Máis de Robocop?

18 de Marzo de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

RobocopA MGM ven de anunciar que vai desenvolver unha nova série de filmes baseados nas franquías de Robocop e Máis alá do Límite. O anúncio fíxo-se nunha rolda de prensa na que se salientou o nomeamento de Mary Parent coma presidenta da sección internacional do estudos, un novo cargo.

A MGM está a planear un outono e un inverno cunha axenda emocionante“, dixeron á prensa o pasado día 13. “En colaboración coa Sony Pictures Entertainment, a MGM traerá novas entregas de dúas das súas principais franquías, a nova de James Bond con Quantum of Solace e outra da Pantera Rosa con Steve Martin. A MGM tamén lanzará o thriller Valkyrie, en colaboración coa United Artists, protagonizado por Tom Cruise, o vindeiro 3 de outubro. Co nomeamento de Parent, a MGM entrará nunha nova fase da evolución enfocándo-se en grandes producións coma as de James Bond, a Pantera Rosa, O Hobbit, O caso de Thomas Crown 2, Máis Alá do Límite, Robocop, O Vingador Anónimo e Fama, entre outras“.

O anúncio non puxo ningunha data nin ofreceu máis detalles sobre estes lanzamentos previstos.

Parent, a ex-vicepresidenta de produción internacional da Universal Pictures, supervisará o desenvolvemento de filmes de xénero fantástico coma Serenity.

A Paramount pon-se “heavy”

18 de Marzo de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

A capa da revistaA Paramount Pictures fará un filme de debuxos animados inspirado na revista de ciéncia-ficción dos anos 70 Heavy Metal, co director David Fincher comandando o proxecto.

Heavy Metal será unha fita na que non fallarán as escenas e mais os argumentos violentos e eróticos da revista que creou escola na América dos anos 70 dende o seu debut en 1977. A revista presentou os traballos de debuxantes e guionistas coma Robert Silverberg, Harlan Ellison ou H.R. Giger.

O filme consistirá nunha série de oito ou nove segmentos cada ún dos cales será dirixido por un realizador distinto. Fincher dirixirá ún deles; Kevin Eastman (Teenage Mutant Ninja Turtles), que agora é o propietário e editor da revista, dirixirá outro. Igualmente faráo Tim Miller, cuxos Estudos Blur serán os encargados de crear a animación para este filme, que se prevé que saia cunha calificación de para maiores de 18 anos.

Fincher, Eastman e Miller producirán a película, para a que xa se está a procurar ao resto dos directores. A revista xa fora a base dun filme en 1981 e dunha secuela en 2000.

O novo Embaixador do Xapón

18 de Marzo de 2008 por Editor  
Arquivado como Fans

DoraemonO novo Embaixador do Xapón podería ser alguén de quen se ten falado moito, ainda que el mesmo non teña orellas. O Ministro de Asuntos Exteriores anunciou o venres pasado que ía nomear a Doraemon, o popular persoaxe dos debuxos animados, como primeiro “Embaixador do anime” nun esforzo do Xapón por promover a súa indústria de animación.

Doraemon, ou máis ben unha persoa disfrazada do gato cósmico, recibirá o nomeamento oficial mañán mércores no decurso dunha cerimónia que presidirá o Ministro Masahiko Komura.

O persoaxe aparecerá dende agora en novos filmes de debuxos animados que tentarán amosar o estilo de vida e mais os costumes xaponeses.

Co nomeamento de Doraemon, agardamos que o público doutros países comprenda millor o anime xaponés e profundice o seu interese na nosa cultura“, dixo Yuko Hotta, un voceiro do Ministério de Asuntos Exteriores nipón.
Lér mais