As illas Cutlass
A New Regency ven de mercar un guión para un filme de aventuras fantástico de Tom Wheeler titulado Cutlass Islands e ten pensado poñer en marcha o proxecto con Alex Gartner da Mosaic Media e Shawn Levy da 21 Laps; o guión vai sobre un par de irmáns náufragos que descobren o segredo das illas Cutlass, unha terra perdida de espécies máxicas e mitolóxicas.
Dougherty dirixindo Robots
O co-guionista de Superman Returns Michael Dougherty ven de se asociar coa Walt Disney Pictures e coa produtora de Robert Zemeckis, a ImageMovers, en Calling All Robots, unha aventura de ciéncia-ficción en debuxos animados que o guionista planea dirixir. Dougherty usará o mesmo sistema de captura de imaxes que xa puidemos admirar no filme de Robert Zemeckis Beowulf.
Dougherty escribirá o guión xunto con Breehn Burns e Simeon Wilkins, quen ademáis traballarán coma artistas e deseñadores de escenários no proxecto. O trío concebiu a ideia xuntos.
Os detalles do proxecto ainda fican en segredo, pero a história seica será coma unha volta aos vellos filmes de Godzilla, segundo revelou Dougherty. A compañía de Zemeckis, a ImageMovers, ademáis de Jack Rapke e Steve Starkey, serán os produtores.
Dougherty recentemente dirixiu Trick ‘r Treat, un filme de terror ambientado na noite de Halloween que a Warner Brothers e mais a Legendary Pictures ían lanzar o pasado mes de outubro, pero que adiaron a este ano para evitar que fose confundido co típico filme de asasinos sanguentos que adoitan encher as carteleiras durante esas datas.
Maguire producirá “Afterburn”
O protagonista da triloxía de Spiderman, Tobey Maguire, vai producir Afterburn, un filme de ciéncia-ficción baseado no cómic da Red 4 de Paul Ens e Scott Chitwood. A produtora de Neal Moritz, a Original Films, será a que finance o proxecto.
A Relativity (a compañía de Maguire) está en conversas para entrar neste proxecto post-apocalíptico, cuxa história comeza un ano despóis de que unha laparada solar destruira a metade da Terra. Os cazatesouros tentarán regresar á metade queimada do planeta para recuperar todo o que ainda se poida recoller polo lugar abrasado.
A compañía de Maguire tamén ten en mente producir unha adaptación da saga de anime xaponés Robotech para a Warner Brothers, xunto á Suckerpunch de Tóquio para a Sony.
Ian McKellen de novo no pel de Gandalf
Ainda que estaba cantado que O Hobbit contaría con Ian McKellen meténdo-se de novo na pel de Gandalf, ainda non estaba confirmado con seguranza. Agora, o mesmo actor inglés ven de acougar aos milleiros de fans que non podían ver a este persoaxe interpretado por outro e será el quen faga o papel do meigo baixo a produción de Peter Jackson, quen seica foi a clave para que McKellen aceptara o papel.
Nombergantes, ainda non se remataron de ultimar detalles da produción tan importantes coma a dirección, ainda que, como xa saben os fans de NOVA FANTASIA, soa forte o nome de Guillermo del Toro, que podería ser unha acertada elección. Tamén hai que engadir a dificultade engadida coa difícil situación da New Line, a produtora da saga, que vai desaparecer, ainda que será absorbida pola Warner Bros.
“Si, fareino, se Peter Jackson e eu temos que ver co filme, el na produción, e eu, por suposto, coma afortunado actor“, escribiu McKellen o pasado 26 de marzo. As palabras de Sir Ian McKellen na sua Web fan manter a esperanza aos amantes da saga de Tolkien na pantalla grande. Seica Jackson está decidido a encamiñar a O Hobbit a bó porto, e podería comezar a se rodar en 2009, xa que McKellen afirmou que está a deixar a súa axenda “libre para ese ano“.
King e Fillo
Os escritores supervendas Stephen King e mais o seu fillo Joe Hill colaborarán xuntos nun relato longo que levará por título Throttle e que aparecerá nunha próxima anoloxía que servirá para honrar ao autor de Eu son Lenda, Richard Matheson. Esta será a primeira colaboración entre o pai e mais o fillo.
A antoloxía, que levará o título de El é Lenda, é un tributo persoal a Matheson e tamén contará coa súa colaboración. A escolma incorporará novos relatos ambientados en mundos creados nas novelas de Matheson.
A colaboración King/Hill, Throttle, estará ambientada no mesmo mundo do relato de Matheson Duel, que xa foi adaptado nun telefilme por Steven Spielberg.
Outros famosos que tamén prestarán a súa pluma para esta antoloxía serán o mesmo fillo de Matheson, Richard Christian Matheson, así coma F. Paul Wilson, Joe Lansdale, Whitley Strieber, William F. Nolan, Gary Braunbeck, Thomas Monteleone, John Shirley e Ed Gorman. Ademáis contará cunha iontrodución de Ramsey Campbell.
El é Lenda tamén incluirá material orixinal de Matheson, concretamente un guión para o filme Conjure Wife (baseado na novela de Fritz Leiber), que escribiu en colaboración co recentemente finado Charles Beaumont. O filme foi distribuido co título de Night of the Eagle (e tamén co de Burn, Witch, Burn!).
A antoloxía aparecerá en febreiro de 2009, cunha edición de luxo de 750 exemplares asinados por todos os escritores que contribúen nela (agás Matheson), e outra edición de 52 exemplares que tamén asinará o mesmo Matheson.
Jackman tamén nos cómics
Hugh Jackman e mais o co-creador de Eli Stone Marc Guggenheim van-se axuntar coa Virgin Comics para crear Nowhere Man, un novo cómic de ciéncia-ficción que será deseñado como paso prévio para facer unha película que protagonizará o mesmo Jackman.
O argumento ainda mantén-se en segredo, pero o parceiro de Jackman na Seed Productions, John Palermo, dixo que será algo semellante ao persoaxe que fixo Will Smith en Eu son Lenda. O concepto é un mundo futuro onde a humanidade trocou a privacidade pola seguridade.
Guggenheim é un guionista recoñecido polos fans por ter escrito tamén algunhas entregas de Amazing Spider-Man e Lobeto para a Marvel Comics. Jackman atópase arestora en Austrália, protagonizando o filme da 20th Century Fox X-Men Origins: Wolverine, a secuela da saga dos Homes X que verá a luz nos cinemas en maio de 2009.
Nowhere Man será publicado pola liña editorial da Virgin Voices, unha editora que xa fixo Voodoo Child, a série cuxos dereitos mercou Nicolas Cage xunto con seu fillo Weston.

