Guionistas do Número 4
A parella de guionistas responsábel de filmes e séries de televisión coma Smallville ou A Múmia 3: A Tumba do Emperador Dragón, Al Gough e Miles Millar son os encargados de escribir o libreto para I Am Number Four, a nova película da Dreamworks Pictures.
O filme está baseado na novela homónima de James Frey e Jobie Hughes sobre un grupo de nove áliens que fuxen á Terra disfrazados coma adolescentes, cando o seu planeta é destruido. Os refuxiados deberán asimilar-se nun instituto na Terra cando descubren que o seu inmigo está a tentar dar-lles caza tamén no seu lugar de refúxio.
Michael Bay será o produtor e posíbelmente dirixirá o filme, que contará con Chris Bender e JC Spink como produtores executivos.
Robotech xa ten quen o escriba
Os guionistas Alfred Gough e Miles Millar serán os encargados de escribir o libreto de Robotech, a adaptación que a Warner Bros. realizará do clásico dos debuxos animados xaponeses.
Akiva Goldsman e Chuck Roven serán os produtores xunto a Tobey Maguire e Drew Crevello.
Robotech era unha série de debuxos animados dos anos 80 producida pola Harmony Gold USA e mais a Tatsunoko Prods. Fo ireeditada e redialogada para crear tres séries de anime que deron aos produtores episódios abondo como para poder emitir unha série diária.
O mundo de Robotech é unha épica de ciéncia-ficción e ten lugar nun tempo no que a Terra creou robots xigantes a partir da tecnoloxía atopada nunha nave espacial que se estrelou no Pacífico Sul. A humanidade é forzada a usar a tecnoloxía para combatir unha invasión alieníxena, mentres o futuro da raza humana fica nas mans de dous xóvenes pilotos.
Lawrence Kasdan escribira un guión anterior, que á Warners non lle pareceu abondo bó. Agora os estudos queren dar-lle luz verde a este proxecto e coidan que Gough e Millar lle darán acción e crédito ao filme. O dúo xa traballara anteriormente en A Múmia 3 e Spiderman 2, e asinaron moitos episódios de Smallville durante anos.



