriu os dereitos sobre as Tartarugas en outubro do ano pasado, nun acordo que seica foi de 60 millóns de dólares.

Os heroes Leonardo, Michelangelo, Donatello e Raphael así coma o Mestre Hacha xa apareceron en tres películas previamente, todas con acción real e forte axuda de gráficos xerados por computador, a primeiros dos anos 90 e mais recentemente en 2007 co filme xa íntegramente rodado con gráficos por computador TMNT.

O Profesor X mais sexi

29 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

A 20th Century Fox ven de anunciar que a ascendente carreira do xoven actor inglés James McAvoy (Wanted, Last King of Scotland, Atonement) terá un novo empurronciño, grazas á súa participación na vindeira X-Men: First Class, onde interpretará a Charles Xavier cando mozo.

A história, segundo a rimbombante descrición da produtora, é “a cartografía dos épicos comezos da saga dos Homes X“. Antes de que Charles Xavier e Erik Lensherr adoutaran os nomes de Profesor X e Magneto, só eran dous rapaces que descubrían os seus poderes por primeira vez.

Antes de seren arquiinimigos, eran os millores amigos que pode haber, traballaban xuntos, con outros mutantes (algúns familiares para nós, outros novos) para deteren a meirande ameaza á que a humanidade enfrontou-se xamais. No proceso, ábre-se unha fenda entre eles, e así comezou a eterna guerra entre a Irmandade Mutante de Magneto e a Patrulla X do Profesor X.

Patrick Stewart interpretou á versión ancián do persoaxe, cando precisa dunha cadeira de rodas para mover-se nas anteriores catro entregas dos Homes X. Matthew Vaughn dirixe First Class este verán en Inglaterra, coa intención de poder estrear o filme o vindeiro mes de xuño.

Tres proxectos adiados

29 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Breves

Comments Off

Tres proxectos paralisados ou adiados nas últimas horas: Jack and the Giant Killer de Bryan Singer deberá agardar até febreiro para saber se segue ou non. The Hobbit de Guillermo del Toro aínda non está aprobado. Todo segue no aire po causa da crise na MGM. E Life of Pi de Ang Lee sufre un novo parón por non conseguir recadar os 70 millóns que precisa para escomezar.

Alícia, xa entre os grandes

28 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema, Destaques

Comments Off

A nova versión de Alicia no País das Marabillas ven de se unir ao selecto grupo de filmes que superan na história os 1.000 millóns de dólares de recadación no despacho de bileltes, un logro que únicamente acadaron outros cinco filmes na história do cinema e que a fita de Tim Burton debe en grande medida á renovada forza do 3D.

A última superprodución da Disney, protagonizada por Johnny Depp, Helena Bonham Carter, Anne Hathaway e a xoven Mia Wasikowska debe a sua entrada no clube dos mil millóns á excelente acollida que tivo fóra dos Estados Unidos. Segundo os dados feitos públicos, a fita de Burton recadou mais de 332 millóns de dólares nos Estados Unidos mentres que no resto do mundo o despacho de billetes proporcionou outros 667 millóns.

Alicia no País das Marabillas é a quinta película que supera os 1.000 millóns e a segunda de maior recadación da Disney até hoxe, por atrás da segunda entrega de Piratas do Caribe, que sumou un total de 1.070 millóns en 2006.

A lista das longametraxes con mais recadación está encabezada por Avatar, coa que James Cameron renovou o cinema de 3D, a ciéncia-ficción e o negócio do cinema. As aventuras dos Na’vi en Pandora recadaron 2.266 millóns de dólares, superando en moito á segunda clasificada, tamén dirixida por Cameron: Titanic colleitou 1.845 millóns en 1997. Os outros membros deste clube dos mil millóns son O Señor dos Aneis 3, Piratas do Caribe 2 e O Cabaleiro Escuro, o que demostra, por se alguén ainda non-o tiña moi claro, o asoballante domínio da fantasía nas preferéncias dos espectadores de cinema.

Huntington-Whiteley, a sustituta

28 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

A oferta foi xa oficialmente lanzada e nada semella prever que sexa rexeitada. A Paramount quere que a modelo inglesa de Victoria Secret Rosie Huntington-Whiteley, que polo de agora non ten ningunha experiéncia no cinema, sexa a sustituta de Megan Fox na vindeira terceira entrega da saga de Transformers.

A modelo debería interpretar á nova moza de Shia LaBeouf, un papel para o que tamén eran candidatas Sarah Wright e mais a súa colega de Victoria’s Secret, Brooklyn Decker.

O mesmo Michael Bay ten experiéncia coma director dalgúns anúncios da cara marca de roupa interior feminina, polo que é probábel que coñeza a Huntington-Whiteley por te-la visto anteriormente. Mália que carece totalmente de experiéncia coma actriz, a rodaxe da súa parte do papel escomezará en tan só quince días.

A Fábrica da Hasbro

28 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

Non satisfeita de todo coas adaptacións ao cinema que se están a levar a cabo arestora dos seus proxectos, a empresa xogueteira Hasbro planea nada menos ca un filme no que aparezan xuntos todos os seus produtos, algo así coma a Marvel cos seus persoaxes de cómic Os Vingadores: unha película que os axunte a todos.

A Paramount Pictures e mais a Hasbro están a desenvolver Hasbro Factory, un filme que se describe coma Night at the Museum dentro da fábrica da Hasbro, e o proxecto xa lle foi entregado aos guionistas para que fagan o seu traballo de adaptar todos os xogos da Hasbro nunha soa película.

Ainda que pode semellar un totum revolutum pouco apetecíbel, o movemento non carece de certa lóxica xa que permitirá á Hasbro dar a coñecer algúns dos seus xoguetes menos populares, e que nunca poderían ser adaptados ao cinema por si mesmos. Entre eles poderían estar My Little Pony e as bonecas Cabbage Patch, Lite Brite, Zoids e mesmo a Play-Doh, o xoguete de plastilina.

O filme terá de todos os xeitos que se poñer na ringleira de espera, onde agardan para o lanzamento as adaptacións doutros xoguetes ao cinema, coma Battleship, os Micronautas, Risk, Stretch Armstrong, a Ouija, Candy Land, M.A.S.K. ou o Cluedo.

A rebelión de Atlas

28 de Maio de 2010 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

A longamente agardada adaptación ao cinema do clásico literário de 1957 da escritora Ayn Rand Atlas Shrugged ven de recebir un forte empurrón cara á luz verde por parte dos estudos nestas últimas dúas semanas.

O empresário John Aglialoro fixéra-se cos dereitos para o cinema aló por 1992 pero os intentos de adaptar a novela, que na súa versión mais habitual en inglés ten 1.100 páxinas, atopou non poucos problemas e falsos comezos ao longo dos anos. Os nomes de Angelina Jolie, Charlize Theron e Faye Dunaway estiveron algunha vez vencellados ao proxecto coma protagonistas nalgún intre.

Como resultado, Aglialoro está xa farto de agardar e quere escomezar o proxecto el mesmo, financiándo-o de xeito independente e comezando a produción o vindeiro 11 de xuño en Los Angeles. A súa ideia é facer catro filmes, baseados no obxectivismo, a doutriña filosófica que subxaz por baixo desta e doutras novelas da mesma autora, e que conduciu á creación dunha seita dirixida pola “man dereita” de Rand. Brian O’Tool e Aglialoro co-esceribiron o guión e Stephen Polk foi contratado para facer o seu debut coma director dun proxecto que só agora semella saír do segredo no que estivo envolto durante os últimos meses.

A sorpresa é que ainda que non hai ningún actor contratado para o proxecto, e mália que Theron e Maggie Gyllenhaal recebiron ofertas para interpreat o papel da protagonista Dagny Taggart, a produción seguirá adiante con actores descoñecidos se non acadan financiación suficiente para se faceren con algún nome relevante.

Páxina seguinte »