Baixo chave e cerrollo
Os guionistas de Transformers e Star Trek, a parella de moda composta por Roberto Orci e Alex Kurtzman, poderían ser os escritores e produtores da vindeira adaptación ao cinema do cómic de Joe Hill Locke and Key para a DreamWorks Pictures.
Ambientada nunha pequena vila de Massachusetts, a história vai sobre unha nai e mais os seus tres fillos que se mudan a un novo fogar após de que o pai morrera asasinado.
A enorme propriedade onde vivirán ten moitas áreas só accesíbeis por médio de chaves especiais, mentres que unha forza maléfica no interior da casa fai que o asasino do pai visite á família na súa nova vivenda para que poida rematar o traballo co resto dos familiares.
O proxecto estivera anteriormente nas mans da Dimension Films. O escritor Joe Hill é o fillo do famoso mestre do terror Stephen King.
Spielberg e mais Matt Helm
Seica Steven Spielberg será finalmente o produtor dun filme sobre o axente secreto fictício Matt Helm no seu vindeiro proxecto.
Helm é un axente de contraespionaxe do governo americano cuxo traballo principal é asasinar aos axentes inimigos. O persoaxe apareceu en 27 libros ao longo dun periodo de 33 anos que escomezou en 1960 e que convertiu a Helm nun dos axentes mais duros, pragmáticos e competentes da ficción. A séries contaba cun senso de continuidade entre libros, algo raro para a época, e finalmente, nos derradeiros tomos, o axente deixou de estar ambientado como heroe da Segunda Guerra Mundial e pasou a ser un axente sen idade. O novelista Donald Hamilton foi o creador deste persoaxe.
Spielberg, Alex Kurtzman e Roberto Orci serán os produtores. Paul Attanasio entregou un novo guión a semana pasada que seica foi o que convenceu a Spielberg de entrar no proxecto. Nombergantes, é moi dubidoso que el sexa o director, xa que a Paramount Pictures ten ainda os dereitos.
O persoaxe xa foi levado ao cinema anteriormente, da man de Dean Martin en catro comédias, e á televisión, onde foi interpretado por Tony Franciosa nos anos 70.
As secuelas de Star Trek
Ainda que o filme non se estreará até dentro doutras seis semanas, a Paramount Pictures xa está a preparar a primeira secuela para a que se presume exitosa resurrección da franquía de Star Trek.
Roberto Orci, Alex Kurtzman e Damon Lindelof xa foron contratados para escribir o guión e producir a secuela. Nestes intres xa están a facer ócos nas súas axendas para poder teren o guión rematado nos vindeiros meses e poder entrega-lo aos estudos para final deste ano, o que deixaría á secuela disposta para se estrear no verán de 2011.
O produtor e director J.J. Abrams regresará sen dúbida como produtor, pero non está ainda claro se el mesmo será outra vez o director ou se deixará o posto a outro candidato. De feito, orixinalmente Abrams só ía producir o primeiro filme, pero finalmente asinou tamén para dirixi-lo após de lér o guión de Kurtzman e Orci.
Do que pouco se sabe é do argumento desta secuela: “Obviamente discutimos algunhas ideias, pero agardamos ver como responderá a audiéncia o mes que ven. Co renacemento da franquía, a primeira película tiña que ir sobre as orixes. Pero coa segunda, tes a incríbel oportunidade de explorar cousas emocionantes. Imos ser cobizosos co que imos facer“, dixo Kurtzman.
O movemento da Paramount é ambicioso pero tamen arriscado, xa que as dez anteriores entregas de Star Trek nunca foron demasiado favorecidas nos despachos de billetes, especialmente fóra dos Estados unidos, e é por ese motivo polo que os filmes non adoitan ter un orzamento demasiado elevado.
Nombergantes, este relanzamento xa custou moitísimo mais que calquera das anteriores entregas da saga, polo que precisará recadar moito mais para que unha secuela sexa viábel, especialmente fóra dos Estados Unidos.
Ainda que o filme xa puido ser contemplado por algúns afortunados en visionados especiais para os membros dos estudos, a estrea mundial terá lugar o vindeiro martes na Opera House de Sydney. As críticas especializadas, iso si, terán que agardar até finais de abril.
Wiseman dirixirá Atlantis
O realizador de Underworld, Len Wiseman, será o director da vindeira adaptación á pantalla grande do cómic apocalíptico de ciéncia-ficción Atlantis Rising para a DreamWorks.
Alex Kurtzman e Roberto Orci (Transformers, Fringe), que mercaron o proxecto á DreamWorks cando esta empersa foi absorbida pola Paramount, serán os produtores.
Creado por Scott Mitchell Rosenberg, Atlantis Rising é unha minisérie de cinco números editada pola Platinum Studios. A história arrinca cando unha série de maremotos obriga ás autoridades militares do mundo a investigar a meirande parte do océano, onde unha civilización subterránea está a xurdir e se dispón a loitar nunha guerra contra o noso planeta.


