Peter Berg confirmado para Dune

24 de Decembro de 2007 por Editor  
Arquivado como Cinema

Peter BergApós de sortear os rumores durante un par de meses, durante unha entrevista para unha coñecida canle musical de televisión, o director Peter Berg desvelou perante as cámaras que o trato xa estaba feito e que el será o encarregado de facer a nova versión de Dune, afirmando mesmo que de non ser pola actual folga de guionistas, a película xa estaría a se rodar arestora.

Berg dixo que ainda que non teñen guión, xa fixeron unha listaxe de escritores dispostos a se poñer en marcha en canto remate a folga. O realizador dixo que é “un grande fan do libro” de Frank Herbert e cando foi cuestionado verbo da escala do proxecto, simplemente replicou que sería “grande, grande, grande“.

Mentres, Berg tamén confirmou que antes de facer Dune, dirixirá a Tom Cruise no seu seguinte filme, que irá sobre un axente da CIA fugado por mor dunha acusación de ser un espía. Berg dixo que o filme, titulado Edwin A. Salt e que será un thriller, é “un papel perfecto para Tom“.

Salón do manga… por ombreiro

24 de Decembro de 2007 por Editor  
Arquivado como Fans

Logo de XuvenáliaSeica o Salón do Manga de Vigo, que tiña prevista a súa celebración do 26 ao 28 de decembro, non vai ter lugar, ou alomenos non nas datas que nun princípio se anunciaran.

A Asociación Xuvenil-Cultural Ippon, que segundo se informara nun primeiro intre, estaba atrás da organización, explica nun comunicado que teñen posto na súa páxina Web as razóns polas que se cancelou o acontecemento, afirmando que non teñen ren que ver co “suposto Salón do Manga de Vigo“, ainda que “certamente si houbo un contacto coa empresa responsábel“.

Segundo o comunicado, hai un mes e médio, a empresa que xestiona o proxecto púxo-se en contacto coa Asociación Ippon para que trasladara os seus Encontros dentro do marco de actividades de Xuvenália. Perante esta oportunidade, a xunta directiva da Asociación aprobou tomar parte no devandito proxecto.

O problema chegou cando a empresa comunicou que non contaba co apoio económico abondo para a actividade, que non contaban cos permisos da Autoridade Portuária e que non chegaran as subvencións, polo que a Asociación considerou lóxicamente imposíbel a realización do evento.

Dende Ippon prometen publicar en datas vindeiras máis información sobre o que acontecerá cos IX Encontros, e aos sócios se lles convocará a unha asemblea extraordinária que terá lugar antes de rematar o ano.