Via libre para O Hobbit

11 de Setembro de 2009 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

O HobbitUnha demanda apresentada polos herdeiros de J.R.R. Tolkien contra a produtora New Line, en relación á participación nos benefícios brutos dos herdeiros do autor inglés sobre a triloxia de O Señor dos Anéis, ven de se resolver extraxudicialmente.

Estaba previsto que o caso se dirimira nun xuízo que teria lugar o 19 de outubro no Tribunal Superior de Los Angeles. Os termos do acordo, que tamén afecta á editorial HarperCollins como parte demandante, son confidenciais, pero o herdeiros de Tolkien deron a coñecer que esta decisión dá via libre á rodaxe dos dous filmes de O Hobbit, financiadas por New Line.

A produción de ambos filmes escomezará asemade a comezos de 2010 baixo a dirección do mexicano Guillermo del Toro.

Os herdeiros de Tolkien e mais a editorial HarperCollins apresentaron a demanda en febreiro de 2008 e alegaron que a New Line non pagara alomenos 220 millóns de dolares aos membros do fondo.

Os demandantes afirmaban que baixo un contrato asinado en 1969, tiñan direito a un 7,5 por cento dos benefícios brutos que xerasen os filmes baseados nas novelas de Tolkien e outros produtos relacionados, unha cifra total á que debian restar certos custes.

A franquía de O Señor dos Anéis xerou mais de 3.000 millóns de dólares no despacho de billetes entre 2001 e 2003. Na demanda esixia-se unha declaración xudicial pola que os demandantes podían acabar con calquera dos dereitos da New Line sobre os traballos de Tolkien, incluído O Hobbit, que está a ser producida por Peter Jackson, director da saga orixinal, e mais a sua esposa, Fran Walsh. Espera-se que ambos filmes cheguen ás salas a finais de 2011 e 2012.

Estamos satisfeitos de pór fin a este litíxio“, dixo Alan Horn, presidente da Warner Bros., que engloba á New Line. “Esperamos ter unha relación produtiva e beneficiosa para todos no futuro“, engadiu.

A Warner Bros. posue os dereitos para a distribución de O Hobbit nos Estados Unidos, en tanto cá Metro-Goldwyn-Mayer fará o próprio no estranxeiro.

Segundo Bonnie Eskenazi, avogada en representación dos herdeiros de Tolkien, as conversas que remataron neste acordo escomezaron meses atrás e os demandantes atopan-se “completamente satisfeitos” coa resolución. “Isto facilitará que o fondo poda emprestar a sua axuda a mais de 100 organizacións benéficas“, afirmou Eskenazi.

A liortas por Superman

11 de Setembro de 2009 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

Jon PetersOs problemas legais entre Brian Quintana e Jon Peters, os dous produtores da nova entrega cinematográfica de Superman, que debía levar por título Superman: Man of Steel, foron moi graves este pasado decembro. Daquela, seica Quintana demandou a Peters non só para lle reclamar uns cartos que lle debía, senón tamén por acoso sexual e por lle pedir de xeito moi violento que lle axudase a facer unha série de cousas, entre as que estaban o perxúrio, falsificación de sinaturas, procura de drogas ilegais, fraudes fiscais e contábeis e a axuda e ocultación de comportamentos sexuais extremos.

Ademais, entre as demandas que seixa interpuxo Peters contra Quintana estaba a petición de encubrimento da violación da filla de Peters.

Segundo publicou esta semana o xornal americano The New York Post, Peters foi condeado a se manter afastado 100 iardas (91 metros) de Quintana, e todo porque Peters lle espetou literalmente a Quintana “vou cruzar esta mesa e che vou partir a puta cara, vou-te patear o cú“, todo no decurso dunha declaración que tivo lugar diante do mesmísimo xuiz o pasado 12 de agosto en Los Angeles mentres se discutía o caso de suposto acoso sexual polo que Quintana acusa a Peters.

Quintana presentou unha denúncia ante a Policía o 14 de agosto na que se di que “O señor Peters ameazou con me partir as pernas. Teño medo, estou nervoso e desacougado e temo que Jon Peters vaia facer-me dano ou matar-me“. O 19 de agosto, o xuiz condeceu a Quintana unha orde afastamento para evitar que Peters poidera “ameaza-lo, asalta-lo ou acosa-lo“.

O avogado de Peters, Joe Yanny, afirma que a orde de afastamento non ten xustificación e que a perda dos nervos de Peters foi debida a que Quintana lle tirou biquiños a Peters mentres que esta estaba declarando perante o xuiz.

Este 9 de setembro houbo unha nova vista na que se deberá decidir por canto tempo mais a orde de afastamento ficará en vigor.

Problemas legais en Avatar?

27 de Agosto de 2009 por Editor  
Arquivado como Cinema, Vários

Comments Off

AvatarA Fathom Studios podería iniciar accións legais contra a vindeira superprodución en 3D de James Cameron, o filme épico Avatar, que segundo din ten demasiadas semellanzas con outro filme de fantasía e debuxos animados.

A vindeira produción de Cameron foi anunciada pouco menos que coma o futuro do cinema, e dela din que mesmo abrirá a porta a unha nova era no mundo da produción de filmes en 3D con animación xerada por computador, pero a Fathom afirma que todo estaba xa inventado.

Así, a fita de debuxos animados fantásticos Delgo, que pasou sen pena nin glória polas pantallas americanas o ano pasado, teñen previsto iniciar accións legais contra os produtores de Avatar, a poderosa 20th-century Fox. “Polo que miramos até agora, estamos abriados polas semellanzas visuais entre os dous filmes“, dixo unha voceira da pequena empresa baseada en Atlanta nunha nota de prensa. “Estamos considerando que tipo de accións legais temos dispoñíbeis para exercer“.

Segundo quen puideron ver o filme Delgo, é a primeira longametraxe de debuxos animados xerados por computador producida de maneira independente dos grandes estudos nos Estados unidos. Estaba protagonizada polas voces dos actores Freddie Prinze Jr e Jennifer Love Hewitt, no papel de dous áliens namorados que axudan a salvar os seus respectivos planetas dun tirano intergaláctico, cuxa voz emprestou-lle Anne Bancroft. Cun orzamento de á penas 30 millóns de euros, este filme só recadou 700.000 dólares nos despachos de billetes, o que supuxo o meirande fracaso económico nas carteleiras americanas do ano pasado.

O director de Avatar, James Cameron, asegura que o seu filme leva planeado dende finais dos anos 90, ainda qaue a produción non escomezou oficialmente até 2006. Nombergantes, os creadores de Delgo dixeron que tiñan publicados debuxos e fotos con exemplos de “conceptos artísticos” no seu sítio Web, delgo.com, dende 1998.

Após de que a semana pasada se estrease un tráiler de 15 minutos de duración con imaxes de Avatar, os paralelismos entre os dous filmes xa se deixaron notar por moitos afeccionados e xornalistas de diversos médios de comunicación nos Estados Unidos. Segundo algúns críticos de cinema, as semellanzas entre os dous filmes son tan grandes que practicamente garanten a presentación dunha demanda. O único que hai que ver é que filme dos dous obtén menos recadación, porque ése será o que presente a demanda nos xulgados.

Avatar ten prevista a súa estrea o 18 de decembro. No reparto as voces orixinais son as de Michelle Rodriguez, Sam Worthington, Sigourney Weaver e Zoe Saldaña.

Superman sae do xuízo

9 de Xullo de 2009 por Editor  
Arquivado como Cómic, Fans

Comments Off

SupermanVen de se desvelar que este mércores un xulgado federal nos Estados Unidos sentenciou que os dereitos sobre Superman volverán a pertencer aos herdeiros dos seus creadores orixinais, Jerome Siegel e Joe Shuster, en 2013 e mentres tanto á Warner Brothers se lle está a rematar o tempo para acadar un guión e facer a secuela de Superman Returns. De feito, se escomezasen agora mesmo, os estudos non poderían ter o filme rematado até 2012 no millor dos casos.

Na decisión xudicial do mércores, o xuiz Stephen G. Larson sentenciou que os pagos que a Warner fixo ao representante da DC Comics non foron xustos xa que están por baixo do valor do mercado e que os herdeiros só poden reclamar a súa parte dos benefícios á DC Comics (que só gañou 13,6 millóns de dólares co filme de 2006) e non á Warner Bros.

Ademais, o xuiz estableceu a data do 1 de decembro para celebrar unha vista na que se determinará a cota de benefícios dos herdeiros, que o ano pasado gañaran o dereito sobre a metade do copyright polo material baseado en Superman. E en 2013 obterán o 100% dos dereitos de autor.

O xuiz, que dirixiu un xuizo que durou 10 días, salientou que o presidente da Warner Brothers Alan Horn testemuñara que ainda que teñen a espranza de facer outro filme sobre Superman, ainda non teñen un guión, non hai nada en desenvovlemento e que como moi cedo o novo filme estaría listo en 2012.

A Marvel, demandada por 750 millóns

27 de Xaneiro de 2009 por Editor  
Arquivado como Cómic

Comments Off

Persoaxes da Marvel ComicsSegundo veñen de confirmar diversas axéncias de novas, os accionistas dunha antiga empresa de Stan Lee que crebou queren que se lles paguen mais de 750 millóns de dólares (uns 560 millóns de euros) en benefícios de filmes baseados en persoaxes da Marvel Comics coma Spiderman, X-Men ou Iron Man.

A demanda foi presentada o luns nun tribunal federal de Manhattan no nome de catro accionistas da Stan Lee Media, Inc. Entre os demandados están o mesmo Lee, a súa muller, a compañía Marvel Entertainment, Inc., e mais o antigo presidente da Marvel, Avi Arad.

A demanda esixe os benefícios provintes das creacións de Stan Lee e que segundo din pertencen á empresa demandante, que saiu da bancarrota en 2006. A demanda di que Lee e os demais demandados ignoraron á compañía e aos intereses dos seus accionistas.

O gurú do cómic Stan Lee non quixo facer comentários, mentres que un voceiro da Marvel dixo que a demanda está chea de “reclamacións ridículas“.

Watchmen: rematou a batalla!

18 de Xaneiro de 2009 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

watchmen3Tal e coma se agardaba, a 20th Century Fox e mais a Warner Brothers anunciaron o venres que resolveron a súa batalla legal polos dereitos de distribución sobre o filme Watchmen.

O lanzamento do filme de superheroes mantivéra-se en dúbida durante meses por mor da rifa que levou aos xulgados á Fox e mais á Warner, ambos loitando por ter os dereitos sobre esta longametraxe. Os estudos din que a data de estrea será finalmente o 6 de marzo, tal e coma se establecera nun primeiro intre.

Os voceiros de ambas as dúas empresas emitiron un comunicado conxunto o venres á noite no que confirmaron que a disputa legal ficou rematada cun acordo extra-xudicial que se manterá confidencial.

Os acordos para zanxar a rifa escomezaron no mesmo intre no que un xuiz decretou o pasado 24 de decembro que os dereitos de distribución corresponden á Fox, ainda que foi a Warner a que produciu o filme.

Os avogados dos dous estudos deberán agora manter unha xuntanza co xuiz federal Gary Allen Feess para discutir os termos exactos do acordo. O comunicado conxunto di que ambos estudos agardan con grande emoción a estrea do filme.

Acordo por Watchmen?

15 de Xaneiro de 2009 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

WatchmenO plan da Warner Brothers de lanzar Watchmen o vindeiro 6 de marzo podería despois de todo chegar a bó fin xa que os estudos e mais a 20th Century Fox están por acadar un acordo que peche a ágria desputa sobre os dereitos de distribución do filme de superheroes.

Os avogados de ambos os dous estudos revelaron o pasado venres que chegaran a grandes progresos cara a un acordo que rematase coa demanda interposta pola Fox perante un xulgado federal de Los Angeles e que ten previsto continuar adinte se non se chega antes a ese desexado acordo. Os representantes da Fox e da Warner non quixeron desvelar os termos dese posíbel acordo, que probábelmente sinificará a entrada da Fox no reparto dos benefícios do filme.

Un xuiz federal determinou o pasado 24 de decembro que a Fox é a propietária dos dereitos de distribución de Watchmen. A Warner non mudou polo de agora a data de estrea e mesmo comezou a emitir anúncios, o que fai pensar que o acordo está preto.

Ademais, este mesmo martes se soubo que a audiéncia prevista no tribunal foi cancelada, o que disparou os rumores sobre o acordo, que podería ser inminente. Algunhas fontes consultadas por NOVA FANTASIA confirmaron que de se chegar a un acordo, este podería supoñer á Warner o pago de várias decenas de millóns de dólares. En 2005 houbera un caso semellante polo filme Dukes of Hazzard que custou arranxar 17,5 millóns.

Difícil estrea de Watchmen

31 de Decembro de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

WatchmenA Warner Brothers terá que se sentar a negociar coa 20th Century Fox para tentar chegar a un acordo se ainda queren lanzar Watchmen o vindeiro 6 de marzo.

Nunha decisión tomada o pasado día 24, un xuiz federal de Los Angeles decretou que a Fox posúe os dereitos de distribución sobre o filme mais agardado do ano que ven: “A Fox ten un dereito de copyright consistente, como moi pouco, no dereito de distribuir a longametraxe Watchmen“, sentenciou o xuiz Gary Allen Feess.

A 20th Century Fox ten intención de impedir a estrea do filme e quere que sexa unha orde xudicial o que impida este lanzamento. Polo de agora a Warner non anunciou a suspensión da estrea.

O xuiz mantén a data do 20 de xaneiro para celebrar unha vista na que se tratarán asuntos ainda pendentes. Un avogado da Warner Bros. comentou o luns que non sabía se se ía presentar unha apelación, pero dixo que considera imprescindíbel cdelebrar un xuizo sobre o contido da demanda.

Watchmen é da Fox

25 de Decembro de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

Comments Off

WatchmenNunha abraiante e inesperada decisión, un xuiz federal en Los Angeles (Califórnia) ven de lle dar a razón á 20th Century Fox na súa demanda por posuir os dereitos sobre a longametraxe Watchmen, que ven de se rematar de filmar pola Warner Brothers e mais a Legendary Pictures e ten prevista a súa estrea no mes de marzo.

A decisión recólle-se nunha orde por escrito en cinco páxinas que leva data de 24 de decembro, polo que ainda non tivemos acceso ao seu contido exacto. Gary A. Feess, o xuiz do Xulgado de Distrito dos Estados Unidos para Califórnia Central, prometeu que fornecería aos litigantes cunha orde mais detallada axiña.

A Fox levaba moito tempo procurando evitar que a Warner distribuise o filme. Esta aventura de superheroes, baseada na clásica novela gráfica Watchmen, está dirixida por Zack Snyder (300) e é unha das estreas mais agardadas por todos os fans do mundo para o ano que ven. Agora a devandita estrea semella case imposíbel.

Scott Rowe, o voceiro da Warner, a empresa derrotada no proceso, non quixo facer ningún tipo de comentário sobre a senténcia nin sobre os plans dos estudos.

Aprazado o xuizo de Watchmen

18 de Decembro de 2008 por Editor  
Arquivado como Vários

Comments Off

WatchmenUn xuiz federal de Los Angeles ven de adiar o xuizo por Watchmen dúas semanas mais até o 20 de xaneiro de 2009, após de rexeitar determinar se é a Fox ou a Warner Bros a que controla os dereitos do proxecto. 

O xuiz Gary Allen Feess establecera a data do xuizo para o 15 de decembro, facendo notar que debe levar un caso criminal o 6 de xaneiro. Ademais rexeitou facer unha declaración prexudicial – tal e como lle pedían as dúas partes – porque segundo dixo, os contratos entre a Fox e mais o produtor de Watchmen Larry Gordon están tan abertos á interpretación que precisarán dun xuizo.

A Warner non apoia a data de estrea de Watchmen para o día 6 de marzo. O filme está dirixido por Zack Snyder e protagonziado por Patrick Wilson e Jackie Earle Haley

A demanda da Fox, presentada en febreiro, afirma que é a Fox a que ten os dereitos de distribución sobre a novela gráfica escrita por Alan Moore e debuxada por Dave Gibbons. E engade que a opción da Warner para adquirir os dereitos sobre Watchmen nunca foi exercida, permitindo polo tanto á Fox seguir adiante coa produción.

Páxina seguinte »