Dicir sempre a verdade

7 de Febreiro de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

Ricky GervaisJonah Hill e mais o cómico Louis C.K. interpretarán aos veciños de Ricky Gervais no vindeiro filme fantástico da Warner Brothers, This Side of the Truth. Deste xeito, únen-se a Jennifer Garner e mais a Rob Lowe no reparto desta película, ambientada nun mundo no que non existen as mentiras.

A história céntra-se en Mark (interpretado polo popular cómico Gervais), un tipo normal que descubre unha nova habilidade, a de contar mentiras, e decide utiliza-la nos seus esforzos por conquistar a unha muller (Garner) que está moi lonxe do seu alcance.

Hill (Superbad) interpretará ao veciño chistoso de Mark, que tamén sofre de depresión, mentres que Louis C.K. interpretará a un perdedor que é o millor amigo de Mark.

Gervais fai o seu debut na dirección dunha longametraxe con este filme, que co-guionizará e co-dirixirá xunto a Matt Robinson. A produción agárda-se que escomece en abril.

Rockwell vai á Lúa

7 de Febreiro de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

Sam Rockwell en O actor Sam Rockwell (Galaxy Quest) voltará ao espazo para o seu vindeiro papel, o dun home na lúa.

Estou a facer un filme de ciéncia-ficción no que son abandoado na Lúa durante tres anos“, revelou Rockwell á prensa no decurso do Festival de Cinema de Sundance. “Por iso deixei a barba“.

O filme cháma-se Moon e será dirixido por Duncan Jones, segundo dixo o mesmo Rockwell. Jones é un antigo executivo de publicidade, pero é coñecido polo nome de Zowie Bowie, fillo de David Jones, quen pola súa banda, é David Bowie.

Filmax ofrece Darkness gratis

7 de Febreiro de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema, Vários

Cartaze do filme O primeiro videoclube gratuíto en liña de España xa ten oitenta películas. A distribuidora galega Filmax e ADNStream.tv veñen de lanzar a primeira experiéncia en España de difusión de películas en aberto pola Rede.

Os títulos están dispoñíbeis as 24 horas do día, sen curtes nin interrupcións e coa posibilidade de facer unha pausa no momento que o espectador desexe. Tráta-se dun proxecto pioneiro en España que xa está a trunfar nos Estados Unidos e que se basea nun modelo finanzado con publicidade.

O acordo subscrito entre Filmax e ADNStream permitirá aos internautas gozar en aberto de títulos de xénero coma Darkness, Os sen nome ou A lenda do Cid, e así até oitenta títulos da distribuidora.

ADNStream é unha empresa española adicada a xerar tecnoloxía para a difusión de contidos audiovisuais pola Internet. Actualmente conta con dúas plataformas de difusión de contidos: ADNStream.TV e ZappInternet.com (que conta xa con máis de 900.000 usuários únicos mensuais).

A nova voz de KITT

7 de Febreiro de 2008 por Editor  
Arquivado como Breves

Seica Val Kilmer ven de asinar un contrato para ser a voz de KITT en O coche fantástico, a adaptación ao cinema da popular série de televisión dos anos 80. Kilmer sustitúe no proxecto a Will Arnett, que ía ser orixinalmente a voz da supercomputadora que manexa ao coche de Michael Knight.

Finou Barry Morse

7 de Febreiro de 2008 por Editor  
Arquivado como TV

Barry Morse en O actor Barry Morse, que interpretara a un detective na série de televisión dos anos 60 O Fuxitivo pero que era sobre todo coñecido entre os fans da ciéncia-ficción polo seu inesquecíbel papel do científico Victor Bergman na série Espazo 1999, finou o pasado martes aos 89 anos de idade, segundo informou á prensa o seu fillo.

Para aqueles que non relembren a série dos anos 70 Espazo 1999, tiña lugar na Base Luar Alpha, un lugar emprazado no noso satélite, que era sacado fóra da súa órbita por mor dunha explosión nuclear causada polos resíduos atómicos almacenados alí. En NOVA FANTASIA adicamos unha ampla reportaxe á devandita série no noso número 6 (outono de 1998), que podedes atopar neste ligazón. A série tamén estaba protagonizada polo matrimónio formado por Barbara Bain (a doutora Helena Carter) e Martin Laundau (o comandante John Koenig). Espazo 1999 foi unha série moi popular a finais dos anos 70 cando chegou a España e contou con só dúas tempadas porque nos Estados Unidos nunca chegou a ser emitida por unha canle das grandes.

Besson na ciéncia-ficción

7 de Febreiro de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

Portada do discoA compañía de Luc Besson, EuropaCorp, ven de adquirir os dereitos cinematográficos sobre La Mecanique du coeur (A mecánica do corazón) e converterá a novela de Mathias Malzieu nun filme de debuxos animados en 3D. O mesmo Malzieu escribirá o guión e co-dirixirá o filme.

Ambientado en 1874, a história vai sobre un xove cuxo corazón foi sustituido cando era novo por un reloxo, polo que deberá evitar as emocións fortes, especialmente o amor. Ainda así, non poderá manter o seu corazón baixo control.

A história xa inspirou un disco do grupo de rock francés Dionysos, que foi vendido xunto coa novela en Franza o mes de outubro pasado.

Mecanique será o segundo filme de animación que se sume á conta da axenda da EuropCorp, após das dúas secuelas á franquía de Artur e mais os Invisíbeis.

Páxina seguinte »