SurveillanceSe hai vintedous anos era David Lynch quen gañaba con Veludo azul a María (así é como chaman á estatuíña que dan aos gañadores porque é unha reprodución da célebre androide de Metrópole) á Millor Película no Festival de Sitges, agora a sua filla Jennifer Chambers Lynch toma o relevo con Surveillance e logra tamén o máximo galardón do xurado.

Surveillance céntra-se no interrogatório que realizan dous recén chegados axentes do FBI, Bill Pullman e Julia Ormond, ás testemuñas dunha comisaría dunha pequena localidade de Nebraska. O obxectivo é tentar clarexar o caso dunha parella de asasinos en série que está a actuar na zona.

Cunha atmosfera enfermiza, uns persoaxes que agochan unha cara perversa e un xiro de 180 graos na parte final do filme, esta é a segunda fita de Jennifer Lynch, quen debutou fai quince anos coa pésimamente recibida por crítica e público A miña obsesión por Helena.

Entre o resto de triunfadoras desta edición estivo o filme de animación The Sky Crawlers, do xaponés Mamoru Oshii (Ghost in the Shell), co prémio á milljor música, o do xurado Novo (ex-aequo con Vinyan, de Fabrice du Welz), e mais o da crítica. Seguir lendo



Indiana Jones é violadoA transgresora série de animación South Park volveu ser obxecto de polémica, despois de retratar aos cineastas Steven Spielberg e George Lucas abusando sexualmente de Indiana Jones nun bar.

No capítulo emitido o mércores nos Estados Unidos, The China Problem, os creadores do programa arremeteron contra a cuarta entrega da saga do famoso arqueólogo interpretado por Harrison Ford, Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal.

No episódio, os nenos protagonistas acoden ao cinema para ver a nova aventura do popular heroe de ficción, pero van-se da sala traumatizados ao ver que Steven Spielberg e George Lucas son arrestados por violar repetidamente a Indiana Jones.

Ainda que coma é habitual as críticas á série non se fixeron esperar, moitos afeizoados defenderon o estilo do episódio e apontaron que se trataba dunha crítica aos creadores da saga cinematográica pola calidade da última entrega de Indiana Jones.

South Park, ademais do seu éxito de audiéncia, xa tivera problemas con personaxes coñecidos por se burlar deles, como é o caso de Tom Cruise.



Juan Antonio BayonaA Universal ven de contratar ao director español Juan Antonio Bayona (O Orfanato) para que se encargue de realizar Hater, a adaptación realizada polo guionista Glen Mazzara da novela do escritor inglés David Moody, un thriller apocalíptico sobre unha epidémia de violéncia perpetrada por xente normal.

Bayona, que fará o seu debut directorial en inglés con este filme, reunirá-se unha vez máis con Guillermo del Toro, que será o produtor xunto a Mark Johnson.

Del Toro xa producira O Orfanato, que foi rodada en España cun orzamento modesto pero que recadou máis de 76 millóns de dólares en todo o mundo.

Hater chegou á Universal Pictures após de que Del Toro lle dera o visto bó nada máis ver o guión. Mazzara, que tamén escribiu o libreto de The Shield, foi contratado de seguido. Del Toro fora o primeiro elixido por Johnson para dirixir este filme, pero a súa axenda está demasiado cargada actualmente, coas dúas entregas de O Hobbit pendentes, así que os produtores escolleron a Bayona.

Gósta-me a ideia dun filme que fala do estado de medo no que vivimos arestora“, dixo Bayona nunha entrevista.

O filme está ambientado nos Estados Unidos, e ainda que os exteriores se rodarán naquel país, o máis seguro é que as escenas de interior se roden en España ao longo do ano que ven.

Gary Ungar será o produtor executivo.



Dúas das protagonistas da sérieA canle de televisión americana ABC está a desenvolver unha nova adaptación da clásica série de ciéncia-ficción dos anos 80 V, aquela onde os extra-terrestres con fasquía de lagarto invadían a Terra após de enganar aos seus habitantes.

A série orixinal produciu dúas secuelas, que contaron cun guión do creador e produtor executivo de Os 4400, Scott Peters.

A Warner Brothers TV, que estivo atrás da série orixinal, participará unha vez máis no proxecto, que foi vendido ainda como esbozo de guión á ABC.

Peters será o produtor executivo xunto ao dono da HDFilms, Jace Hall.

Hall, o antigo driector da división de videoxogos da Warner Brothers ten no seu haber títulos coma F.E.A.R., e axudará a espallar V a outras plataformas, incluindo por suposto a dos videoxogos.

A série orixinal V era unha alegoría do holocausto nazi, onde moitos humanos axudaban aos áliens e mesmo se unían ás súas ringleiras mália seren considerados simples comida porlos extra-terrestres. Nombergantes, Peters dixo que a nova série non vai duplicar este concepto, agás no senso de que as masas teñen unha fe cega nos seus líderes.

A nova V centrará-se en Erica Evans, unha axente do ministério do interior americano cun fillo perdido que ten moitos problemas. Cando chegan os áliens, o seu fillo unirá-se a eles, ocasionando tensións familiares. O mesmo ca na série orixinal, haberá várias liñas argumentais desenvolvéndo-se ao mesmo tempo.

E coma na versión dos anos 80, a série amosará un grande número de naves espaciais e exércitos extra-terrestres apoderándo-se das grandes cidades do mundo.

O produtor, director e guionista da série orixinal, Kenneth Johnson, tentara facer un esforzo por revivir V recentemente, cun proxecto titulado V: The Second Generation pero este non ten ren que ver coa nova versión de Peters.



Jonah HexSeica xa está pechado o trato para que Josh Brolin protagonice Jonah Hex, un filme baseado na novela gráfica do mesmo nome e que conta cun guión de Mark Neveldine e Brian Taylor (Crank) que disporá da produción e distribución da Warner Bros. Ainda que fontes preto de Brolin negan que haxa ainda un acordo, o certo é que nestes intres o actor está máis dentro ca fóra do persoaxe.

Jonah Hex é un cómic sobre un anti-heroe do salvaxe Oeste creado polo guionista John Albano e mais o debuxante Tony DeZuniga e publicado por DC Comics, que serán os que produzan a longametraxe xunto á Mad Chance.

O filme será probábelmente unha mistura de ciéncia-ficción no Oeste americano con gráficos xerados por computador. No cómic orixinal no había ren de ciéncia-ficción, pero seica van introduci-la para lle dar algo de frescura ao argumento, dado que Hex é un cazarrecompensas e pistoleiro (nacido en 1838 e morto en 1904 segundo a cronoloxía oficial da DC) que ten a face terríbelmente desfigurada, con toda unha meixela desaparecida, a través da cal se poden ver os seus dentes. No filme os rumores apuntan a que a súa misión será a de perseguir a un practicante de vodú.



Kevin LimaA Warner Brothers e mais a Red Wagon veñen de contratar a Kevin Lima (Enchanted) para que dirixa Tom Thumb, un filme de acción real que narrará as orixes de Tom Thumb (o persoaxe da mitoloxía inglesa que en Galiza coñecemos coma Polgarciño).

Os xefes da Red Wagon Doug Wick e Lucy Fisher serán os produtores, mentres que Chris Chase será o produtor executivo.

O filme, que conta cun guión de Robert Rodat (Salvar ao Soldado Ryan), céntra-se nun arrogante cabaleiro que é reducido a un tamaño de 15 centímetros mentres cumpre unha misión de protexer a unha princesa, pero ainda así descubre que tamén pode ser un auténtico heroe.

A Warner tentará desenvolver este filme coma unha produción de importáncia para todo o mundo. O persoaxe de Tom Thumb orixinou-se no folclore inglés no século XVI, pero hai moitos outros persoaxes semellantes ou cuspidiños en todo o mundo.




Breves
  • O filme sueco Déixa-me entrar (Let the Right On In), de Tomas Alfredson, foi premiado onte co Méliès de Ouro á millor produción fantástica europea do ano. Tamén é un dos títulos favoritos na Sección Oficial a concurso do Festival de Sitges. Hoxe venres estará na Sección Oficial a española Prime Time, do debutante Luis Calvo Ramos, unha rebiricada visión dos reality show tipo Grande Irmán. Mañá sábado coñecerá-se o palmarés desta 41 edición do Festival: na gala de clausura proxectará-se City of Ember, filme familiar de aventuras e ciéncia-ficción que conta con Saoirse Ronan, Tim Robbins e Bill Murray no reparto.

  • Gerard Butler, estrela de 300, está a ser investigado por unha presunta agresión a un fotógrafo, dixo unha voceira da policía de Los Angeles. O fotógrafo seguira a Butler no seu automóbil despois de que o actor saira dun bar e presentou un informe policial acusando a Butler, de 38 anos, de bater nel repetidas veces na face durante unha rifa o martes á mañán. O fotógrafo engadiu que Butler deixou logo o vehículo e lle propinou tres ou catro golpes, que lle fixeron ir a un hospital para recebir puntos nos beizos.

  • M. Night Shyamalan revelou que está a considerar a posibilidade de traballar nunha secuela do seu éxito Unbreakable (O Protexido). O director dixo que ainda ten que escribir un guión, pero que ten que face-lo "polos motivos correctos", e que "en canto abandoe o proxecto, chegarán-me as ideias".

  • O actor David Duchovny, o axente Mulder de Expediente X, ven de abandoar a clínica de rehabilitación onde ingresara o pasado mes de agosto por mor da súa adición ao sexo. Segundo afirmou o seu representante, "David cumpriu o seu tratamento e está rehabilitado. Ademáis vai empezar rodar unha nova película".

  • O xurado do undécimo Prémio Manuel de Pedrolo ven de declarar o prémio deste ano deserto. Segundo o voceiro, Miquel Barceló, "ningún dos orixinais tiña calidade abondo para ser proclamado gañador, polo cal e despois de intensas deliberacións, o xurado preferiu deixa-lo deserto". Este é o primeiro ano que este prémio, o principal en língua catalana adicado á narrativa de ciéncia-ficción, fica desierto.

  • Os fans de Superman recadaron 100.000 dólares para salvar a casa en ruinas de Cleveland onde hai máis de 70 anos foi creado o Home de Aceiro polo guionista Jerry Siegel e mais o debuxante Joe Shuster. Os cartos foron recadados ao longo dun mes grazas a unha inciativa do novelista Brad Meltzer e a un programa na canle de televisión NBC. Ainda que o obxectivo eran 50.000 dólares, finalmente recadou-se máis do dobre, o que se aproevitará para reformar a casa por dentro e por fóra.

  • O festival "Obuxo, Festival de Cine Extraño y Agroterror", que se desenvolveu en Huesca (España) do 29 ao 31 de agosto, outorgou o segundo premio a Da man da Raíña Vermella de Omar Rabuñal, unha curtametraxe galega experimental que aborda a multidimensionalidade do tempo dentro dunha estrutura de thriller fantástico.

  • Onte 25 de setembro ás cinco da tarde (coma non podía ser menos, tratándo-se de España) arrincou en Almería a 26ª edición da convención nacional do xénero fantástico español, a Hispacon. A inauguración oficial tivo lugar ás 7 e média do serán baixo a presidéncia do Reitor da Universidade de Almería Pedro Molina e mais o escritor José Carlos Somoza.

    •  

  • Publicidade