Entrevista con Chris Nolan
Na súa primeira entrevista dende hai moito tempo, o director de O Cabaleiro Negro, Chris Nolan, por fin desvelou algúns dos segredos mellor gardados sobre o estado actual das franquías de Batman e Superman.
Ao respeito dunha terceira entrega de Batman, o irmán de Chris, Jonathan Nolan, está xa a traballar no guión: “o meu irmán está a escribir un guión para min e xa veremos o que sae… está a loitar por uni-lo á história épica que vós queredes que sexa“.
Ainda que non confirmou que el vaia ser o director, o seu principal interese é dar-lle á súa creazón un remate, facendo que a triloxía remate dunha maneira axeitada: Batman Begins reintroduciu aos persoaxes, O Cabaleiro Escuro levou ao protagonista e mais a Gothan City ao límite, e o terceiro deberá resolve-lo todo.
“Sen ser moi específico, o tema clave que fai do terceiro filme unha grande posibilidade para nós é que queremos rematar a nosa história e ao ve-la coma o remate dun relato mais ca coma extendéndo-se ilimitadamente“, dixo Nolan, que non quixo nin sequera revelar quen será o vilán, agás que non será Mr. Freeze.
Pero o mais interesante arestora é sen dúbida o que tiña que contar sobre Superman: “é moi emocionante, temos unha história fantástica e sentimos que podemos face-lo ben. Coñecemos o contorno, se queres, coñecemos o xénero e como facer que saia ben“, dixo Nolan.
Ao contrário do Superman Returns de Bryan Singer que lle debe moito á visión do persoaxe de Richard Donner de filmes anteriores, os plans de Nolan pasan por facer unha aproximación mais do seu própio gusto.
E esa aproximación pasa pola visión do guionista David Goyer, encargado do libreto. Goyer contou a súa opinión a Nolan e este dixo que “aceptei-na de contado, encantou-me e pensei: ei, esa é uha aproximación á história que nunca vira antes e que a fai incríbelmente emocionante“.
Ademais, Nolan aproveitou para botar abaixo os rumores sobre a súa participación nun filme da Liga da Xustiza, xa que el coida que o seu Superman vive nun mundo diferente ao do seu Batman: “cadaún serve á lóxica interna da história. Non teñen ren que ver o un co outro“.
Ademais tamén desbotou os rumores que apuntaban ao seu irmán para dirixir o filme, e dixo que non tiña nin ideia de quen dirixiría o proxecto, pero que a súa participación sería coma a de Peter Jackson en Distrito 9, un filme que dirixiu Neill Blomkamp, ou O Hobbit, que dirixe Guillermo del Toro.
Outro récord para o Joker
O Cabaleiro Escuro converteu-se no cuarto filme da história do cinema que é capaz de recadar mais de 1.000 millóns de dólares nas billeteiras en todo o mundo. O anúncio foi realizado pola Warner Bros. o pasado venres, cando se comunicou que o total internacional fora de 1.001.082.160 dólares (786.351.679,71 euros) até entón, con 533 millóns só nos Estados Unidos e 567 no resto do mundo.
O Cabaleiro Escuro estaba uns 4 millóns de dólares por baixo do récord cando a Warner Bros. re-lanzou o filme nas pantallas Imax o 23 de xaneiro, xusto o día despois de que se soubera que tiña oito nominacións para os Oscars. Ademais, as gañanzas que chegaron dende Ecuador tamén audaron a superar o récord.
Só Titanic, con 1.800 millóns de dólares, O Señor dos Aneis: O retorno do Rei e Piratas do Caribe: O Cofre do Home Morto puideron superar os mil millóns de dólares en benefícios anteriormente.
O Cabaleiro Escuro é tamén a segunda película que mais recada nos Estados Unidos de toda a história, só por atrás de Titanic.
A Warner tamén salientou que é o filme que mais recadou da história nos cinemas Imax, con case 50 millóns de dólares nos Estados Unidos e uns 65 no resto do mundo.
Globos de Ouro fantásticos
Tal e coma se agardaba, o defunto Heath Ledger gañou o prémio ao millor actor secundário na gala dos Globos de Ouro celebrada o domingo en Beverly Hills, Califórnia, pola súa diabólica representación do Joker no filme superéxito Batman O Cabaleiro Escuro.
Este prémio fai que as posibilidades de Ledger de gañar o Oscar ao Millor Actor Secundário se disparen cara ás nominación para as estatuíñas da Académia de Hollywood, que se darán a coñecer este día 22, precisamente o aniversário da morte accidental do actor por mor dunha sobredose de drogas.
O prémio do Globo de Ouro foi recollido polo director de O Cabaleiro Escuro Christopher Nolan, que dixo que tanto el coma os seus colaboradores estaban abraiados polo grande éxito do filme e pola aclamación da interpretación de Ledger en todo o mundo.
Entre os outros gañadores do xénero fantástico estiveron WALL-E, que levou o prémio á millor película de debuxos animados. O director Andrew Stanton agradeceu o prémio á produtora, Pixar Animation, e mais á distribuidora, a Walt Disney, decindo que a história de amor que se debuxa no filme entre dous robots comunicada con asubíos e chasquidos “non podía ser feita por ninguén mais“.
Anna Paquin, pola súa banda, gañou o Globo de Ouro á millor actriz nunha série de televisión dramática polo seu papel coma protagonista de True Blood.
O Cabaleiro dos Prémios
O Cabaleiro Escuro continúa colleitando aclamacións no seu camiño cara ás nominacións para os Oscar que se coñecerán o vindeiro día 22 de xaneiro. Antonte, o director do filme, Christopher Nolan, recibiu unha nominación para o prémio ao millor director que concede a Asociación de Directores dos Estados Unidos (DGA).
O gañador do prémio da DGA adoita ser despois o que se alza coa estauíña dourada do Oscar ao Millor Director, cousa que non saberemos até o 22 de febreiro en todo caso.
David Fincher tamén acadou unha nominación da DGA polo seu filme O curioso caso de Benjamin Button.
O megaéxito de Batman leva recadados moitos prémios clave que o conducen aos Oscars: tamén foi nominado ao prémio da Asociación de Produtores, cuxo gañador adoita coincidir co Oscar ao millor Filme. E Nolan tamén conta cunha nominación da Asociación de Guionistas polo mesmo filme. Ademáis, nos populares prémios People’s Choice desta semana, O Cabaleiro Escuro varreu aos seus rivais.
Morreu Catwoman
Eartha Kitt, a cantante e bailarina coñecida entre os fans do xénero fantástico por interpretar á Catwoman orixinal na série Batman dos anos 60, ven de morrer aos 81 anos.
Kitt, que se criou nos campos de algodón de Carolina do Sul e chegou a se converter nun símbolo internacional da elegáncia e da sensualidade, morreu en Connecticut por mor dun cancro de colon.
Kitt, autoproclamada “sex kitten” (gatiña do sexo) e famosa polo seus ronroneos gatunos, foi unha das intérpretes máis versátiles dos Estados Inidos, gañou dous Emmys e obtivo unha terceira nominación. Ademáis, foi nominada várias veces para os Tonys e para dous Grammys. A súa carreira prolongou-se ao longo de sesenta anos.
Na televisión, Kitt foi a sexy Catwoman na série Batman dende 1967 a 1968, sustituindo no papel a Julie Newmar, quen comezou co persoaxe.
Tildada non seus millores tempos como “a muller mais excitante do mundo” por Orson Welles, en 2001 cando contaba con case 80 anos publicou un libro titulado Rejuvenate, no que aparecía cunha figura que para si quixeran moitas mozas de 20 anos.
En 1950, Welles déra-lle o seu primeiro papel no cinema, o de Helena de Troia no filme Dr. Faustus. Pero a súa carreira profesional sufriu un parón en 1968 cando fixo unhas duras declaracións contra a guerra de Vietnam, o que lle custou ter que se exiliar dos Estados Unidos. Só puido regresar anos despois, cando o Presidente Jimmy Carter convidouna á Casa Branca.
Ao remate da súa carreira gañou algúns fans mais emprestándo-lle a súa voz a Yzma no filme da Disney de 2000 O novo traxe do Emperador.
China censura a Batman
Será o filme que mais recadou en 2008 e un dos que mais recadaron en toda a história do cinema, mália que os 1.300 millóns de persoas que povoan China non poderán ir ve-la finalmente. A Warner Bros. decidiu aceptar as imposicións do governo chinés e O Cabaleiro Escuro, o segundo Batman de Christopher Nolan que protagonizan Christian Bale e mais o falecido Heath Ledger, non se estreará en China para non ferir supostas “sensibilidades de orde cultural“.
“Considerando unha série de condicións právias á estrea que están a se vencellar a O Cabaleiro Escuro, así coma sensibilidades culturais nalgúns elementos do filme, decidimos non lanzar a película na China“, afirmou a Warner nun escueto comunicado, no que non dan mais razóns de por que o último Batman non se poderá ver nas salas de cinema da derradeira ditadura totalitária do planeta.
E en auséncia de mais explicacións, todo indica que esas “sensibilidades culturais” das que fala a produtora se refiren á espectacular secuéncia que se inclúe na primeira parte do filme no que Batman viaxa até território chinés, concretamente a Hong Kong, para capturar a un perigoso cerebro criminal adicado a blanquear os cartos da máfia de Gotham. Precisamente alí, en Hong Kong, O Cabaleiro Escuro si que se estreou sen problemas e recadou mais de 7,5 millóns de dólares.
Mark Hamill será o Joker
19 de Decembro de 2008 por Editor
Arquivado como Videoxogos
Comments Off
Mark Hamill, que encarnou ao célebre Luke Skywalker na triloxia orixinal da Guerra das Galáxias, cederá a sua voz ao malvado Joker nunha nova aventura do cruzado con capa en Batman: Arkham Asylum. Iso si, non se trata da nova entrega cinemátográfica do home morcego, senon do videoxogo creado pola Eidos e mais a Warner Bros.
Como o título indica, tráta-se da adaptación do cómic do mesmo nome escrita en 1989 por Grant Morrison e ilustrada por Dave McKean, que foi a novela gráfica millor vendida da DC Comics durante vários anos con mais de meio millón de cópias.
Arkham Asylum é o manicómio de Gotham City e o punto de partida do cómic e mais o videoxogo é o dia dos Inocentes; os reclusos do sanatório (a maioria de superfalcatruáns inimigos de Batman: o Joker, o Pingüín, o Espantallo ou Poison Ivy) amotinan-se. O Joker fai saber ás autoridades que os funcionários secuestrados morrerán se Batman non fica unha noite entre os muros do manicómio.
Mark Hamill non é novo nestas lides: xa participou como dobrador do sádico pallaso nas séries de debuxos animados de Batman e Superman creada nos 90, e mais recentemente na Liga da Xustiza.
Piden o Oscar para Heath Ledger
Mentres se achega a data de entrega dos Oscars, a Warner Bros continúa a intensificar a súa campaña a prol de que Heath Ledger, o finado actor que interpretou ao Joker en O Cabaleiro Escuro, a última entrega da saga de Batman, sexa ún dos nominados na categoría de millor actor secundário.
A Warner publicou no último número de Variety, a revista senelleira do sector cinematográfico, unha páxina de publicidade lembrando o grande traballo de Ledger no filme. Para elo cita un comentário do crítico de Time, Richard Corliss, ún dos que mais sona teñen nos Estados Unidos.
Os votos para as candidaturas ao Oscar serán enviados á Académia entre o 26 de decembro e o 12 de xaneiro. Os finalistas en cada categoría serán anunciados o 22 de xaneiro.
De ser nominado, non sería a primeira vez que acontece que un morto é finalista e mesmo gañador. O primeiro foi Sidney Howard, polo guión de Foi-se co vento (1939).
Oscars sen a BSO de Batman
A banda sonora orixinal de O Cabaleiro Escuro ven de ser descalificada polo comité executivo da Académia de Hollywood que concede os Oscars. Esta mesma semana os compositores Hans Zimmer e James Newton Howard recibirán senllas cartas oficiais comunicándo-lles o feito.
O curioso é que non é a primeira vez que lle acontece isto á parella de músicos, porque a súa anterior colaboración en Batman Begins tamén fora descalificada en 2005.
Fontes internas da Académia deron a entender que a descalificación produciu-se porque os compositores da banda sonora son cinco persoas segundo a folla de datos oficial dos estudos que produciron o filme.
Zimmer dixera nunha entrevista anterior a todo este escándalo que poñer vários nomes como autores da banda sonora é algo habitual, para poder recompensar económicamente o traballo de moitas persoas que colaboraron pero sen chegar ser autores. Zimmer, Howard e as outras tres persoas – o editor musical Alex Gibson, o deseñador de ambiente musical Mel Wesson e mais o compositor Lorne Balfe – asinaran unha declaración xurada na que manifestaban que o traballo de creación correspondeu a Zimmer e Howard.
Pero iso non foi abondo para a maioría do comité, ao que ao longo dunha xuntanza que durou catro horas tamén lle chegou unha documentación que seica indica que máis do 60% pero menos do 70% da banda sonora foi composta pola parella de músicos.
Nin Zimmer nin Howard quixeron comentar esta decisión. Ambos os dous teñen no seu haber sete nominacións, e Zimmer xa gañou un Oscar por O Rei León.
Gañadores dos Prémios Scream 2008
Os prémios Scream 2008, que concede a canle Spike TV adicada aos xéneros de fantasía, ciéncia-ficción e terror foron dados a coñecer no decurso da gala de presentación emitida onte día 21, e esta é a listaxe completa cos gañadores:
- Millor filme “Scream”: O cabaleiro escuro
- Millor filme fantástico: Hellboy II: O Exército Dourado
- Millor filme de terror: Sweeney Todd: O demo Barbeiro de Fleet Street
- Millor filme de ciéncia-ficción: Iron Man
- Millor série de TV: Dexter
- Millor superheroe: Christian Bale coma Batman en O cabaleiro escuro
- Millor actor de fantasía: Heath Ledger en O cabaleiro escuro
- Millor actor de terror: Johnny Depp en Sweeney Todd: o demo barbeiro de Fleet Street
- Millor interpretación debutante: WALL-E en WALL-E
- Millor actriz de terror: Liv Tyler en The Strangers
- Millor falcatruán: Heath Ledger coma o Joker en O cabaleiro escuro
- Millor actriz de fantasía: Angelina Jolie en Wanted
- Millor actor secundário: Gary Oldman en O cabaleiro escuro
- A escena “The Holy Sh*t!” do ano: a derrapaxe da moto de Batman en O cabaleiro escuro
- A mutilación máis memorábel: Vagina with Teeth
- Millor guión: O cabaleiro escuro por Christopher Nolan, Jonathan Nolan e David Goyer
- Millor adaptación de cómic ao cinema: Buffy Cazavampiros, oitava tempada.
- Millor secuela: O cabaleiro escuro
- Millor Director: Christopher Nolan, O cabaleiro escuro
- Millor remake: Halloween
- Millor actor de ciéncia-ficción: Robert Downey Jr en Iron Man
- Millor actriz de ciéncia-ficción: Milla Jovovich en Resident Evil: Extinction
- Millores efectos especiais: O cabaleiro escuro
- Millor cómic: Y: The Last Man
- Millor filme de cómic: O cabaleiro escuro
- Millor debuxantre de cómics: Gabriel Ba, The Umbrella Academy: Apocalypse Suite
- Millor guionista de cómics: Grant Morrison por Batman, Final Crisis
- Millor xiro inesperado nun cómic: A desbandada da Patrulla X após de que disparen na cabeza ao Profesor X
- Millor frase: “Coido que todo o que non te mata fai-te máis raro” polo Joker en O cabaleiro escuro




