Sylvester Stallone o Batman perfecto?
Frank Miller, autor da novela gráfica O regreso do señor da noite, ven de declarar que lle gustaría ver a súa história sobre un Batman decrépito na pantalla grande, no que podería ser o remate da triloxía do superheroe da DC Comics formada por Batman Begins e O Cabaleiro Escuro.
Preguntado por un xornalista sobre quen podería ser o máis axeitado para este Batman crepuscular, Miller abraiou a todos dicindo que o seu candidato é Sylvester Stallone. “Góstame moito Rocky Balboa“, explicou Miller, “porque é un guerreiro ferido, exactamente o mesmo que Batman en O regreso do Señor da noite“.
Os rumores ao respecto desta nova entrega do Home Morcego aparecen case diariamente na prensa. Continúa-se especulando sobre se Christopher Nolan dirixirá a película; Christian Bale, o seu protagonista, amosou-se receptivo a rodar outro filme sempre que Nolan sexa o director e non apareza Robin e baralláron-se vários candidatos para o papel de Catwoman – Cher, por exemplo – e algún dos superfalcatruáns da saga.
A última entrega da série, O Cabaleiro Escuro, é a película máis exitosa do ano, e tan só a mítica Titanic acadou en toda a história unha recadación maior nos Estados Unidos.
Podería Cher interpretar a Catwoman?
A cantante e actriz de 62 anos de idade Cher é seica unha das máximas candidatas para interpretar a Catwoman coma principal inimiga de Christian Bale na terceira entrega da saga de Batman que está a ofrecer o director inglés Christopher Nolan.
Cher, gañadora dun Oscar, uniría-se asemade a un reparto no que xa figuran Johnny Depp no papel do Riddler. O persoaxe de Catwoman, unha ladrona que ten un látigo como arma, xa foi interpretado anteriormente por Michelle Pfeiffer e Halle Berry en diversas etapas e filmes.
Un executivo dos estudos Warner Bros. dixo: “Cher é a primeira elección de Nolan para interpretar a Catwoman. El quere retrata-la coma unha vampiresa nos seus anos crepusculares. Pero a nova Catwoman será o contrário completo das creacións ronroneantes de Michelle Pfeiffer e Halle Berry“.
O comezo da rodaxe da nova entrega de Batman, que polo de agora leva o título de traballo de The Caped Crusader [O cruzado con capa], está previsto para primeiros do ano que ven en Vancouver (Canadá).
O Cabaleiro Escuro, o grande éxito nos despachos de billetes deste verán, xa é oficialmente o filme de máis éxito na saga de Batman. A Warner Bros ten a intención de chegar aos 530 millóns de dólares de recadación (uns 360 millóns de euros).
O Cabaleiro Escuro está protagonizado polo defunto Heath Ledger, que apareceu morto no seu apartamento de Manhattan por mor dunha sobredose de drogas. A súa interpretación do malvado Joker podería mesmo gañar a título póstumo unha nominación aos Oscar.
A aparición máis recente de Cher nas pantallas grandes foi Tea with Mussolini en 1999 e Stuck on You, en 2003, na que se interpretaba a si mesma. A súa única incursión polo de agora no cinema fantástico foi en As bruxas de Eastwick en 1987.


