O Prémio Arthur C. Clarke para China
O pasado día 29 anunciou-se o nome do gañador do prémio Arthur C. Clarke que foi para a novela The City & The City de China Miéville, quen se convirte asemade no primeiro autor en gañar este prestixioso galardón por terceira vez. Miéville recebirá unha placa e mais un cheque de 2.010 libras inglesas. Entre os finalistas estaban obras de Gwyneth Jones, Adam Roberts, Kim Stanley Robinson, Marcel Theroux e Chris Wooding.
Miéville afirmou que estaba “absolutamente abraiado” e “incríbelmente honrado” de gañar o prémio, creado polo defunto Clarke para axudar a promocionar a ciéncia-ficción en Inglaterra. “É moi distinto dos meus outros libros“, dixo Miéville, cuxas obras A estación da rúa Perdido e O consello de ferro gañaron o prémio con anterioridade. “Foi escrito co principal obxectivo de ser fiel ás obras de intriga. Os lectores do xénero policiaco rexeitan que un libro faga trampas, e eu queria escribir unha obra que non enganase, que fose leal ás regras e iso é o que atoparás ainda que nunca leras ren fantástico“.
Globos de Ouro para Avatar
James Cameron gañou á noite do domingo o prémio ao millor director por Avatar e a épica de ciéncia-ficción impuxo-se como millor película de drama na entrega dos Globos de Ouro.
Entre os outros gañadores dentro do xénero fantástico, cómpre salientar a Robert Downey Jr. quen levou a estatuiña ao millor actor polo seu papel protagonista en Sherlock Holmes.
A protagonista de Avatar, Zoe Zaldaña, quen estivo sentada canda Cameron, presentou os prémios aos millores actores de minisérie ou película televisiva.
Na listaxe dos gañadores por categorías aparecen estes premiados dentro do xénero:
- Millor Película, Drama: Avatar
- Millor Actor en Comédia ou Musical: Robert Downey, Jr., Sherlock Holmes
- Millor Director: James Cameron, Avatar
- Millor Película de Debuxos Animados: Up
- Millor Partitura Orixinal: Michael Giacchino, Up
Natalia Corbillón, Prémio Mallorca Fantástica
A escritora ourensana Natalia Corbillón foi a gañadora do Prémio de Narrativa Mallorca Fantástica grazas ao seu conto El amante fiel.
A história vencedora, coma o resto da súa obra, fuxe da clásica temática fantástica de fadas e elfos e procura un maior realismo. O conto, que podedes ler nesta páxina Web (ollo, contido magufo!) retrata a un antigo empregado de prelo que segue adicando a sua vida aos libros. O protagonista escrebe até se converter nunha estátua, controlado polos libros como nunha adición.
En Mallorca, onde estivo tres días presentando o seu libro reeditado en outubro Los Hijos de Gea, Natalia atopou-se “cun festival de ciéncia ficción e terror incríbel que xira sobre todo ao redor do cinema, o ano pasado acudiu Vicente Aranda e nesta edición, Álex de la Iglesia“, segundo relatou a própia Corbillón, quen dispón dun blog de seu onde dá a coñecer as novidades verbo das súas novelas.
Con 25 anos e estudante de Deseño Industrial, Corbillón traballa agora nunha triloxia a partir de Los hijos de Gea. En algún lugar de Orión, un libro que conta coas ilustracións do artista esloveno Urban Breznik. A triloxía utilizará como argumento o clásico mito de Orión e o Escorpión: “A sua loita de inimigos, coa intervención da deusa Xea, o orgullo dos gregos e as suas terríbeis vinganzas“. A acción de Los hijos de Gea transcurre en diversos lugares do planeta da nosa actualidade, ainda que os seus persoaxes actúan movidos por raíces da mitoloxía grega. É unha maneira diferente de ver a fantasía e unha maneira diferente de ver a ciéncia-ficción, unha ponte a cabalo entre o exótico dos mundos pasados e a realidade actual.
Espellos no MARCO
Dentro do capítulo de exposicións temporais do MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) a partir do 2 de outubro e até o 17 de xaneiro, nas salas da primeira planta, terá lugar a mostra colectiva Mirrors/Espellos, comisariada polo italiano Gyonata Bonvicini (Codogno, Milan, Italia, 1972), que reúne obras experimentais de 11 artistas en torno a ideas como a repetición, o reflexo das imaxes e a reapropiación. A posta en marcha desta exposición, que corresponde ao proxecto seleccionado na 2ª convocatoria do Prémio para Novos Comisários, ten lugar cando aínda permanece aberta a nova convocatória deste prémio, que nesta edición está convocado conxuntamente polo MARCO e mais o FRAC Lorraine, Franza.
Os espellos, como os labirintos, son vistos a miúdo como símbolos do infinito, da personificación, da ilusión. A través do espello, quen mira só obtén o reflexo doutro espazo e tempo, e non do seu espazo ‘presente’. Partindo da capacidade dos espellos para descompoñer o tempo e o espazo, este proxecto expositivo presenta obras en diversos soportes que tratan temas como a repetición, o reflexo, e a reapropiación da cultura. Tendo en conta as peculiaridades do espazo expositivo e os modos en que se define a nosa realidade física, a exposición reúne traballos radicais e experimentais de 11 artistas que teñen en común a súa actitude ante as imaxes: así como o espello fai uso das propiedades e da forma dunha superficie, o seu contido é, sempre e inevitablemente, cambiante.
Entre os artistas cuxas obras están expostas atoparemos a Micol Assaël, Maya Deren, Hreinn Fridfinnsson, Giuseppe Gabellone, Ryan Gander, Isa Genzken, Dan Graham, Kitty Kraus, Susan Philipsz, Falke Pisano e Oscar Tuazon.
A finais de outubro comezará no MARCO a tempada de concertos e festivais, dende as colaboracións co Festival Sinsal até un concerto monográfico con obras de Karlheinz Stockhausen, incluído na programación do Festival Are More, pasando pola nova creatividade dixital a través do Festival ArtFutura, que neste ano 2009 ofrece unha programación especial con motivo da súa vixésima edición.
Ian McKellen, prémio Donostia
Sir Ian McKellen (Burnley, Inglaterra, 1939), un dos meirandes actores ingleses do cinema, o teatro e mais a televisión, ven de ser distinguido co prémio Donostia, galardón honorífico que entrega o Festival de Cinema de San Sebastián dende 1986. McKellen recollerá o prémio o dia 23. Fontes do festival xustificaron nun comunicado a eleizón de McKellen: “a sua enorme versatilidade levou-lle a interpretar os papeis mais diversos, dos clásicos de Shakespeare aos superheroes contemporáneos, do cinema de autor ás producións mais comerciais“.
Após dunha ampla traxectória chea de prémios e dúas candidaturas ao Oscar, acadou unha grande popularidade con dous papeis fundamentais do cinema fantástico recente: Magneto en X-Men (2000), de Bryan Singer, e as suas secuelas, e Gandalf na saga de The Lord of the Rings (O señor dos Anéis, 2001), de Peter Jackson. Sir Ian McKellen receberá o prémio Donostia o mércores 23 no Kursaal ás 22.00 horas.
McKellen escomezou a súa carreira no teatro na Universidade de Cambridge. Sen formación prévia, comezou a actuar profisiónalmente con compañas rexionais inglesas en 1961. En 1969 xa se lle denominaba “o actor principal da sua xeración” e traballara con Sir Laurence Olivier en Londres e New York, na canle BBC e participara en diversos filmes, coma The Promise (Michael Hayes) e Alfred the Great (Clive Donner).
En Hollywood protagonizou nun mesmo ano Apt Pupil (Verán de corrupción, Bryan Singer, 1998) e Gods and Monsters (Deuses e monstros, Bill Condon, 1998). Despois atinxiu fama mundial por X-Men, O Señor dos Anéis e The Da Vinci Code (O código Dá Vinci, Ron Howard, 2006). En 2006, o Festival de Berlín entregou-lle un Urso de Ouro honorífico por toda a sua carreira. O ano que ven, retomará o papel de Gandalf en The Hobbit, dirixido por Guillermo del Toro. Desde que fai 20 anos revelou a sua orientación sexual, McKellen estivo involucrado na defensa dos direitos dos homosexuais como cofundador de Stonewall UK.
Os prémios Nebula 2008
Os prémios Nebula, xunto aos prémios Hugo, son os galardóns mais prestixiosos do mundo da ciéncia-ficción e mais a Fantasía, e conceden-se pola Asociación de Escritores de Ciéncia-Ficción e Fantasía dos Estados Unidos. A pasada fin de semana (24-26 de abril) entregaron-se os galardóns correspondentes ao 2008 e os gañadores foron:
Millor Novela: Powers, de Ursula K. Le Guin
Millor Novela Curta: The Spacetime Pool, de Catherine Asaro
Millor Relato: Pride and Prometheus, de John Kessel
Millor Relato Breve: Trophy Wives, de Nina Kiriki Hoffman
Millor Guión: WALL-E, de Andrew Stanton e Jim Reardon. História orixinal de Andrew Stanton e Pete Docter.
Prémio Andre Norton: Flora’s Dare: How a Girl of Spirit Gambles All to Expand Her Vocabulary, Confront a Bouncing Boy Terror, and Try to Save Califa from a Shaky Doom (Despite Being Confined to Her Room), de Ysabeau S. Wilce.
Ademais concedéron-se as seguintes mencións:
Premio Solstice (ficción especulativa): A. J. Budrys, Marty Greenberg, Kate Wilhelm.
Premio Author Emerita (autor senior): M.J. Engh.
Premio Damon Knight Memorial Grand Master (recoñecemento a toda unha traxectória dentro do xénero): Harry Harrison
Premio Ray Bradbury: Joss Whedon, polos seus méritos como guionista para cinema e televisión.
Os finalistas do prémio Arthur C. Clarke 2009
Ian R. MacLeod, Paul McAuley, Alastair Reynolds, Neal Stephenson, Sheri S. Tepper e Mark Wernham son finalmente os seis candidatos para levar o prémio Arthur C. Clarke 2009, o máis prestixioso da literatura de ciéncia-ficción en Inglaterra.
O prémio, de carácter anual, concéde-se dende 1987 á millor novela de ciéncia-ficción do ano e seleccióna-se a partir da listaxe de novelas cuxa primeira edición se fixese en Inglaterra durante o pasado ano. O galardón leva o nome e mais o patrocínio de Arthur C. Clarke, o autor de 2001: Unha Odiseia no Espazo.
As novelas finalistas deste ano son:
- Song of Time, de Ian R. MacLeod
- The Quiet War, de Paul McAuley
- House of Suns, de Alastair Reynolds
- Anathem, de Neal Stephenson
- The Margarets, de Sheri S. Tepper
- Martin Martin’s on the Other Side, de Mark Wernham
O gañador levará un prémio de 2.009 libras esterlinas (uns 2.133 euros co troco actual) e mais un suxeitalibros conmemorativo e será dado a coñecer o vindeiro 29 de abril nunha cerimónia que terá lugar no decurso do Festival de Cinema SCI-FI-LONDON na capital inglesa.
Joss Whedon gaña o Prémio Bradbury
O presidente da SFWA (Asociación de Escritores de Ciéncia-Ficción), Russell Davis, anunciou o pasado día 16 que Joss Whedon, creador de séries de TV coma Buffy Cazavampiros, Angel, Firefly ou Dollhouse, será quen reciba o prémio Bradbury á exceléncia na escritura de guións.
“Coma todo aquel que colle un bolígrafo, eu fun un rabioso fan de Bradbury e mais influenciado por el ca por ningún outro escritor que lin. Recibir o prémio que leva o seu nome é unha honra co que nunca soñara“, dixo Whedon. “Na miña defensa, nunca pretendín copia-lo. O que fixen foi imitar as histórias tan encantadoras, rebiricadas e humanas que ficaron na miña mente impresionábel, e que eu intentei, por calquera médio que me permitiron, tentar igualar“.
Whedon recibirá o seu prémio no decurso da Fin de Semana dos Prémios Nebula, que se celebrará en Los Angeles do 24 ao 26 de abril.
Paul Auster, candidato ao Prémio Arthur Clarke
Non poderia dicir-se que Paul Auster sexa un autor de ciéncia-ficción, alomenos non no sentido clásico deste xénero literário, pero o xurado que decidirá o gañador do vindeiro Prémio Arthur Clarke de Ciéncia-Ficción considerou que a súa última novela, Un home na escuridade, reúne as características como para aspirar a gañar este concurso.
A novela de Auster fala dun home convalecente, August Brill, que aproveita as suas noites de insónia para escreber a história de Owen Brick, quen decide que ten que aniquilar a quen lle deu vida para pór fin ao seu próprio tormento que é o de vivir nun buraco sen saída.
A atmosfera de irrealidade, a interrelación (e confusión) de planos que fan que o leitor non saiba xa se lé o plano “real” da ficción ou o seu plano intraficcional é probabelmente o recurso que fai que esta obra non poda calificar-se de “realista” no sentido moderno e é o que xustifique a presenza de Auter nesta listaxe de candidatos.
O Prémio Arthur Clarke de Ciéncia Ficción é o principal prémio literário en Ciéncia-Ficción de Inglaterra e prémia aos mellores autores do xénero. Fundou-no o próprio autor de 2001, Odisea no espazo e Cita con Rama, entre outras, quen faleceu o ano pasado aos 90 anos. Os autores preseleccionados darán-se a coñecer en marzo, pero por primeira vez desde que se fundou o prémio, deu-se a coñecer a lista ampliada na que xa aparece Auster.
Non é, por outra banda, a única obra concursante que non é puramente de ciéncia-ficción, xa que tamén se atopan presentes na lista obras de literatura infantil e xuvenil, coma unha novela de Patrick Ness. Tamén participa o fillo de John Le Carré, Nick Harkaway, coa súa primeira obra.
Son 46 novelas, o 13% das cales está escrita por mulleres (un pouco menos que en edicións anteriores). O veredito final anunciará-se o 11 de abril no marco da Eastercon ou Convención Anual Británica de Ciéncia-Ficción.
Tongo no Minotauro?
Após do escándalo protagonizado polo grupo editorial Planeta ao lle conceder o prémio Minotauro de Literatura Fantástica a un recoñecido escritor magufo, erguéron-se non poucas críticas dende grupos de afeccionados que na súa inmensa maioría saben distinguir entre o que é fantasía e o que é psudociéncia, cousa que non é probábel que poidan facer os membros do xurado que lle deu o prémio a Fernando J. López del Oso pola súa obra El Templo de la Luna.
Moitos fans consideran que non foi o millor o que gañou, senón “o home da casa” e advirten que este autor tiña doado gañar porque xa publicara anteriormente con Planeta e a xuíza é unha persoa afeccionada á ufoloxía.
Mesmo un dos finalistas, cos que se puido contactar, ficou abraiado porque Planeta non convidase a asistir á entrega do prémio a todos os finalistas do mesmo, senón tan só ao que resultou ser o gañador. En todos os concursos o normal é que teñan a deferéncia de convidar aos participantes para asistiren á entrega do prémio, especialmente coma neste caso, cando antes da entrega non se sabía, alomenos oficialmente, quen ía ser o gañador. Estaba o gañador xa eleito fai tempo e os demas finalistas eran unha nube para distrair a atención? O certo é que un comentário nas páxinas da Web Ocio Joven do 3 de xaneiro deste ano xa adiantaba a publicación da novela.
Este mesmo finalista (que preferiu ficar no anonimato) comentou que o argumento da novela gañadora é moi semellante ao cómic de Jack Kirby Os Eternos, asi que de orixinal pouco o poden vender. Tamén se sabe perfectamente que López del Oso é un recoñecido reseñador de cómics, o cal fai-no ainda mais suspeitoso de pláxio.


