Autores fantásticos pásan-se á publicación directa
Edición tradicional, novos médios, ebooks… o mundo da edición está a pasar por augas revoltas mentres espera non pasar polo mesmo destino cá indústria musical.
Mentres, para os autores de Book View Cafe, a resposta aos problemas é aliar-se e tomar o mando. Este grupo de vinteséis autores galardonados e de éxito en vendas elixiron pasar da edición tradicional e sacar os seus últimos traballos directamente no formato Kindle de Amazon e no eReader de Sony.
Todos eles xa publicados anteriormente de xeito profesional, e moitos na actualidade baixo contrato con selos tradicionais de New York coma Random House, Tor Books e Simon & Schuster, os autores de Book View Cafe axuntáron-se por primeira vez en 2008 para crear bookviewcafe.com, un portal de ficción en liña. Armados cun século de experiéncia en todos os aspectos da edición, os miembros inclúen autores multipremiados na ciéncia-ficción e a fantasía coma Ursula K. Le Guin e Vonda N. McIntyre, bestsellers coma Sarah Smith e Laura Anne Gilman, e novos talentos coma Seanan McGuire.
Os títulos de Book View Press serán creados e editados polos membros da BVC, e postos á disposición a través das tendas do Kindle e do Sony eReader, así coma directamente en bookviewcafe.com. Ningunha casa editorial externa estará involucrada e os beneficios van directamente aos autores.
O primeiro proxecto de Book View Press é unha antoloxía de ciéncia-ficción, Rocket Boy and the Geek Girls, que incluirá obras de Vonda N. McIntyre, Katherine Kerr, Amy Sterling Casil, Irene Radford, Maya Bohnhoff e C.L. Anderson.
O seguinte proxecto será entre fantasía e ciéncia-ficción, unha antoloxía de histórias breves vencelladas titulada The Shadow Conspiracy e que aparecerá o vindeiro 15 de decembro. Estará ambientada nunha era victoriana alternativa chea de aeronaves e autómatas na que un alma humana pode ser roubada e o alma dunha máquina pode nacer.
Contos de Terramar
O vindeiro venres 21 de decembro estreará-se nos cinemas de Galiza a última produción de animación dos Estudos Ghibli, Contos de Terramar. Baseada nas novelas do Ciclo de Terramar de Ursula K. Le Guin, Contos de Terramar é a primeira película como director de Goro Miyazaki e conta coa participación na sua banda sonora do gaiteiro galego Carlos Núñez.
Contos de Terramar narra as aventuras do xove Arren, príncipe do reino de Enlad, que decidirá aliar-se ás forzas do grande meigo Gavilán para restablecer o equilíbrio do mundo roto por unha bruxa maléfica. Na batalla que se libra, Arren e Gavilán atopan a Therru, unha misteriosa rapaza. Xuntos superarán os seus medos e unirán os seus destinos para emprender unha viaxe fascinante.
O Ciclo de Terramar está considerado coma un dos grandes clásicos da literatura fantástica. Ursula K. Le Guin, a sua autora, tamén ten sona por A man esquerda da escuridade, novela galardoada co prémio Nébula en 1969 e o Hugo en 1970, así coma por Os Desposuídos, que obtivo os prémios Nébula 1974 e Hugo 1975. O Ciclo de Terramar está composto polas novelas Un meigo de Terramar, As Tumbas de Atuán, A costa máis afastada, publicadas entre 1968 e 1972 (reagrupadas nun só volume, Terramar), Tehanu, escrito 18 anos máis tarde, en 1990, Contos de Terramar en 2001 e Noutro vento en 2001.


