A Marvel contra-ataca nos xulgados

9 de Xaneiro de 2010 por Editor  
Arquivado como Fans, Vários

Comments Off

A compañía Marvel Entertainment, proprietária de mais de 5.000 personaxes de ficción, apresentou unha demanda contra os herdeiros do debuxante Jack Kirby, que pretenden recuperar os dereitos sobre alguns súper-heroes, incluídos Spiderman ou O Incríbel Hulk.

Na demanda tramitada nun tribunal federal en Manhattan esta compañía, que foi adquirida pola Disney o ano pasado, pide ao xuiz que declare inválidas as reclamacións dos herdeiros de Kirby, quen traballou durante mais dunha década na empresa.

A Marvel explicou que en setembro pasado recibeu 45 avisos legais dos herdeiros de Kirby alusivos á cancelación futura dos dereitos de propriedade da empresa sobre alguns súper-heroes, incluídos os X-Men e Os Catro Fantásticos, e histórias publicadas entre 1958 e 1963. Os herdeiros do debuxante consideran que entre 2014 e 2019 lles corresponderá recuperar alguns dereitos trasferidos á Marvel, algo para o que esta empresa considera que non hai base legal.

A compañía de cómics, que ten a súa sede en New York, considera que as aportacións de Kirby ás suas publicacións, como os de outros escritores e debuxantes coetáneos, eran traballos contratados e dos que a Marvel é a única proprietária.

O avogado da empresa, John Turitzin, manifestou que as reclamacións dos herdeiros “son un intento de escribir de novo a história das relacións de Kirby coa Marvel“.

Marvel explicou que as leis federais sobre dereitos de autor estabelecen que aqueles traballos creados a petición e a costa dun editor durante os anos nos que ese artista traballou para a empresa son propriedade da compañía contratante e sinalou que os traballos aos que aluden os herdeiros axustan-se a esa categoría.

A empresa manifestou que os editores eran os encarregados de determinar en que traballos participaría Kirby, ao igual que con outros escritores e debuxantes, e eran pagados por iso.

O propósito da demanda apresentada pola empresa “é simplemente deixar as cousas claras” e obter unha declaración xudicial de que os avisos de cancelación de dereitos non son validos, segundo Turitzin.

Os herdeiros de Kack Kirby darán batalla

23 de Setembro de 2009 por Editor  
Arquivado como Cómic, Fans

Comments Off

Comic adicado a Jack KirbyOs herdeiros de Jack Kirby, o lendário co-creador de case todos os persoaxes da Marvel Comics, coma o Capitán América, Os Catro Fantásticos, a Patrulla X, os Vingadores, Iron Man, Hulk, Silver Surfer e Thor, anunciaron que teñen intención de demandar á Marvel e mais á Disney coa intención de que se declare que os dereitos de autor sobre os persoaxes lles deben ser reintegrados a eles. A demanda incluirá ás produtoras que fixeron filmes e séries de televisión cos seus persoaxes, coma a Sony, a Universal, a 20th Century Fox ou a Paramount Pictures.

Coma no caso de Jerry Siegel, cuxos herdeiros veñen de gañar un preito polo que se lles recoñece a propriedade sobre o persoaxe de Superman, os herdeiros de Kirby desexan que os dereitos de autor sobre os persoaxes e polo tanto os benefícios xerados con eles regresen ás súas mans. Para elo, os herdeiros servirán-se dos mesmos avogados que xa obtiveron esta vitória no caso de Siegel. O despacho de Toberoff & Associates está especializado nestes casos e a súa sona nestes intres é inmensa após de gañar o caso contra a DC e mais a Warner.

As alegacións, se son xustificadas, permitirían que os dereitos regresasen aos herdeiros a partir de 2014. Mentres tanto, a Marvel e mais a Disney continuarían explotando eses dereitos nos cómics e nos filmes. A posibilidade que se abre é que os herdeiros de entren en negociacións coa Marvel e cheguen a un acordo que lles permita seguir publicando os cómics baseados no seu traballo.

Mentres viviu, Kirby loitou coa Marvel durante anos para que lle fose recoñecido o dereito á propiedade sobre alomenos o traballo físico que realizou (os debuxos en si mesmos), e se lle pediu que asinase documentos polos que renunciaba específica e irrevocábelmente aos dereitos de autor sobre os persoaxes, algo que sempre se negou a facer. Ademais, contribuiu á loita doutros creadores dentro da Marvel, coma Steve Gerber, co-creando Destroyer Duck xunto a Gerber nun libro adicado ao Pato Howard que ía no benefício destes artistas.

Nacido co nome de Jacob Kurtzberg, Jack Kirby está considerado coma o debuxante de superheroes mais salientábel do mundo, se ben traballou noutros xéneros de cómic, coma o romance, os cómics de guerra e os de ciéncia-ficción. O seu traballo dentro da DC tamén proporcionou moito para poder facer o recente éxito de vendas da série Final Crisis da DC. Actualmente, a editorial Dynamite, de acordo cos herdeiros de Kirby, está a traballar nunha nova liña de persoaxes deste autor, o “Kirbyverso”, publicando persoaxes que nunca apareceron nin na Marvel nin na DC.

Jack Kirby finou en 1994, deixando catro fillos, Susan, Neal, Barbara e Lisa, e dous netos, Jeremy e Tracy.

O Home Formiga segue a se escribir

13 de Marzo de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema, Cómic

Comments Off

Ant ManO director Edgar Wright desvelou á prensa que o seu proxecto de filme Ant Man ainda está na fase de guión.

Está escrito, e estamos a facer un segundo guión“, dixo Wright (Shaun of the Dead). “Vai ser menos abertamente cómico do que nunca fixen até agora. É máis coma unha aventura de acción de ciéncia-ficción pero cun toque de comédia, co mesmo espíritu dos escapistas e todo iso. Certamente non vai ser unha paródia dos superheroes nin un pastiche, e certamente non vai ser algo coma Cariño, encollín aos nenos“.

Ant Man está baseado na franquía do popular superheroe dos Comics Marvel sobre un persoaxe que pode encoller-se e comunicar-se cos insectos.

Wright revelou que o filme fará uso das dúas encarnacións do persoaxe: o científico Hank Pym, tal e coma foi creado por Stan Lee e Jack Kirby, e Scott Lang, a última encarnación do heroe. “Ah, ben, podería ser Scott Lang ou Hank Pym, ou se cadra os dous“, dixo Wright. “OK, serán os dous. Agora xa tedes a exclusiva“. Wright está a co-escribir Ant Man xunto a Joe Cornish.