Fringe, o novo de Abrams
Alex Graves (Journeyman) dirixirá Fringe, o episódio piloto para a série paranormal da canle Fox que conta con guión de J.J. Abrams e mais os seus parceiros Alex Kurtzman e Roberto Orci.
A produción ten previsto o seu comezo en febreiro. O episódio piloto durará dúas horas, tratando sobre mistérios paranormais vistos a través dos ollos dun científico tolo, o seu fillo enemistado e mais unha axente feminina do FBI.
A Fox ten moitas esperanzas postas neste novo proxecto, que chega da man da Warner Brothers TV e mais da empresa produtora de Abrams, a Bad Robot.
Graves será ademáis o produtor executivo de Fringe, tarefa que compartirá con Abrams, Kurtzman, Orci e Bryan Burk.
O guión de Fringe xa estaba escrito cando a Fox obtivo os seus dereitos, o que sinifica que a produción podería escomezar mesmo ainda que a folga de guionistas continúe.
Ana María Matute, Premio Nacional das Letras Españolas
A escritora barcelonesa Ana María Matute, autora de Olvidado Rei Gudú, sen dúbida a obra mestra do xénero fantástico en español, gañou hoxe o Prémio Nacional das Letras Españolas en recoñecemento á sua ampla obra que xa mereceu numerosos galardóns. Este prémio concéde-o o Ministério de Cultura e está dotado con 30.000 euros.
O xurado estivo presidido por Rogelio Blanco, director xeral do Libro, e contou con Mónica Fernández como vicepresidenta. Formaron parte tamén del Juan Luis Cebrián, Xosé Ramón Barreiro (presidente da Real Académia Galega), Aurelia Arkotxa, Carles Miralles, Antonio Hernández, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio Pascual, Laura Freixas, Clara Sánchez, Manuel Longares e o galardonado o pasado ano, Raúl Guerra.
Ana María Matute escribiu o seu primeiro libro con 17 anos, Pequeño teatro. Daquela necesitara o permiso de seu pai para o contrato coa editorial, ainda que non sería publicado até 11 anos máis tarde. De feito, a sua primeira obra publicada sería Los Abel, en 1948.
Semifinalista do Prémio Nadal en 1949 por Luciérnagas e nominada ao Nóbel de Literatura en 1996, a sua mocidade marcada pola Guerra Civil sobrevoa en grande parte da sua obra coma Los Abel (1948), Fiesta al noroeste (1953), Los hijos muertos (1958) ou Los soldados lloran de noche (1964). En todas elas subxaz unha ollada infantil ou adolescente. En efecto, as obras infantís terán un grande peso na sua traxectória, moitas delas adicadas ao seu fillo Juan Pablo.
Membro da Real Academia Española, onde ocupa a cadeira letra K, o seu discurso de ingreso estivo adicado á fantasía. Pertence, asimesmo, á Hispanic Society of America e obtivo, entre outros, o Prémio Nacional de Literatura Infantil (1984) por Sólo un pie descalzo.
Watts en Anxos e Demos
Segundo informa a prensa americana, Naomi Watts (O Señor dos Aneis, King Kong) ven de acadar ún dos papeis principais para acompañar a Tom Hanks en Anxos e Demos, a precuela de O Código da Vinci, que o mesmo cá anterior, será dirixida por Ron Howard. O representante da actriz non atendeu chamadas nin requerimentos dos xornalistas para confirmar o rumor.
De todos os xeitos, o comezo da produción tivo que adiar-se por mor da folga de guionistas de Hollywood, e probábelmente non escomezará até o mes de febreiro, segundo desvelou unha fonte interna á que tivo acceso NOVA FANTASIA.
Así e todo, a película fará-se, e o seu lanzamento para primavera de 2009 ainda non sufriu modificacións.
Hasselhoff regresa ao coche fantástico
O protagonista da série orixinal O coche fantástico, David Hasselhoff, está en conversas para aparecer no vindeiro telefilme que suporá o episódio piloto da nova série da canle americana NBC, repetindo o seu papel coma Michael Knight.
Pola súa banda, Deanna Russo (The Young & the Restless) será a protagonista feminina no filme, enfrontándo-se ao actor principal, o especialista en culebróns Justin Bruening.
O novo coche fantástico será unha secuela da série orixinal dos anos 80, esta vez cdentrada en Mike Tracer (Bruening), o fillo de Michael Knight que nunca chegou coñecer ao seu pai.
Queimado polo seu amor pola súa amiga dende a nenez e antiga moza Sarah Kamen (Russo), Mike está a malgastar o seu tempo en Las Vegas cando de súpeto Sarah reaparece a di-lle a Mike que que quere pagar as súas débedas de xogo en troques da súa axuda.
Sarah é a brillante filla de Charles Kamen, o inventor do coche fantástico K.I.T.T., e que traballa coma axudante dun profesor no departamento de enxeñería en Stanford. Cando ela recibe o aviso do coche falante de que o seu pai está desaparecido, ela e K.I.T.T. porán-se en marcha para atopar e recrutar a Mike.
Destino Final 4 en produción
Xa está en desenvolvemento unha cuarta entrega da saga de Destino Final, esta vez en formato 3D, pola produtora New Line Cinema, e baixo a dirección de David R. Ellis, quen xa se encargara da segunda parte da série.
Os argumentos desta cuarta parte mantéñen-se baixo sete chaves, pero xa sabemos que o filme será autoconclusivo e conterá a actuación de novos rapaces que deberán coma sempre enfrontaren-se a novas formas da morte. O guión foi escrito por Eric Bress, un dos autores que xa fixeran Destino Final 2.
Esta xa venerábel franquía fora creada polos clásicos realizadores de cinema de terror James Wong e Glen Morgan, e Wong dirixiu a entrega máis recente polo de agora, a terceira.
Ellis foi o director de Serpes no avión e traballou coma axudante en filmes coma Harry Potter e a Pedra Filosofal
XVII Convocatória do Pablo Rido
Ábre-se o prazo de apresentación de orixinais para a decimosétima edición do prémio Pablo Rido de relato fantástico. Esta convocatória é moi especial xa que será a derradeira que organizará a Tertúlia Madrileña de Literatura Fantástica após de dezasete anos adicada a elo.
O Prémio Pablo Rido é un certame totalmente independente, convocado pola TerMa (Tertúlia Madrileña de Literatura Fantástica) e non está vencellado a ningún interese editorial ou de grupo. Os xurados son elixidos entre especialistas, profesionais e afeccionados do xénero e, para salientar a absoluta independéncia do prémio, a sua dotación económica procede das aportacións vontárias de afeccionados, na sua maioría dos asistentes ás xuntanzas semanais da TerMa.

