Primeval, segunda oportunidade
Ainda que a súa produción foi cancelada oficialmente o pasado mes de xuño, o drama de ciéncia-ficción con dinosáuros Primeval ven de ser rescatado da extinción grazas a un novo acordo que permitirá dividir os custes cunha canle de televisión dixital.
A canle inglesa ITV, que se atopa nunha difícil situación financieira, cancelou este verán vários dos seus proxectos, entre os que se atopaban Wire in the Blood e Primeval, ambos os dous con bós índices de audiéncia pero cuxa produción estaba a ser demasiado cara para a emisora nestes tempos de crise económica mundial.
Agora as compañías produtoras Impossible Pictures e ITV veñen de chegar a un acordo coa BBC Worldwide, a BBC America e mais a canle alemá Pro7 para que se incorporen como parceiros no proxecto, o que permitirá a gravación doutros trece episódios da série. Os episódios serán rodados o ano que ven e logo divididos en dúas metades cada ún, polo que teremos unha cuarta e mais unha quinta tempada aseguradas ao longo de 2011.
O acordo sinifica que as canles ITV e mais a Watch compartirán os dereitos de emisión para televisión. A cuarta tempada será estreada na ITV1 e logo pasará á Watch a primeiros de 2011, mentres que a quinta tempada será estreada na canle Watch e logo pasará á ITV1 a finais de 2011.
A série, que vai sobre un grupo de científicos na Inglaterra de hoxe en día que loitan contra criaturas prehistóricas e do futuro que foron transportadas a través do tempo, pasou por unha remodelación do seu cásting este ano. Agora agárda-se que o reparto de actores da terceira tempada regrese na súa totalidade para os seguintes episódios, todos os cales están presentados por Adrian Hodges.
Next premonition e Primeval en Cuatro
A canle xeralista Cuatro ven de se facer cos dereitos de emisión en España de duas das producións europeas fantásticas mais aclamadas dos últimos anos, a francesa Next Premonition (David Nolande) e da inglesa Primeval, producida pola ITV. Ambas chegarán a Cuatro nos vindeiros meses.
Next Premonition, estreada no pasado setembro en Franza (France 2) e Bélxica (Une-a), xa se converteu nun grande éxito de audiéncia: só na sua estrea atinxiu os 8,18 millóns de espectadores, cun 30,9% de share, e no segundo episódio logrou 7,06 millóns de seguidores e un 29,6% de cota de pantalla.
A série, que deu un xiro na panorama televisivo francés, até daquela pouco acostumado ao fantástico, está protagonizada polos actores galos Frédéric Diefenthal e Elsa Kikoïne e dirixido por Nicolas Cuche. Está centrada en David Nolande, un xoven executivo, casado e cunha filla pequena. Unha tarde, tras celebrar o éxito dunha campaña publicitária, sofre un acidente e provoca a morte dunha adiviña. Como consecuéncia, cae unha maldición sobre el: quitou unha vida e terá que salvar outras para evitar que os membros da sua família sofran un drama terríbel.
Primeval fixo que a emisora inglesa ITV rachara moldes cunha minisérie na que se entremisturan a fantasía e mais o documental. Producida por Tim Hains, responsábel da saga Camiñando con… e de Deep Ocean, Primeval acadou na súa estrea 6,90 millóns de espectadores e un 28,9% de share e situou-se con ampla marxe por riba da média na franxa da cadea durante 2006.
A série vai sobre o zoólogo Nick Cutter, quen descobre que se produciron buracos na barreira do tempo, permitindo que unhas criaturas provintes da prehistória deambulen polo mundo actual. Cutter e a súa equipa loitan para manter o iminente desastre en segredo mentres loitan cos salvaxes dinosáuros e outros mortais inimigos.


