Clooney e as cabras
George Clooney protagonizará Men Who Stare at Goats, unha adaptación do libro homónimo do xornalista inglés Jon Ronson, sobre o Primeiro Batallón Terrestre do Exército dos Estados Unidos, unha unidade que foi creada para utilizar poderes paranormais. O título (que en galego sinifica “Os homes que fitan ás cabras”) refíre-se ao concepto de que unha persoa podería matar unha cabra só fitando para ela.
O parceiro de Clooney na produtora Smoke House, Grant Heslov, dirixirá o filme, que conta cun guión de Peter Straughan (o de How to Lose Friends e Alienate People).
O proxecto leva rodando polos despachos de diversas produtoras dende hai tempo, pero os compradores internacionais recibiron o guión esta mesma semana, cando se abriu o mercado no comezo do Festival de Cinema de Cannes.
Plutón BRB Nero
Álex de la Iglesia rodeará-se de guionistas de Camera café para a sua nova série, o sitcom de ciéncia-ficción que prepara para La 2 de TVE Plutón BRB Nero (siglas de Plutón Biotechnological Research Badajoz, propiedade de Nero), cuxa rodaxe comena o vindeiro 16 de xuño. Tamén van-se coñecendo nomes que participarán na comédia, coma Manuel Tafallé.
O novo da Fox
A Fox ven de lle dar a luz verde a unha nova série de TV creada por J.J. Abrams; tráta-se dun drama de ciéncia-ficción titulado Fringe e que será estreado en outono. Ademáis, agárda-se a estrea para o ano que ven de Dollhouse, unha série orixinal de Joss Whedon e que constará de sete episódios.
O morcego do inferno
O veterán director Joe Dante será o encargado de realizar o filme de terror independente Bat Out of Hell (nada que ver co famoso tema de Meat Loaf) para a Parallel Zide e a VooDoo Prods. A rodaxe escomezará a finais deste ano.
Bat Out of Hell, cun guión de Drew McWeeny e Scott Swan, céntra-se nun vóo nocturno dende Los Angeles até New York durante o cal uns secuestradores deberán enfrontar-se a un monstro que non estaba convidado.
Entre as anteriores producións de Dante están Piranha, os dous filmes dos Gremlins, Small Soldiers e máis a série de televisión Masters of Horror. McWeeny, tamén coñecido polo seu alcume de Moriarty, traballou asemade en Masters of Horror, pasou os últimos 12 anos coma crítico de cinema no sítio Web Ain’t It Cool News e fixo xunto a Swan Dread, Mortal Kombat: Devastation e un remake de Race With the Devil.
Zide, produtor de American Pie e Final Destination, asociará-se con Parallel Media e aproveitarán para asinar un contrato que os comprometerá para facer oito filmes, aportando 70 millóns de dólares no proxecto.
Pesadelos á pantalla grande
A Columbia Pictures ven de adquirir os dereitos á editorial Scholastic Media para converter a saga de novelas de terror para nenos de R.L. Stine Goosebumps nunha longametraxe por primeira vez. Os libros da série de Goosebumps (traducidos en España coma Pesadillas) xa venderon máis de 300 millóns de cópias, un récord que só foi superado pola saga de Harry Potter.
Deborah Forte, da Scholastic, será a produtora xunto a Neal Moritz a través do seu selo Original Film, unha filial da Sony. Ambas empresas miran para esta saga coma unha posíbel nova franquía da que poden quitar moitos filmes.
Os estudos están a apurar-se e agora están á procura dun guionista. Moritz dixo que posíbelmente fagan un cásting con nenos para escoller actores descoñecidos, e logo xuntalos con actores máis famosos, xustiño coma fixera a Warner coa franquía de Harry Potter.
Publicados por primeira vez en 1992, a saga orixinal de Goosebumps comprende 62 libros traducidos xa a 32 línguas. Agárda-se que a editorial comece a publicar 12 novos tomos con persoaxes xa coñecidos da saga, coma Slappy, a Máscara Enmeigada ou a Mómia. En outono, aparecerá un videoxogo baseado na franquía, publicado pola Scholastic Interactive.
Baseado nesta série de libros, produciu-se unha série de televisión. En España emitiu-se por Antena 3, durante os veráns de 1997 a 1999, dentro do programa infantil Megatrix.
Witchblade, tamén ao cinema
Platinum Studios, Top Cow Productions e Arclight Films unirán as súas forzas para adaptar á pantalla grande e con acción real a Witchblade, o popular cómic da Top Cow centrado nunha luba cunha alfaia engastada no seu centro e que dá poderes sobrenaturais a quen a leve posta, que deberá ser unha muller escollida dentro de cada xeración.
Esta franquía dos cómics xa vendeu máis de 100 millóns de cópias en todo o mundo dende que debutou en 1995. En 2000 produciu-se un telefilme que logo se converteu nunha série emitida durante dúas tempadas e que protagonizou Yancy Butler na canle TNT.
Witchblade foi editada en máis de 21 línguas e en 55 países. A adaptación máis recente foi a súa conversión en anime da man da Gonzo Digimation en 2006 na televisión xaponesa.
As tres compañías produtoras xa están á procura de escenários para a rodaxe en Austrália.

