Á velocidade da luz
A Disney e mais o produtor Jerry Bruckheimer veñen de se facer cos dereitos sobre o último guión dos guionistas de Deja Vu, Terry Rossio e Bill Marsilii, unha aventura espacial épica titulada Lightspeed (Velocidade da luz), por nada menos ca 3,5 millóns de dólares.
A história vai sobre un xoven piloto que forma parte do equipo de carreiras Earth Interstellar e deberá levar a súa nave nunha perigosa viaxe pola galáxia cando está por estoupar unha guerra.
Bruckheimer producirá o proxecto, que polo de agora queren converter nun filme con acción real e por suposto, en 3D.
A crise dos Piratas
A crise está azoutar duramente a todos e os Piratas do Caribe non semellan ser unha excepción. Así, seica a vindeira entrega da famosa saga de piratas vai sofrir un severo curte no seu orzamento.
A Disney ven de lle impoñer un presuposto moi axustado á produción de Jerry Bruckheimer, que deberá aceptar antes de que comece a rodaxe o vindeiro 14 de xuño.
A primeira entrega custou 140 millóns de dólares, pero as seguintes subiron espectacularmente: a segunda chegou aos 225 millóns e a terceira aos 300 millóns de dólares. A cuarta entrega sofrirá recurtes, pero iso non sinifica que vaia estar falta de cartos, xa que o seu orzamento xiraráao redor dos 200 millóns de dólares (uns 157 millóns de euros).
Para poder axustar-se ao novo orzamento, a produción deberá rematar a rodaxe en tan só tres meses, no canto dos case cinco que levou a última, mentres que os efectos especiais pasarán dos 2.000 por filme aos 1.300. E moitas das escenas rodarán-se en terra, onde é mais barato poñer unha cámara.
Bruckheimer revelou que este recurte no orzamento causou-lle ter que tomar decisións moi dolorosas e ter que recurtar algunhas escenas moi entretidas.
Alien Legion no cinema
Seica o produtor Jerry Bruckheimer (Transformers, Piratas do Caribe) e mais a Disney levan algún tempo tentando converter en longametraxe con acción real o cómic Alien Legion. Parte da prensa americana se fixo eco dun suposto guión para o filme que estaría nas mans dos escritores Derek Haas e Michael Brandt, a parella que xa fixo Wanted e 3:10 to Yuma.
Lanzado orixinalmente en 1984 como proxecto persoal polo creador Carl Potts, Alien Legion leva desenvolvendo após de si unha chea de seguidores que o converteron nun cómic de culto ao longo destes anos.
A série redefiniu o xénero de ciéncia-ficción militar, narrando históriasd de guerra e exploración espacial a través dos ollos dunha lexión estranxeira composta por alieníxenas que loitan a prol da Terra. A súa popularidade está probada polo feito de que é a série mais antiga do selo Epic Comics, creado nos anos 80 pola Marvel para acoller proxectos menores.
Bruckheimer fai-se con Shake
O produtor Jerry Bruckheimer ven de se facer cos dereitos para o cinema sobre o conto de Derek Haas Shake.
A história, que pode ler-se de balde neste ligazón, vai sobre un axente do FBI que está á caza dun asasino e que de súpeto comeza a perder o control sobre o seu própio corpo. Haas non é un descoñecido no mundo do cinema, e de feito é o autor do guión de filmes coma Wanted ou 3:10 to Yuma. El foi quen escribiu este relato para o sítio Web Popcornfiction.com e será o encargado de expandi-lo para converte-lo nunha longametraxe para o cinema.
Haas ten entre mans ademais outros encargos para o cinema: os guións de Beverly Hills Cop IV na Paramount, All Creatures Great and Small na Columbia e The Matarese Circle na MGM.
Cage no aprendiz de meigo
Após de arrasar entre as audiéncias coas súas sagas de Piratas do Caribe e National Treasure (A Procura), o produtor Jerry Bruckheimer semella disposto a conquistar a unha audiéncia mais infantil cunha versión con actores reais do clásico da Walt Disney O Aprendiz de Meigo e cos debuxos animados de G-Force.
O Aprendiz de Meigo comezaráa se rodar en marzo e será unha revisión do clásico curto de debuxos animados protagonizado polo rato Mickey Fantasia a un ambiente situado no moderno New York. Nicolas Cage interpreta ao Meigo, con Jay Baruchel no papel do aprendiz; Jon Turteltaub (National Treasure) será o director.
“A Disney veu a nós, e seica estiveran a desenvolver un guión diso“, dixo Bruckheimer no decurso dunha rolda de prensa en Beverly Hills, Califórnia, onde estaba a promocionar o seu último filme, Confessions of a Shopaholic. “Nós entramos e gustounos o concepto e levamos traballando nelo dende aquela“.
Este será o sexto filme de acción real de Bruckheimer que contará no papel protagonista con Cage, quen mudou a súa fasquía orixinal de bruto co pelo longo a un estudoso de bós modais. Bruckheimer agarda ter neste novo filme a un Cage “normal“.
Pola súa banda, o filme G-Force contará coa voz de Cage. Tráta-se dun filme para todos os públicos sobre unha equipa de hamsters que son axentes especiais e traballan para o governo coa misión de destruir a un superfalcatruán. O produtor dixo respecto á versión final do filme que “é realmente adorábel, moi mona“. O filme estreará-se o 24 de xullo.
Johnny Depp en Piratas do Caribe 4
A Walt Disney anunciou hoxe, nunha rolda de prensa no Kodak Theatre de Los Angeles, que Johnny Depp aceitou voltar a interpretar a Jack Sparrow nunha cuarta entrega de Piratas do Caribe. O mesmo actor apareceu na conferéncia de prensa para confirmar a sua participación, e fixo-o vestido como o capitán Sparrow.
A triloxía, que se iniciou en 2003 con A maldición da pérola negra, recadou só nos cinemas mais de 1.800 millóns de euros, situando-se como unha das sagas mais rendíbeis da história do cinema.
Ainda se descoñecen mais detalles, pero o seguinte moi probabelmente será negociar co director dos tres filmes, Gore Verbinski, e con Orlando Bloom e Keira Knightley para que volten retomar os seus roles xunto ao capitán Sparrow.
Ademais, a Disney tamén informou que Depp estará noutros dous proxectos da compañía: confirma-se que será o Sombrereiro Tolo no filme de animación Alice in Wonderland, unha revisitación do clásico de Lewis Carroll que prepara Tim Burton. Realizará-se en 3D e mediante unha técnica moi semellante á de Beowulf. A sua estrea prevé-se en 2010.
Tamén participará noutra longametraxe que planea Jerry Bruckheimer, o produtor da série Piratas do Caribe. Trata-se dunha adaptación de The Lone Ranger: o personaxe criado por George W. Trendle foi un serial radiofónico moi popular nos Estados Unidos desde o seu primeiro capítulo de emisón, en 1933, e despois triunfaría como espectáculo televisivo durante a década dos 50.
O Lone Ranger inspirou numerosos cómics e tamén algun filme, de escasa repercusión, coma The Legend of Lone Ranger (1981).
Concretamente, Johnny Depp encarnaría ao personaxe de Tonto (chamado Toro en España), o índio que é o amigo mais fiel do heroe protagonista, un xusticeiro enmascarado após do que se agocha o Ranger de Texas John Ride. Ainda non hai actor elixido para este papel.


