J.K. Rowling acusada de pláxio
O pasado mes de xuño os herdeiros do escritor Adrian Jacobs interpuxeron unha demanda no Tribunal Supremo de Londres contra a editorial Bloomsbury, asegurando que J.K. Rowling copiara partes considerábeis de As aventuras de Willy o Mago, escrito por Jacobs en 1987.
A demanda aseguraba que o argumento de Harry Potter e o cáliz de fogo copiou argumentos da trama de Willy o Mago, incluido un concurso de meigos, e que a saga Potter tomou prestada a ideia de que os meigos viaxaran en trens.
Rowling foi engadida á causa como acusada, o que provocou a sua resposta personal: “Sínto-me entristecida porque se presentara outra demanda decindo que roubei material doutra fonte para escribir Harry“, dixo nun comunicado. “O feito é que nunca oíra falar do autor do libro antes da primeira acusación daqueles relacionados coa herdanza do autor en 2004; certamente nunca lin o seu libro“.
Rowling engadiu que “as denúncias que se presentaron non son só infundadas senon absurdas, e estou decepcionada porque se nos poña na situación de ter que nos defender a min a e miña editorial no Reino Unido, a Bloomsbury. Recurriremos ao tribunal decontado para que dictamine que a denúncia non ten validez e que polo tanto debería ser desestimada sen demora“.
Os sete libros do rapaz meigo, dos que Harry Potter e o cáliz de fogo é o cuarto, bateron récords de publicación, vendendo mais de 400 millóns de cópias en todo o mundo e dando orixe a unha saga cinematográfica que recadou miles de millóns de euros.
A Bloomsbury negou rotundamente as denúncias de pláxio cando o caso chegou por primeira vez aos tribunais.
Prohiben unha cea polo copyright de Harry Potter

Harry Potter
A compañía Warner Brothers ven de decidir a total prohibición da celebración dunha cea privada nunha casa do oeste de Londres porque, segundo o seu critério, “vulnera os dereitos de autor” de Harry Potter.
A anfitriona, unha muller coñecida como “Señora Marmite Lover”, adoita organizar con abondo frecuencia encontros temáticos na sua casa, até o punto de que recentemente puxo en marcha unha nova experiéncia culinaria chamada “O Restaurante Subterráneo”.
O evento, sen ánimo de lucro e rebatizado coma “A noite do meigo”, ía ofrecer aos seus ilustres convidados un máxico menú composto por viño de dente de león, soupa de cabaza e o favorito de Dumbledore, farsas de menta. Os convidados serían conducidos polo Calellón Alley, xunto á casa, e recibidos por un retrato da “Muller Gorda”, que lles esixiría un contrasinal para poder entrar e disfroitar da cea. Pero o evento tivo que ser cancelado cando a Warner Brothers descobriu que estes maléficos plans da Señora Marmite Lover.
A anfitriona da cea recebiu na súa caixa de correo unha carta emitida polo departamento legal da Warner Brothers na que se lle comunicaba que segundo a súa opinión, a devandita festa privada vulnera os dereitos de autor dos que é propietária a multinacional da comunicación. A carta dicía: “Estimada Señora Marmite Lover. Ainda que estamos encantados con que sexa unha fanática seguidora da saga de Harry Potter, desgrazadamente a sua proposta utiliza os derechos de Harry Potter… sen o noso consentemento estaría vostede infrinxindo os dereitos de autor da Warner“.
Como resposta á misiva, a Señora Marmite contestou: “Comprendo que necesitan protexer os seus dereitos, pero se trata únicamente dunha cea, da que eu non obteño ningún benefício, inspirada nos libros e no seu contido culinário. A miña filla é unha grande fan, chegando mesmo á obsesión“.
Até agora, a traxectória da señora Marmite como anfitriona deste tipo de eventos temáticos é longa e o resto da empresas que se viron implicadas nas súas ceas temáticas sempre estiveron encantadas e mesmo algunhas delas chegaron ofrecer os seus produtos gratuitamente fornecendo con cátering de seu aos convidados.
Ron Weasley ten gripe porcina
Rupert Grint, o actor que interpreta a Ron Weasley nos filmes de Harry Potter, contraiu febre porcina tres días antes de que a última entrega da saga se estreara en Londres.
Grint tomou-se vários días libres mentres rodaba Harry Potter and the Deathly Hallows, pero finalmente se puido reunir cos seus compañeiros de reparto na alfombra vermella que onte martes se puxo diante do cinema no que se estreou o filme Harry Potter and the Half-Blood Prince.
“Ven de se confirmar que Rupert Grint tomou-se uns días libres lonxe da rodaxe por mor dun brote non grave de febre porcina“, dixo o seu publicista nun comunicado oficial. “Arestora xa se atopa recuperado e está desexando reunir-se cos seus compañeiros para a estrea e mais a promoción do filme esta mesma semana e logo poder regresar á rodaxe de seguido“.
A rodaxe non tivo que se interrumpir pola auséncia do xoven actor, de 20 anos de idade.
Harry Potter and the Half-Blood Prince estreará-se o vindeiro 15 de xullo na meirande parte de Europa, mentres que nos Estados Unidos e no Xapón será dous días despois.
Polo de agora, hai contabilizados catro casos de falecemento en Inglaterra por mor da febre porcina, tamén chamada gripe A ou virus H1N1, ainda que o país conta co número mais grande de Europa en canto a casos desta enfermidade, somando xa ao redor do 7.500 infectados.
O governo advertiu que esta cifra podería incrementar-se até os 100.000 a finais do vindeiro mes de agosto.
Renúncia o bispo que chamou satánico a Harry Potter

O bispo auxiliar da cidade de Linz, Gerhard Maria Wagner, viu-se obrigado a pedir á Santa Sede que cancele o seu nomeamento despois da enorme polémica desatada en Austria polas suas opinións.
A petición de renúncia de Wagner fixo-se oficial mediante un breve comunicado, no que di que “ante as intensas críticas e despois de o consultar co bispo diocesano, cheguei á conclusión de pedir ao Santo Pai en Roma a retirada do meu nomeamento como bispo auxiliar de Linz“.
Wagner ergueu unha profunda polémica na igrexa católica e na sociedade austriaca polas suas declaracións. Nunha ocasión, o prelado afirmara que o personaxe da literatura infantil Harry Potter era “satánico“. Mais recentemente, o bispo dixo que a homosexualidade é unha enfermidade que pode ser curada.
Wagner, de 54 anos, xa estivo no centro da polémica no 2005, despois da devastación da cidade americana de New Orleans polo furacán Katrina. Nesa ocasión, o polémico crego escribeu na sua folla paroquial, na localidade de Windischgarsten, que toda a destrución causada pola traxédia natural debia-se mais á “contaminación espiritual” que á ambiental.
“Non é unha casualidade que en New Orleans fosen destruídas as cinco clínicas abortistas que existían e todos os clubes nocturnos“, indicou o daquela pároco.
Con ese historial de posturas ultraconservadoras, o anuncio do seu nomeamento como bispo auxiliar da terceira maior cidade de Áustria provocou unha chúvia de críticas desde instáncias políticas e relixiosas dese país.
Pese ao explicito apoio do cardenal de Viena, Christoph Schönborn, moi cercano ao papa Bieito XVI, os fieis de base e mesmo parte da hierarquía eclesiástica austríaca criticaron duramente o nomeamento.
Esas críticas ameazaban, no caso dos crentes de a pé, con se transformaren nunha vaga de baixas dos rexistos da igrexa austriaca, cuxa credibilidade ficou moi afectada nos últimos anos por mor de vários escándalos sexuais e de pedofilia protagonizados por cregos.
Só en 2008, unhas 40.600 persoas se deron de baixa do rexisto de fieis existentes nese país, tradiciónalmente católico. Un 66 por cento da povoación – uns 5,6 millóns – define-se ofícialmente como católica.
Novo ataque do Papa contra Harry Potter
O Papa (máximo dirixente) da igrexa católica, Bieito XVI, ven de nomear bispo auxiliar de Linz, a terceira cidade de Áustria, a Gerhard Maria Wagner, un relixioso de ideias ultraconservadoras que considera satánico ao persoaxe de ficción de Harry Potter.
O nomeamento foi anunciado antonte pola igrexa católica austríaca, precisando que a sua consagración será o próximo 22 de marzo en Linz.
Wagner, de 54 anos, é coñecido en Áustria polas súas posicións ultramontanas, difundidas por primeira vez en 2001, cando denunciou que as novelas da escritora J.K. Rowling sobre o meigo adolescente Harry Potter “levan a marca do satanismo“.
Non contento con iso, ademáis asegurou que as palabras en latín macarrónico que se usan na obra son semellantes a esconxuros diabólicos, porque segundo dixo, “fan uso dunha língua que ninguén entende, porque se queren mobilizar ás forzas máxicas“.
Beedle o Bardo ao cinema?
Non debería abraiar a ninguén saber que a Warner Brothers quere mais Harry Potter. O derradeiro libro da saga fantástica de J.K. Rowling xa está preparado para dar o chimpo á pantalla grande, pero cando se remate deixará á Warners sen unha das suas principais e mais fiábeis fontes de ingresos. E sabendo que o tren da máxia chega á súa estación terminal, a WB quere tirar mais proveito de Potter. Segundo vimos de saber, teñen o proxecto de pasar ao cinema outro libro de J.K. Rowling: The Tales of Beedle The Bard.
Os contos de Beedle o Bardo (The Tales of Beedle The Bard) é un libro dentro dun libro. A primeira referéncia apareceu en Harry Potter e as Relíquias da Morte, onde se fala del coma un libro de contos lido polos nenos no mundo máxico de Harry Potter. É unha colección de cinco histórias totalmente independentes que Rowling finalmente escribiu e publicou.
As cinco histórias incluidas en Beedle o Bardo son: The Wizard and the Hopping Pot, sobre o fillo dun meigo que hereda un caldeiro cun pe; The Fountain of Fair Fortune, sobre unha fonte onde a xente que se baña nela ve resoltos os seus problemas; The Warlock’s Hairy Heart, sobre un bruxo que utiliza máxia negra para evitar caer namorado; Babbitty Rabbitty and her Cackling Stump, sobre un rei que desexa ficar con toda a máxia para el, pero é vencido por un tocón que rí, e The Tale of the Three Brothers, sobre tres irmáns viaxeiros a quen a morte lles concedeu os seus desexos.
Ningunha desas histórias semella ter conexións entre elas, o que fai especialmente difícil para a Warners encaixa-las nunha soa película… así que poderían ser cinco? Iso semellaría pouco intelixente, xa que son contos curtos e non hai material abondo para facer cinco longametraxes.
A Warners ainda non ten decidido como facer este traballo, pero que ten un forte interese en converter Os contos de Beedle o Bardo en cinema semella moi claro.
Publicarán os contos de Beedle o Bardo
O Children’s High Level Group (CHLG), a organización benéfica inglesa fundada pola creadora de Harry Potter, J.K. Rowling, e mais a eurodiputada Emma Nicholson para axudar aos nenos que viven internados en centros de asisténcia social, ven de anunciar que publicará Os contos de Beedle o Bardo.
Os fans de todo el mundo levan pedindo poder lér os contos infantís do mundo dos magos — creados, escritos a man e ilustrados por J.K. Rowling — dende o pasado ems de cembro, cando Amazon ofreceu 1,95 millóns de libras (2,5 millóns de euros) por un exemplar destinado a fins benéficos — ún dos únicos sete que existen — nunha poxa de Sotheby’s en Londres.
A CHLG xa anunciara que publicaría tres edicións en inglés do libro, que imprimirán e distribuirán Bloomsbury, Scholastic e Amazon, e que sairán á venda o xoves 4 de decembro de 2008. A organización benéfica compráce-se agora en anunciar que Edicións Salamandra recebiu os dereitos exclusivos para traducir, imprimir e distribuir o libro en español, que sairá á venda o 4 de decembro. Todos os cartos recadados coa venda dos exemplares serán doados á CHLG.
Nos contos de Beedle o Bardo están recopilados os cinco contos infantís do mundo máxico que Albus Dumbledore lle legou a Hermione Granger na sétima e derradeira entrega da série, Harry Potter e as Relíquias da Morte, onde só se narra ún: “A fábula dos tres irmáns”. Nos contos de Beedle o Bardo aparecen por primeira vez as outras catro histórias.
Poxa por obxectos terroríficos
Facer-se co monstro orixinal de The Cave, unha tableta exípcia xigante de A Múmia 2 ou un debuxo orixinal de Bart Simpson disfrazado de Harry Potter por fin ten un prezo.
Ou poñer-se o brazalete do hospital que levaba Jessica Alba en The Eye, as camisas rachadas e ensanguentadas dos protagonistas de Cloverfield ou mesmo a chaqueta de Terminator 3 que levaba posta Arnold Schwarzenegger!
Estes e outros obxectos procedentes de filmes de terror serán postos á poxa o vindeiro día 11 de outubro en benefício da Entertainment Industry Foundation, unha fundación adicada ao coidado, saúde, educación e outros asuntos sociais dentro da comunidade de Hollywood.
A empresa Premiere Props está a recoller estes obxectos, nunca até agora vistos nascasas de poxa. Xa teñen disfraces raros e obxectos procedentes de filmes coma Sleepy Hollow, Aeon Flux, Grindhouse, Rob Zombie’s Halloween, Terminator 3, Hell Ride, Ancient Resident Evil: Extinction, Underworld Evolution e moitos outros. A revista Fangoria é a copatrocinadora deste evento.
Os interesados poden ver os obxectos nun almacén en El Segundo, Califórnia, antes da poxa, pero para o resto dos mortais todos están dispoñíbeis en eBay. A poxa escomeza o 11 de outubro ás 9 da mañán, hora local de Califórnia.
Outra vitória para Rowling
Un xuiz americano sentenciou onte día 8 a favor da Warner Brothers Entertainment e da escritora J.K. Rowling no seu caso pola publicación dunha enciclopédia non oficial sobre a famosa saga de Harry Potter.
O xuiz Robert Patterson do Tribunal de Distrito de Manhattan sentenciou que a editorial independente RDR Books “non puido establecer unha defensa afirmativa de utilización lexítima” e polo tanto estableceu que debe deter-se a publicación do libro The Harry Potter Lexicon.
Harry Potter mete medo
Os produtores do vindeiro filme de Harry Potter teñen medo de que a seguinte entrega da popular saga de fantasía sexa un desastre, porque J.K. Rowling xa rematou a súa saga e non haberá máis novelas.
Os primeiros cinco filmes foron un grande éxito nos despachos de billetes, grazas en boa medida a que apareceron moi seguidos á publicación de cada ún dos libros de Rowling.
Pero o sétimo e derradeiro libro apareceu nos andeis das librarías o ano pasado, e ainda fican por se facer tres filmes de Harry Potter.
A adaptación ao cinema de Harry Potter e o Príncipe Mestizo está preparada para aparecer nas pantallas para o ano que ven, mentres que o sétimo e derradeiro libro Harry Potter e as relíquias da morte será dividido en dúas películas.
O guionista Steve Kloves admitiu á prensa que “non vou mentir. Estou algo desacougado porque os libros remataron, e a anticipación non será a mesma. Sería un completo desastre se ninguén o dixese“.
Mentres tanto, os fans de Harry Potter deberán agardar até o vindeiro mes de xullo para ver a seguinte entrega das súas aventuras na pantalla grande. O xoves os estudos anunciaron que a estrea de Harry Potter e o Príncipe Mestizo non será, coma estaba previsto, o 21 de novembro deste ano, senón o 17 de xullo de 2009. A Warner Bros dixo que non houbo atrasos na produción, pero que a folga de guionistas atrasara xa outras producións moi salientábeis cuxas estreas estaban previstas para os meses de verán.



