Morreu Hazel Court
O pasado día 14 morreu Hazel Court (1926 – 2008), unha das actrices máis queridas da época clásica do cinema de terror.
Nacida en Sutton Coldfield, Birmingham, Inglaterra, non fixo a súa primeira aparición nun filme de xénero fantástico até 1952, con O Barco Pantasma (Ghost Ship). Tamén apareceu en filmes “camp” coma Devil Girl from Mars e Doctor Blood’s Coffin.
Ainda que desexaba aparecer en comédias, continuou sendo unha das raíñas do cinema de terror. En 1957 participou en The Curse of Frankenstein, onde se gañou o estatus de “serea de culto”, se cadra por mor da exhibición xenerosa dos seus escotes. Viaxando entre Inglaterra e Hollywood, apareceu en catro episódios da série de TV de Alfred Hitchcock e tivo aparicións en A Woman of Mystery (1958) e The Man Who Could Cheat Death (1959).
A princípios dos anos 60 mudou-se definitivamente aos Estados Unidos, onde protagonizou filmes de terror baseados en obras de Edgar Allan Poe dirixidas por Roger Corman coma The Premature Burial (1962), The Raven (1963) e The Masque of the Red Death (1964), xunto con Vincent Price.
Retirada do cinema para se adicar ao seu fogar (casara en 1964 co actor Don Taylor) non volveu aparecer nas pantallas até unha breve intervención na terceira parte de A Profecía (1981).
Court morreu por mor dun ataque ao corazón na súa casa preto do lago Tahoe, en Califórnia o pasado día 15 de abril aos 82 anos.
Alex de la Iglesia en A Marca Amarela
Após de coñecermos as novas sobre a súa nova série de televisión, ven de se saber que o director español Álex de la Iglesia levará ao cinema ún dos millores cómics de todos os tempos: A marca amarela, o álbum que, protagonizado por Blake & Mortimer, aupou a Edgard P. Jacobs, o seu autor, ao máis alto da Novena Arte.
O mesmo de la Iglesia ven de confirmar a nova no fóro da súa páxina oficial. O proxecto está ainda nun estado embrionário pero todo indica que a película rodará-se en inglés, será protagonizada por Kenneth Branagh (sen dúbida o actor máis indicado para o papel) e será escrita por de la Iglesia coa colaboración do seu guionista habitual, Jorge Guerricaechevarria.
En 1997 xa se produciu unha série de debuxos animados (Blake e Mortimer) cos protagonistas da saga. A marca amarela, así coma os trece álbumes que forman a série de Blake & Mortimer, están editados en español por Norma Editorial e en portugués pola Meribérica e coma é habitual non existe ningún proxecto para traduci-los á nosa língua.
Guillermo del Toro dirixirá O Hobbit
Xa é oficial: Guillermo del Toro dirixirá as dúas películas baseadas en O Hobbit, o clásico de J.R.R. Tolkien, coma precedentes da saga d’O Señor dos Aneis, que dirixiu Peter Jackson (nesta ocasión produtor executivo). O cineasta mexicano, que gañou tres prémios Oscar con O laberinto de Pan, rodará as películas en Nova Celándia.
Os estudos New Line Cinema e Metro-Goldwiyn-Mayer veñen de anunciar que a rodaxe escomezará en 2009 e que a primeira entrega podería estrearse en 2010 e, un ano despois, a segunda parte. Ainda que se estrearán por separado, rodarán-se xuntas, coma xa aconteceu coa triloxía do Señor dos Aneis.
O tamén director de Cronos, O espiñazo do diaño e das dúas partes de Hellboy (a segunda parte estreará.-se en agosto) participará asemade na produción do filme. Durante os vindeiros dous anos deberá residir en Nova Celándia para poder traballar con Jackson na rodaxe do filme. O mesmo del Toro supervisará xunto a Jackson, Fran Walsh e Philippa Boyens a escritura dun guión cuxo punto máis quente será decidir en que parte da historia de O Hobbit meten a tesoura para poder dividir o libro en dúas películas.
Polo de agora non hai data fixada para o comezo da rodaxe nin se sabe moito do reparto, agás que Sir Ian McKellen repetirá coma o meigo Gandalf. Ainda está por decidir se outros actores da triloxía, cuxos persoaxes tamén aparecen en O Hobbit, retoman os seus papeis.
O Hobbit, que Tolkien escribiu para os seus fillos en 1937, desenvólve-se uns 60 anos antes cá triloxía de O Señor dos Aneis e relata a viaxe que emprende unha tropa de ananos, á que acompañan o hobbit Bilbo Bulseiro, tío de Frodo, e máis o meigo Gandalf.
Todos eles viaxan rumo á Montaña Senlleira na procura do tesouro do dragón Smaug nunha aventura que será a orixe da célebre triloxía, xa que é nesta viaxe cando Bilbo consigue roubar-lle o anel único a Gollum.
Spielberg, Lucas e Ford apostan por Indy
Steven Spielberg, George Lucas e Harrison Ford decidiron, nunha ousada aposta, renunciar a todas as suas gañáncias pola cuarta entrega de Indiana Jones se a billeteira non supera os 400 millóns de dólares.
Deste xeito, os ingresos iniciais pola venda de entradas para ver Indiana Jones e o reino da caveira de cristal irán parar exclusivamente ás arcas da Paramount Pictures.
Nesta época pouco propícia para a indústria de Hollywood, o elevado custe do filme, uns 335 millóns de dólares, levou aos artífices do filme a acordar pospoñer os seus ingresos, normalmente unha porcentaxe da billeteira, até que a Paramount recupere o seu investimento no proxecto.
As grandes produtoras son cada vez máis prudentes á hora de se involucraren en longametraxes multimillonárias ante as nubes negras que se prevén sobre Hollywood, onde todos temen unha crise en breve. Cada vez é máis caro facer unha película e nin as billeteiras nin os DVD garanten aos estudios amortizar o investimento, polo que os amos da indústria procuran cubrir-se as costas, especialmente despois dunha folga de guionistas e un posible paro dos actores.
A Paramount aportou 185 millóns de dólares para a realización da cuarta entrega de Indiana Jones e alomenos 150 millóns de dólares para a sua promoción en todo o mundo. A estas cantidades sumará-se o 2,5 por ciento dos ingresos que se obteñan da distribución da película, ainda que Spielberg, Lucas e Ford non verán un centavo até que as nuevas aventuras do arqueólogo máis famoso do cinema reporten aos estudos alomenos 400 millóns de dólares.
Lér mais
Resucita a Fúria
Os estudos Fox 2000 veñen de contratar a Brian McGreevy e mais a Lee Shipman para que escriban un remake do thriller sobrenatural de 1978 de Brian De Palma A Fúria.
A nova versión centrará-se nun rapaz con extraordinários poderes telequinéticos que é secuestrado polo governo, que coma adoita ser habitual nestes casos, quere aproveitar-se dos seus poderes especiais con fins pouco éticos.
O orixinal, protagonizado por Kirk Douglas e John Cassavetes e distribuido pola 20th Century Fox, estaba baseado nunha novela homónima de 1976 que escribiu John Farris, quen ademáis se encargou do guión.
Os recén chegados McGreevy e Shipman non son descoñecidos totalmente, xa que formaron a equipa que escribiu Every Wickedness, un guión sobre o primeiro asasino en série coñecido da história dos Estados Unidos, e que ainda que non chegou a se rodar, resultou ser un bombazo na indústria do cinema e atraiu moita atención sobre o dúo.
O que prepara Orson Scott Card
Un deses proxectos cuxas novas van e veñen coma a marea é o da adaptación dunha das millores novelas de ciéncia-ficción de todos os tempos, O xogo de Ender, de Orson Scott Card. Polo de agora sabemos que o director asignado ao proxecto era Wolfgang Peterson, pero ven de se quedar fóra, por mor das habituais diferencias creativas, xa que seica o escritor da novela orixinal ten moito que dicir nesta produción.
Orson Scott Card ven de rematar ademáis un primeiro esbozo do guión e seica está a traballar para millora-lo no posíbel. Segundo novas procedentes da produtora Lynn Hendee, a película terá unha grande parte de pre-produción por mor dos efectos especiais. Estes efectos visuais levarén-nos dende as batallas en gravidade cero da escola até batallas espaciais.
Por outra banda, Orson Scott Card anunciou no decurso dunha charla con afeccionados várias novas en relación a futuros proxectos: por unha banda dixo que a Marvel vai publicar cómics baseados nas súas novelas O xogo de Ender e A sombra de Ender, utilizando a mesma técnica ca nos libros, contar os mesmos feitos dende dous puntos de vista.
Asimesmo anunciou que a nova novela da série, Ender´s Exile, publicará-se este outono, e que tardou más do habitual en remata-la porque “sempre tento superar ao orixinal“.

