Morreu Catwoman
Eartha Kitt, a cantante e bailarina coñecida entre os fans do xénero fantástico por interpretar á Catwoman orixinal na série Batman dos anos 60, ven de morrer aos 81 anos.
Kitt, que se criou nos campos de algodón de Carolina do Sul e chegou a se converter nun símbolo internacional da elegáncia e da sensualidade, morreu en Connecticut por mor dun cancro de colon.
Kitt, autoproclamada “sex kitten” (gatiña do sexo) e famosa polo seus ronroneos gatunos, foi unha das intérpretes máis versátiles dos Estados Inidos, gañou dous Emmys e obtivo unha terceira nominación. Ademáis, foi nominada várias veces para os Tonys e para dous Grammys. A súa carreira prolongou-se ao longo de sesenta anos.
Na televisión, Kitt foi a sexy Catwoman na série Batman dende 1967 a 1968, sustituindo no papel a Julie Newmar, quen comezou co persoaxe.
Tildada non seus millores tempos como “a muller mais excitante do mundo” por Orson Welles, en 2001 cando contaba con case 80 anos publicou un libro titulado Rejuvenate, no que aparecía cunha figura que para si quixeran moitas mozas de 20 anos.
En 1950, Welles déra-lle o seu primeiro papel no cinema, o de Helena de Troia no filme Dr. Faustus. Pero a súa carreira profesional sufriu un parón en 1968 cando fixo unhas duras declaracións contra a guerra de Vietnam, o que lle custou ter que se exiliar dos Estados Unidos. Só puido regresar anos despois, cando o Presidente Jimmy Carter convidouna á Casa Branca.
Ao remate da súa carreira gañou algúns fans mais emprestándo-lle a súa voz a Yzma no filme da Disney de 2000 O novo traxe do Emperador.
Podería Cher interpretar a Catwoman?
A cantante e actriz de 62 anos de idade Cher é seica unha das máximas candidatas para interpretar a Catwoman coma principal inimiga de Christian Bale na terceira entrega da saga de Batman que está a ofrecer o director inglés Christopher Nolan.
Cher, gañadora dun Oscar, uniría-se asemade a un reparto no que xa figuran Johnny Depp no papel do Riddler. O persoaxe de Catwoman, unha ladrona que ten un látigo como arma, xa foi interpretado anteriormente por Michelle Pfeiffer e Halle Berry en diversas etapas e filmes.
Un executivo dos estudos Warner Bros. dixo: “Cher é a primeira elección de Nolan para interpretar a Catwoman. El quere retrata-la coma unha vampiresa nos seus anos crepusculares. Pero a nova Catwoman será o contrário completo das creacións ronroneantes de Michelle Pfeiffer e Halle Berry“.
O comezo da rodaxe da nova entrega de Batman, que polo de agora leva o título de traballo de The Caped Crusader [O cruzado con capa], está previsto para primeiros do ano que ven en Vancouver (Canadá).
O Cabaleiro Escuro, o grande éxito nos despachos de billetes deste verán, xa é oficialmente o filme de máis éxito na saga de Batman. A Warner Bros ten a intención de chegar aos 530 millóns de dólares de recadación (uns 360 millóns de euros).
O Cabaleiro Escuro está protagonizado polo defunto Heath Ledger, que apareceu morto no seu apartamento de Manhattan por mor dunha sobredose de drogas. A súa interpretación do malvado Joker podería mesmo gañar a título póstumo unha nominación aos Oscar.
A aparición máis recente de Cher nas pantallas grandes foi Tea with Mussolini en 1999 e Stuck on You, en 2003, na que se interpretaba a si mesma. A súa única incursión polo de agora no cinema fantástico foi en As bruxas de Eastwick en 1987.


