J.K. Rowling acusada de pláxio
O pasado mes de xuño os herdeiros do escritor Adrian Jacobs interpuxeron unha demanda no Tribunal Supremo de Londres contra a editorial Bloomsbury, asegurando que J.K. Rowling copiara partes considerábeis de As aventuras de Willy o Mago, escrito por Jacobs en 1987.
A demanda aseguraba que o argumento de Harry Potter e o cáliz de fogo copiou argumentos da trama de Willy o Mago, incluido un concurso de meigos, e que a saga Potter tomou prestada a ideia de que os meigos viaxaran en trens.
Rowling foi engadida á causa como acusada, o que provocou a sua resposta personal: “Sínto-me entristecida porque se presentara outra demanda decindo que roubei material doutra fonte para escribir Harry“, dixo nun comunicado. “O feito é que nunca oíra falar do autor do libro antes da primeira acusación daqueles relacionados coa herdanza do autor en 2004; certamente nunca lin o seu libro“.
Rowling engadiu que “as denúncias que se presentaron non son só infundadas senon absurdas, e estou decepcionada porque se nos poña na situación de ter que nos defender a min a e miña editorial no Reino Unido, a Bloomsbury. Recurriremos ao tribunal decontado para que dictamine que a denúncia non ten validez e que polo tanto debería ser desestimada sen demora“.
Os sete libros do rapaz meigo, dos que Harry Potter e o cáliz de fogo é o cuarto, bateron récords de publicación, vendendo mais de 400 millóns de cópias en todo o mundo e dando orixe a unha saga cinematográfica que recadou miles de millóns de euros.
A Bloomsbury negou rotundamente as denúncias de pláxio cando o caso chegou por primeira vez aos tribunais.
A Marvel contra-ataca nos xulgados
A compañía Marvel Entertainment, proprietária de mais de 5.000 personaxes de ficción, apresentou unha demanda contra os herdeiros do debuxante Jack Kirby, que pretenden recuperar os dereitos sobre alguns súper-heroes, incluídos Spiderman ou O Incríbel Hulk.
Na demanda tramitada nun tribunal federal en Manhattan esta compañía, que foi adquirida pola Disney o ano pasado, pide ao xuiz que declare inválidas as reclamacións dos herdeiros de Kirby, quen traballou durante mais dunha década na empresa.
A Marvel explicou que en setembro pasado recibeu 45 avisos legais dos herdeiros de Kirby alusivos á cancelación futura dos dereitos de propriedade da empresa sobre alguns súper-heroes, incluídos os X-Men e Os Catro Fantásticos, e histórias publicadas entre 1958 e 1963. Os herdeiros do debuxante consideran que entre 2014 e 2019 lles corresponderá recuperar alguns dereitos trasferidos á Marvel, algo para o que esta empresa considera que non hai base legal.
A compañía de cómics, que ten a súa sede en New York, considera que as aportacións de Kirby ás suas publicacións, como os de outros escritores e debuxantes coetáneos, eran traballos contratados e dos que a Marvel é a única proprietária.
O avogado da empresa, John Turitzin, manifestou que as reclamacións dos herdeiros “son un intento de escribir de novo a história das relacións de Kirby coa Marvel“.
Marvel explicou que as leis federais sobre dereitos de autor estabelecen que aqueles traballos creados a petición e a costa dun editor durante os anos nos que ese artista traballou para a empresa son propriedade da compañía contratante e sinalou que os traballos aos que aluden os herdeiros axustan-se a esa categoría.
A empresa manifestou que os editores eran os encarregados de determinar en que traballos participaría Kirby, ao igual que con outros escritores e debuxantes, e eran pagados por iso.
O propósito da demanda apresentada pola empresa “é simplemente deixar as cousas claras” e obter unha declaración xudicial de que os avisos de cancelación de dereitos non son validos, segundo Turitzin.
Problemas legais en Avatar?
A Fathom Studios podería iniciar accións legais contra a vindeira superprodución en 3D de James Cameron, o filme épico Avatar, que segundo din ten demasiadas semellanzas con outro filme de fantasía e debuxos animados.
A vindeira produción de Cameron foi anunciada pouco menos que coma o futuro do cinema, e dela din que mesmo abrirá a porta a unha nova era no mundo da produción de filmes en 3D con animación xerada por computador, pero a Fathom afirma que todo estaba xa inventado.
Así, a fita de debuxos animados fantásticos Delgo, que pasou sen pena nin glória polas pantallas americanas o ano pasado, teñen previsto iniciar accións legais contra os produtores de Avatar, a poderosa 20th-century Fox. “Polo que miramos até agora, estamos abriados polas semellanzas visuais entre os dous filmes“, dixo unha voceira da pequena empresa baseada en Atlanta nunha nota de prensa. “Estamos considerando que tipo de accións legais temos dispoñíbeis para exercer“.
Segundo quen puideron ver o filme Delgo, é a primeira longametraxe de debuxos animados xerados por computador producida de maneira independente dos grandes estudos nos Estados unidos. Estaba protagonizada polas voces dos actores Freddie Prinze Jr e Jennifer Love Hewitt, no papel de dous áliens namorados que axudan a salvar os seus respectivos planetas dun tirano intergaláctico, cuxa voz emprestou-lle Anne Bancroft. Cun orzamento de á penas 30 millóns de euros, este filme só recadou 700.000 dólares nos despachos de billetes, o que supuxo o meirande fracaso económico nas carteleiras americanas do ano pasado.
O director de Avatar, James Cameron, asegura que o seu filme leva planeado dende finais dos anos 90, ainda qaue a produción non escomezou oficialmente até 2006. Nombergantes, os creadores de Delgo dixeron que tiñan publicados debuxos e fotos con exemplos de “conceptos artísticos” no seu sítio Web, delgo.com, dende 1998.
Após de que a semana pasada se estrease un tráiler de 15 minutos de duración con imaxes de Avatar, os paralelismos entre os dous filmes xa se deixaron notar por moitos afeccionados e xornalistas de diversos médios de comunicación nos Estados Unidos. Segundo algúns críticos de cinema, as semellanzas entre os dous filmes son tan grandes que practicamente garanten a presentación dunha demanda. O único que hai que ver é que filme dos dous obtén menos recadación, porque ése será o que presente a demanda nos xulgados.
Avatar ten prevista a súa estrea o 18 de decembro. No reparto as voces orixinais son as de Michelle Rodriguez, Sam Worthington, Sigourney Weaver e Zoe Saldaña.
A demanda por Watchmen
Un xuiz ven de denegar a petición da Warner Bros. na que solicitaba que se desestimase a demanda da 20th Century Fox polos dereitos para facer un filme baseado na novela gráfica Watchmen.
A senténcia é potencialmente unha grande vitória para a Fox, que quere facer-se cos dereitos sobre o filme (agora que xa está en produción o único que podería acadar é unha participación nos benefícios), e iso custaría á Warners moitos millóns de dólares considerando as probabilidades de éxito nos despachos de billetes. O proxecto, que leva en desenvolvemento case vinte anos, comezou a se facer realidade finalmente o pasado setembro, con Zack Snyder na dirección. A Warners ten prevista a estrea do filme, que conta con Patrick Wilson e Jackie Earle Haley coma protagonistas, o vindeiro 6 de marzo, o mesmo mes no que se estreara o ano pasado con grande éxito o filme 300, do mesmo director.
O xuiz conclúe decindo que a Fox posúe dende 1991 os dereitos de distribución sobre esta versión da clásica novela gráfica escrita por Alan Moore e ilustrada por Dave Gibbons, e engade que ainda que baixo o acordo asinado en 1994 co produtor Larry Gordon, este adquiriu unha opción para se facer cos dereitos de Watchmen, ditos dereitos nunca foron exercidos, deixando á Fox coma única posuidora dos mesmos segundo o devandito acordo de 1994.



