Cíclopes, os mercenários
A Warner Brothers ven de adquirir os dereitos sobre a novela gráfica de ciéncia-ficción de Alexis Nolent Cyclopes e ten previsto desenvolve-la para que a dirixa James Mangold. Cathy Konrad producirá xunto a Alexandra Milchan.
Ambientada nun futuro próximo, a história vai sobre unhas forzas de mercenários cuxos soldados levan cámaras semellantes a ollos de cíclope nos cascos e envían en tempo real as imaxes que están a ver aos seus comandos centrais e ás salas de estar. Un mercenário elixido para liderar un escadrón de elite comeza a se decatar de que non está a loitar pola liberdade e pola xustiza senón polo comércio.
A adaptación dunha novela gráfica do artista francés Nolent é a segunda para Milchan, quen tamén produciu The Killer na Paramount para que a dirixa David Fincher.
Outra adaptación de Dune
Peter Berg foi contratado para dirixir outra nova adaptación á pantalla grande da clásica novela de ciéncia-ficción de Frank Herbert Dune, esta vez para a Paramount Pictures.
Kevin Misher, que leva un ano de negociacións para se facer cos dereitos sobre o libro, será o produtor.
A novela de Herbert de 1965 é un conto futurista sobre un remoto planeta desértico chamado Arrakis, que é o centro produtor dunha poderosa droga chamada melange, que causa a inmortalidade e facilita as viaxes interestelares. O libro, un clásico inesquecíbel para calquera fan da ciéncia-ficción, é o primeiro dunha saga e xa foi convertido en filme por David Lynch en 1984, así coma nunha minisérie para a canle de televisión SCI FI Channel en 2000 e tamén convertido en videoxogo en várias ocasións.
O Dune de Peter Berg está á procura de guionista, xa que os produtores desexan que esta sexa unha adaptación fiel ao libro, que no seu día gañou os prémios Hugo e Nebula.
Richard Rubenstein, da produtora New Amsterdam, que xa se encargou da série de TV e dunha secuela, Children of Dune, será quen fináncie este proxecto xunto con Sarah Aubrey de Film 44, o selo persoal de Berg. John Harrison e Mike Messina serán os produtores executivos.
Os Ninjas Asasinos dos Wachowski
O actor de Matrix Collin Chou revelou que será ún dos catro protagonistas principais nun novo filme de fantasía sobre ninjas dos creadores da triloxía de Matrix Larry e Andy Wachowski, que producirán pero non dirixirán. O título do filme podería ser Ninja Assassin.
“Non coido que poida falar disto, pero vou traballar cos irmáns Wachowski para o mes que ven e coido que vai ser un filme importante“, dixo Chou nunha entrevista na Convención Wizard World en Los Angeles o pasado fin de semana. “Vai ser en Berlín“. E sobre o título do filme, Chou dixo: “Non sei se xa hai un nome definitivo“. Chou fixo o papel de Seraph na triloxía de Matrix.
Chou tamén confirmou un rumor que leva moito tempo correndo e é que el fará o papel que Jet Li negou-se a facer: “Teño que dicir que estou moi agradecido a Jet Li, e agradecereillo sempre, pero iso é algo persoal“, bromeou Chou, quen tamén aparece no vindeiro filme fantástico de artes marciais de Li e Jackie Chan The Forbidden Kingdom.
Chou dixo que o filme de ninjas dos Wachowski comezará a se producir en abril o a primeiros de maio. “E esta é unha parte que se vai facer ao redor do meu persoaxe“, desvelou. “Querían que eu tivese un papel máis importante, e estiven a agardar moito tempo a que iso acontecese. Son ún dos catro persoaxes principais e é unha grande honra estar a bordo“.
O ambiguo actor coreano Rain, cuxo nome real é Jung Ji-hoon, tamén é parte do proxecto e ún dos catro persoaxes centrais. Rain, que tamén aparece no vindeiro filme dos Wachowski, Speed Racer, é o protagonista do recente filme coreano I’m a Cyborg, But That’s OK.
Ademáis dos Wachowski, tamén producirá Joel Silver, parceiro deles na triloxía de Matrix, e posíbelmente o director sexa James McTeigue, que xa se encargou doutro proxecto dos famosos irmáns, V for Vendetta.
Adéus a Arthur C. Clarke
O escritor inglés de ciéncia-ficción Sir Arthur C. Clarke, autor de 2001: Unha odisea no espazo, faleceu na súa casa de Sri Lanka aos 90 anos de idade por mor dun ataque cardiorrespiratório, segundo informou hoxe o seu secretário personal, Rohan de Silva.
Autor de máis de 80 libros e de centos de narracións curtas e artigos ao longo de sete décadas de traballo, naceu en 1917 en Somerset (Inglaterra). Durante a Segunda Guerra Mundial serviu como especialista de radares na Royal Air Force e após da contenda involucrou-se na Sociedade Interplanetária Británica.
A súa celebridade mundial débe-se sobre todo á súa novela 2001: Unha odisea no espazo, que o director de cinema Stanley Kubrick levou á pantalla grande en 1968.
Nos años corenta anunciou que o home chegaría á Lúa ao redor do ano 2000, unha predición que foi desprezada polos expertos. Cando Neil Armstrong aterrou no noso satélite en 1969, o Governo dos Estados Unidos declarou que Clarke “aportou o empurre intelectual sustancial que nos fixo chegar á Lúa“.
O pasado mes de decembro, cando celebrou a súa “nonaxésima órbita ao redor do Sol“, laiou-se perante os seus amigos de non ter visto ningunha proba de vida extra-terrestre ao longo dos seus 90 anos de existéncia. Tamén pediu tres desexos polo seu aniversário: que os extra-terrestres se manifesten, que os homes dean unha patada aos seus hábitos relacionados co petróleo e que Sri Lanka alcance a paz.

