Thierot sustitúe a Hopper
O protagonista de Jumper, Max Thierot, sustituirá a Henry Lee Hopper coma actor principal no vindeiro thriller de Wes Craven 25/8 para a Rogue Pictures.
Non houbo diferenzas creativas entre Craven e o fillo de Dennis Hopper, que ía facer o seu debut no cinema no papel dun dos sete rapaces enmeigados por un asasino que seica morreu cando eles naceron. O rapaz, de 17 anos, contraiu unha enfermidade común aos adolescentes, a mononucleose, o que lle impedirá participar nesta rodaxe.
Os tamén debutantes Nick Lashaway, John Magaro e Paulina Olszynski uníron-se ao reparto, mentres que Raul Esparza está en conversas para interpretar ao asasino en série.
A Warner merca The Rapture
A Warner Brothers ven de mercar os dereitos sobre The Rapture, unha novela de ciéncia-ficción que ainda non foi publicada, da escritora inglesa Liz Jensen.
O libro, que aparecerá nos Estados Unidos da man da editorial Random House, vai sobre unha rapaza que ten o poder de predicir os desastres naturais. A rapaza alía-se cun psicólogo e un médico para deter o proxecto dunha empresa que pretende facer unhas prospeccións na costa de Florida que poderían ocasionar un terremoto apocalíptico.
O novo da Urco Editora
A Urco Editora ven de anuncir que nos próximos días procederán ao envío dos novos títulos da súa colección, que están a piques de saír do prelo. Continuando co formato estándar (210×133mm) da colección Urco Gótica aparecerá Relatos de Terror Sobrenatural, de Robert E. Howard, unha escolma de catro contos do creador de Conan o Cimmerio, adicados aos horrores lovecraftianos. O minilibro deste mes tamén vai encadrado na colección Gótica, e será O signo amarelo de Robert W. Chambers, un conto pertencente á colección The king in yellow, do mesmo autor.
Asimesmo e en breve, continuando coa súa aposta pola cultura libre, porán ao dispor de todo o mundo os seus libros na rede. Nun princípio estarán en formato txt ou html. É posíbel que no futuro colguen os arquivos pdf maquetados cun sistema de micropagos, deixando sempre de balde as versións txt ou html.
Para os que desexen ter algún dos seus libros en formato electrónico, incluído o pdf maquetado, deberán pedi-lo, pero sempre que non sexa para fins comerciais, tal como estipula a licenza Creative Commons coa que se publican os mesmos.
Spielberg en Ghost in the Shell
A produtora de Steven Spielberg, a DreamWorks, ven de adquirir os dereitos sobre o manga xaponés Ghost in the Shell e planea converter este thriller co seu mundo futurista nun filme en 3D con acción real.
A história, todo un clásico para os afeccionados ao manga e ao anime, vai sobre un membro dunha unidade de elite policial xaponesa especializada en perseguir os crimes que teñen relación coa alta tecnoloxía.
Creado por Masamune Shirow, Ghost in the Shell foi publicado por primeira vez en 1989. Pasou por dúas edicións en formato manga, tres películas de animación (anime), unha série de televisión e tres videoxogos. O segundo filme, Ghost in the Shell 2: Innocence, non chegou aos Estados Unidos até 2004, e foi precisamente da man da Dreamworks.
Ari Arad e Steven Paul da Seaside Entertainment serán os encargados da produción e de mercar o proxecto para os estudos. Jamie Moss foi contratada para escribir a adaptación.
Lexión de Cinco
A compañía canadiana de debuxos animados Rainmaker Entertainment vai-se asociar coa empresa de Stan Lee, a POW! Entertainment Inc. e coa Brighton Partners para lanzar a última creación de superheroes de Lee, Legion of 5, coma série de debuxos animados.
As películas terán o apóio de cómics que aparecerán en formato papel e electrónico, videoxogos e merchandising diverso para os teléfones móbiles.
Os detalles sobre Legion of 5 mantéñen-se en segredo. O co-creador de Spiderman recibirá o prémio inaugural New York Comics Legend na New York Comic Con esta fin de semana.
A guerra dos zombis
O compositor Joel Goldsmith ven de rematar a banda sonora de Stone’s War, un filme de guerras con zombis do realizador finés Marko Makilaakso sobre un inimigo que seica se ergue de entre os mortos.
Stone’s War, dirixida e escrita por Makilaakso, céntra-se nun pelotón de soldados americanos e finlandeses que están a matar aos mesmos nazis.
“É un grande filme de terror cunha aproximación moi distinta e uns xiros emocionantes, eu inspirei-me escoitando algunha vella música da Segunda Guerra Mundial“, dixo Goldsmith.
Para compoñer a música para o filme, Goldsmith dixo que estudou o videoxogo Call of Duty 3, así coma as bandas sonoras de filmes de seu famoso pai, Jerry Goldsmith (A Profecía, O Planeta dos Simios, Star Trek: The Motion Picture), que finou en 2004.
O cativo Goldsmith compuxo a música de Stargate: The Ark of Truth e da vindeira Stargate: Continuum, que se estreará este verán.

