Non haberá mais Superman no futuro próximo

Superman
Diane Nelson, responsábel da nova división da Warners DC Entertainment, deu unha resposta directa a unha pregunta realizada no decurso dunha entrevista na tele onte, ao respeito de se haberá ou non novos filmes da saga de Superman ou se hai algo previsto no futuro próximo.
“En realidade non temos ningún plan actualmente para Superman. Obviamente xa fixemos unha manchea de grandes cousas para a propiedade na nosa história, e [Superman] é unha parte esencial da nosa família, pero non temos actualmente plan para Superman“, dixo Nelson.
Esta declaración chega pouco despois de que unha sentencia xudicial disparara os rumores de que os estudos estarían desexando facer unha nova entrega de Superman antes de que os dereitos cinematográficos sobre os persoaxe regresasen aos herdeiros do seu creador en 2013. Agora con todos os dereitos no aire e no médio de liortas xudiciais para os vindeiros anos, semella que o Home de Aceiro non regresará á pantalla grande até dentro de moito tempo.
Mentres tanto, a única encarnación do persoaxe nas pantallas, a série de televisión Smallville, arrincará a súa derradeira tempada o vindeiro venres nos Estados Unidos.
Estratéxia de superheroes
A Warner Bros. ven de anunciar oficialmente a reestruturación da DC Comics dentro dunha nova compañía, a DC Entertainment Inc., cuxa misión será “relizar totalmente o poder e mais o valor da marca DC Comics e mais os seus persoaxes a través de todos os médios e plataformas“, segundo unha nota de prensa.
A presidenta da Warner Premiere, Diane Nelson, quen supervisou e continuará a supervisar a franquía de Harry Potter, que pertence aos mesmos estudos, será a nova responsábel da DC Entertainment baixo o mando directo do presidente da Warner, Jeff Robinov.
Esta reestruturación levaba un tempo xestándo-se pero agora se lle deu algo de présa como xeito de potenciar as franquías da compañía após da recente compra da Marvel pola Disney e porque os persoaxes franquía dos seus rivais (X-Men, Spiderman, Iron Man e Hulk) están a obter moitos mais benefícios no despacho de billetes.
En comparación coa Marvel, a Warners/DC só obtivo un éxito salientábel nos últimos anos, a dúas películas de Christopher Nolan da saga de Batman. Dende 1998 só outros tres persoaxes da DC chegaron a aparecer nas pantallas de cinema, con diferentes éxitos: a risíbel Catwoman de 2004, a cara e non moi ben criticada Superman Returns en 2006, e a adaptación de Watchmen, que contou con boas críticas pero malos resultados no despacho de billetes. Entre os proxectos que agardan na recámara para os seguintes anos a DC ten os de Wonder Woman, A Liga da Xustiza e Flash.
Hai uns poucos días xurdiu o rumor, non confirmado oficialmente, de que a Warner quería volver a contar con produtores sobranceiros de Hollywood coma Chuck Roven, Joel Silver e Akiva Goldman para lle dar mais pulo aos seus novos títulos. Este movemento permitirá ao estudo controlar moito mellor ás súas propriedades e tirar mais benefícios dos persoaxes.
A compañía xa rematou a rodaxe da adaptación ao cinema doutro persoaxe menor, Jonah Hex, que non entrará nesta operación, pero a reestruturación podería afectar á rodaxe de Lanterna Verde, unha das mais importantes que se agardan, ainda que estea paralizada arestora en Austrália, e á recentemente anunciada Lobo, que dirixirá Guy Ritchie.
Guy Ritchie dirixe Lobo
As boas sensacións que está a transmitir o vindeiro filme Sherlock Holmes están a deixar ao seu director, Guy Ritchie, nunha posición moi favorábel en Hollywood, onde xa comeza a remontar vóo após dos seus anteriores sonados fracasos no despacho de billetes.
Así, a Warner Bros. ven de contrata-lo para que dirixa a adaptación cinematográfica de Lobo, unha série de cómics da DC Comics sobre o persoaxe homónimo, creado en 1983 polo artista Keith Giffen e mais o escritor Roger Slifer.
Lobo non é realmente un superheroe, senón un mercenário de orixe extra-terrestre, procedente de Czarnia, un planeta cuxa raza pacífica foi exterminada completa e violéntamente polo noso protagonista, que ficou coma o derradeiro czarniano.
Lobo caracteríza-se pola sua forza excepcional, semellante á de Superman. A súa durabilidade, resistenza e mais o seu factor curativo acelerado permíten-lle que rexenere o tecido danado ou destruído con velocidade, recuperando mesmo membros perdidos ou partes do seu corpo. As súas semellanzas co persoaxe Lobeto da Marvel non son casuais, xa que no seu intre foi vendido coma a resposta da DC á fama mutante da que disfrutaba (e volve disfrutar) a Patrulla X nos anos 80, especialmente Lobeto. Entre os afeccionados as rifas foron constantes e as comparacións só serviron para lle dar mais púlo a Lobo, que após do seu éxito nos 80 e primeiros 90 foi caendo no esquecemento.
Dado o carácter de antiheroe deste persoaxe, a WB está decidida a que esta fita teña a calificación de PG-13, a xusta para non pasar-se e que non-a deixen fóra do circuito do seu público natural, os rapaces.
Joel Silver, Akiva Goldsman e Andrew Rona estarán na produción, que dará comezo a primeiros do ano que ven.
Arcel en Deadman
Nikolaj Arcel será o encargado de dirixir a adaptación para o cinema do persoaxe do cómic Deadman para a Warner Bros. Pictures.
Deadman é a pantasma dun acróbata de circo que foi asasinado e que ten o poder de posuir o corpo dun ser vivo mentres anda á procura dos seus asasinos e axuda de paso aos inocentes.
Arnold Drake e mais Carmine Infantino crearon ao persoaxe en outubro de 1967 para a DC Comics, pero até o ano 1986, nunha série limitada de catro números, o persoaxe non contou nunca cunha revista de seu. Daquela os encargados de lle dar vida foran o guionista Andrew Helfer e mais o debuxante hispano-arxentino José Luis García-López.
Guillermo del Toro, Don Murphy e Susan Montford serán os produtores.
Superman pode deixar de ser kryptonián

Superman
Seguirá sendo Superman o derradeiro supervivinte do planeta Krypton? A longa guerra legal polos dereitos do Home de Aceiro conta xa cun novo episódio que pode afectar sériamente á lenda que envolve á mais famosa ícona do cómic americano. Os herdeiros de Jerry Siegel – cocreador xunto a Joe Shuster do personaxe – apontan-se a vitória nunha batalla que pode ter resultados pouco agradábeis para o xigantesco conglomerado de Time Warner, a actual proprietária da DC Comics, a editorial que publica o personaxe desde 1938.
Segundo a última sentenza, o xuiz considera que os dados provistos polo especialista Denis Kitchen nun blogue da páxina Web Newsarama son decisivos para demostrar que moitas das ideias publicadas nalgúns dos cómics do personaxe foran deseñadas polo guionista moito antes de que a editorial encarregase aos xoves autores a creación do personaxe. Segundo as leis americanas de copyright, se a creación se realizou por encargo, legalmente os dereitos pertencen á editorial, polo que é necesário demostrar que existen evidéncias dunha creación anterior á relazón laboral.
Kitchen aportou probas atopadas pola família Siegel dun antigo proxecto do guionista co debuxante Russell Keaton que non chegou a ver a luz nos xornais. Nel apresentaba-se a história dun bebé de extraordinários poderes que chegaba do futuro nunha máquina do tempo, enviado polo derradeiro home sobre a Terra ao ano 1935 para ser descuberto polos Kent. A parella adoptaria-o despois co nome de Clark Kent.
As semellanzas son evidentes e a decisión xudicial é clara: os herdeiros dos Siegel deben recuperar os dereitos de autor do cuarto número da revista Action Comics, algunhas páxinas do primeiro número da colección Superman e as duas primeiras semanas das tiras diárias que se publicaron nos xornais dos Estados Unidos. Precisamente aquelas poucas tiras diárias onde Siegel e Shuster desenvolveron a orixe do Home de Aceiro, creando a sua orixe no planeta Krypton: perante a iminente destrución do planeta, o científico Jor-El introduce a un recén nado Kal-El nunha nave espacial que lle levará á Terra, onde será atopado polos Kent. Unha história que xa forma parte da cultura popular e que agora só poderá ser utilizada co consentemento dos herdeiros do autor. Xa sexa en filmes, séries de televisión ou, por suposto, en cómics, as novas aventuras de Superman non poderán facer referéncias ás suas orixes kryptonianas sen acordo prévio.
Un espantoso novo capítulo na longa guerra que se iniciou entre os autores e a editorial hai décadas, pero non inesperado: ainda que o xigantesco empório mediático da Time Warner loita con uñas e dentes polos pingües benefícios que lle proporciona Superman, pouco a pouco vai perdendo ao seu famoso persoaxe. Pese a que a morte de Joe Shuster sen descendéncia lle proporcionase o 50% dos direitos do Home de Aceiro, as leis americanas en dereitos de autor fixan o ano 2013 como limite para ese control. A partir dese momento, o personaxe reverterá totalmente aos herdeiros dos seus creadores (neste caso, de Jerry Siegel) até o ano 2033, no que Superman pasará definitivamente ao domínio público.
Ryan Reynolds é Lanterna Verde
Após de moitos meses de intensa búsqueda, a Warner Bros. ven de confirmar que Ryan Reynolds é o elixido para ser Lanterna Verde, o protagonista do filme que narrará as aventuras do famoso superheroe da DC Comics. A longametraxe será dirixida por Martin Campbell e producida por Donald De Line e Greg Berlanti.
Reynolds gaña deste xeito na mesma liña de chegada a un grupo de actores que tamén eran fortes candidatos a interpretar o papel principal deste filme de acción, e entre os que se atopaban Bradley Cooper, Jared Leto e Justin Timberlake. Todo eles tiveron que pasar por dúas sesións de cásting moi esixente.
Seica entre os motivos da elección están non só que saia mais barato cós outros dous, senón que agás o elixido, o resto dos actores ficaban libres por contrato o luns, mentres que o de Ryan remataba o venres, tan só catro días despois. Ademais, unha razón para a longa procura foi que De Line, Campbell e os estudos tiñan cadanseu favorito e iso dificultou o consenso.
Se o trato fica pechado, Reynolds converterá-se no único actor que interpretou a heroes tanto da Marvel coma da DC, xa que ven de facer de Deadpool no filme da Fox X-Men Origins: Wolverine. E de feito, interepretouno tan ben que entre os seus proxectos está o de facer unha secuela só con ese persoaxe. Ademais, e para os fans do fantástico, tamén resultará unha face coñecida por ser o cazador de vampiros Hannibal King en Blade: Trinity.
Lanterna Verde será o segundo intento de Reynold de se converter nun superheroe da DC Comics, xa que hai uns anos, estivo a punto de se facer co papel de Flash, outro dos persoaxes clásicos da compañía de cómics.
Malos tempos para os superheroes?
Apos do desastre de Punisher: War Zone e mais o relativo fracaso de Watchmen nos despachos de billetes, non é sorprendente que a Warner Brothers mire de reollo aos filmes de superheroes e se plantexe o de facer filmes clasificados para maiores de 18 anos que non contan co beneplácito do público.
O estudo, que posúe os dereitos de todos os persoaxes da DC Comics, está a desenvolver arestora versións para Lanterna Verde, Flash e se cadra Wonder Woman xunto aos seus proxectos de Batman e Superman, xa convertidos en franquías. Todos eles teñen previsto seren filmes para maiores de 13 anos.
Mália o anterior, as adaptacións de superheroes clasificadas para maiores tampouco se deixarán de facer, e así por exemplo Jonah Hex si que ten previsto ser para 18 anos xa que non se considera (ainda que sexa un persoaxe da DC) un filme de superheroes ou de grande orzamento. Pero ao mesmo tempo, medrará a presión sobre McG para que entregue unha versión para maiores de 13 anos do seu filme Terminator Salvation.
Anton Yelchin en Lanterna Verde?
Mentres o nominado a un Oscar Ryan Gosling e mais o xove actor Emile Hirsch van pasando do proxecto, agora os rumores apuntan a que Anton Yelchin (Terminator Salvation) podería ser o novo protagonista da futura adaptación do persoaxe da DC Comics Lanterna Verde á pantalla grande.
A nova constituiría unha sorpresa porque o rapaz Yelchin, ainda que obtivo boas críticas polo seu traballo en filmes anteriores, non é un nome ainda familiar para os afeccionados ao cinema e este filme pretendía ser un proxecto moi importante e mesmo xerar unha franquía para o persoaxe.
Ademáis o persoaxe que se pretende desenvolver é o de Hal Jordan, un piloto de probas que se converte nun superheroe cósmico, o que non é moi doado de adaptar para un actor que estea por baixo dos 25 ou 30 anos. En calquera caso, Yelchin é polo de agora só ún dos moitos actores novos que están a se considerar para interpretar a Lanterna Verde, xa que seica o que pretenden os produtores é facer unha nova oferta a Gosling para que reconsidere a súa negativa de participar nesta adaptación de superheroes.
Yelchin ten un papel salientábel en dous filmes fantásticos que ainda están por se estearen: Kyle Reese en Terminator Salvation e mais o novo Pavel Chekov en Star Trek.
O único confirmado polo de agora é o nome do director, Martin Campbell (Goldeneye, Casino Royale). A produción ten previsto escomezar a se rodar este ano coa vista posta nunha estrea o 17 de decembro de 2010.
O Escuadrón Suicida
A Warner Brothers está a desenvolver un filme baseado nos persoaxes da DC Comics do Escuadrón Suicida para que Dan Lin (Sherlock Holmes) o produza coa ideia posta en se converter nunha potencial nova franquía.
O Escuadrón Suicida (Suicide Squad) está formado por un grupo de superfalcatruáns saidos da cárcere e recrutados polo governo para completar unha misión que é demasiado perigosa para os superheroes normais.
A primeira versión do escuadrón apareceu nas páxinas da DC Comics en 1959, pero non contaron cunha série de seu até 1987.
Stephen Gilchrist da Lin Pictures será o coprodutor. Justin Marks (20.000 légoas de viaxe submariña) será o encargado de escribir o guión.
Campbell acende a Lanterna Verde
Martin Campbell, que xa reinventou duas veces a franquía de James Bond co filme de 1995 Goldeneye e mais o de 2006 Casino Royale, está en negociación para dirixir o filme de Lanterna Verde para a Warner Bros. Pictures.
O feito de que se nomee a este prestixioso director para un filme que até de agora era só un proxecto fai que a adaptación do popular superheroe dos comics da DC entre nunha vía de alta prioridade para os estudos, que xa consideran que este será un dos seus principais filmes para 2010 ou 2011.
Greg Berlanti, que até de agora era quen soaba como director para o proxecto, é de todos os xeitos o autor do guión xunto a Marc Guggenheim e Michael Green. Berlanti e Donald DeLine serán os produtores.
Campbell, que tamén se encargou dos dous filmes de Antonio Banderas do Zorro e de Límite Vertical, ven de rematar o seu traballo no thriller protagonizado por Mel Gibson Edge of Darkness, un remake da minisérie dos anos 80 que se emitiu na televisión inglesa co mesmo nome e que el mesmo dirixira daquela.


