Rob Zombie para Conan?
Corre o rumor de que Rob Zombie mantivo encontros coa Lionsgate e mais a Nu Image para dirixir o proxecto de filme de Conan o Bárbaro, pero tamén hai outros candidatos para o posto: Xavier Gens (Hitman) e Neil Marshall (The Descent).
Kirsten Dunst en rehabilitación
A protagonista de Spiderman Kirsten Dunst ven de ingresar nunha clínica de rehabilitación, a Cirque Lodge en Utah, o mesmo sítio onde Lindsay Lohan recebira tratamento, segundo informaron fontes anónimas do devandito centro.
Federico Fernández Giordano gañou o Minotauro
O xurado do V Prémio Minotauro de Ciéncia-Ficción e Literatura Fantástica formado por Fernando Delgado, Juan Eslava Galán, Laura Falcó Lara, Clara Tahoces, Pere Matesanz, Olga Rubio, Ángela Vallvey e José López Jara decidiu o pasado 8 de febreiro outorgar o galardón ao escritor uruguaio pero residente en Barcelona Federico Fernández Giordano pola súa obra El libro de Nobac.
A obra de Federico Fernández Giordano bebe de dous mestres incuestionábeis: Borges e Bioy Casares. Asimesmo é unha homenaxe, xa dende o nome dos protagonistas, aos relatos de Edgar Allan Poe. O argumento xira ao redor dun misterioso ancián que contrata os servizos de Edgar Pym, escritor de encargo cuxa vida profesional e sentimental vai á deriva, e da bela xornalista Lisa Lynch, para que deixen constáncia da história dun obxecto prodixioso: un libro no que se vai narrando a súa própia vida día tras día.
A dotación económica do Prémio Minotauro é de 18.000 euros, feito que convirte ao certame no millor dotado a nivel mundial dentro do xénerofantástico e de ciéncia-ficción. O ano pasado, a gañadora fora Clara Tahoces coa novela de vampiros Gothika.
Reparto para o thriller de Goyer
O thriller sobrenatural ainda sen título que dirixirá David Goyer xa ten reparto: Gary Oldman, Odette Yustman e Cam Gigandet están a negociar a súa incorporación a este proxecto, que a Platinum Dunes producirá para a Rogue Pictures.
O guión, escrito polo mesmo Goyer, vai sobre unha rapaza de 19 anos enmeigada por un dybbuk, o alma dunha persoa morta expulsada do ceo, na forma dun rapaz que morreu no campo de concentración nazi de Auschwitz.
Yustman interpretará á rapaza protagonista, mentres que Gigandet fará o papel do seu noivo. Oldman será o especialista en sucesos paranormais que tenta axudar á rapaza.
A rodaxe ten previsto o seu comezo o vindeiro 3 de marzo en Chicago baixo a produción de Michael Bay, Andrew Form e Brad Fuller.
Adéus a unha folga, óla a outra?
O remate da folga de guionistas de Hollywood podería afectar a moitos proxectos de xénero adiados ou retidos por mor dos atrasos provocados, entre os que se atopan Anxos e Demos, que precisa revisións no seu guión, e mais ao filme da Warner Brothers A Liga da Xustiza. Os estudos tamén terán agora que avaliar de que xeito volven a reaxustar as súas axendas para a máis ca previsíbel folga que o Sindicato de Actores planea para xuño.
A Sony reiterou esta semana que Anxos e Demos, a precuela de O Código Da Vinci, está adiada tan só por mor da folga e depende do seu remate para continuar, pero outras fontes consultadas por NOVA FANTASIA suxiren que até verán non continuaría a produción deste proxecto, e iso supoñendo que todo vaia ben. O mesmo acontece co filme da DreamWorks e a Paramount Transformers 2. Ambos teñen prevista a súa estrea para 2009: Anxos e Demos para o 15 de maio e Transformers 2 para o 26 de xuño.
A meirande parte dos filmes da Warner que tiñan prevista a súa estrea este ano están xa completos ou en post-produción; a Warner só ten unha película até agora datada para 2009, o Watchmen de Zack Snyder, previsto para se estrear o 6 de marzo.

