Harry Potter repite primeira parte
Co gallo do décimo aniversário da publicación da primeira novela da saga de J.K. Rowling, Harry Potter e a pedra filosofal, a editorial dos libros do pequeno meigo nos Estados Unidos, a Scholastic, sacará á venda a partir de setembro unha edición especial da sua primeira aventura en Hogwarts.
Segundo informa a própria editorial, o novo libro incluirá novo material escrito pola autora J.K. Rowling ademáis dunha nova ilustración para a portada de Mary Grandpré.
“É marabilloso para min ter de novo a oportunidade de debuxar outra vez a Harry para os fans“, dixo Grandpré. “Agora amosará-se outro lado de Harry… o máis vulnerábel“, engadiu ao se referir ao seu traballo que representa ao cativo Harry ollando para o espello de Oxesed.
O libro sairá á venda o 23 de setembro a un prezo de 30 dólares (19 euros).
O burato de Dante
O director Joe Dante regresará ao xénero de terror con The Hole, unha longametraxe sobre dous irmáns que se mudan a unha casa nova e descobren un misterioso burato no soto que semella non ter fondo.
The Hole, que está agora en preprodución, conta cun guión de Mark L. Smith (Vacancy). Será unha coprodución entre a Bold Films e mais a BenderSpink.
Dante está tamén traballando en Bat Out of Hell, un filme sobre un monstro nun vóo secuestrado. Os seus títulos anteriores inclúen filmes de xénero tan ben coñecidos coma Piranha, The Howling e Gremlins.
A longametraxe de Ubik
A Celluloid Dreams ven de se facer cos dereitos para converter a novela de 1969 de Philip K. Dick Ubik en filme para a pantalla grande.
Ubik é unha novela moi filosófica, un pesadelo sobre a morte e a salvación, anunciada coma unha das cen millores novelas en inglés de todos os tempos pola revista Time.
O filme será producido por Hengameh Panahi da Celluloid Dreams e por Isa Dick Hackett, a filla do escritor, que pertence á Electric Shepherd Productions. Agárda-se que a produción escomece para primeiros de 2009.
As obras de Dick xa foran convertidas anteriormente en memorábeis adaptacións ao cinema, coma no caso de Blade Runner, Desafío Total, Minority Report e A Scanner Darkly.
Transformers 2 en marcha
O co-guionista de Transformers, Roberto Orci, ven de facer unha série de impactantes declaracións sobre a posíbel secuela do filme, que seica vai profundizar nos persoaxes e adicará máis tempo aos argumentos da série de debuxos animados que se emitiu pola tele.
A voda de Takei
O membro da série orixinal de Star Trek George Takei (Sulu), de 71 anos, confirmou que planea casar co seu noivo de toda a vida, Brad Altman, de 54, agora que o Tribunal Supremo de Califórnia ven de rexeitar a prohibición dos matrimónios gais. Takei dixo que el e mais Altman levan 21 anos xuntos.
O Eternauta ao cinema
A directora arxentina Lucrecia Martel ven de anunciar que unha vez rematada a promoción do seu último filme no Festival de Cannes, porá-se a traballar no guión dun novo proxecto que levará por título O Eternauta, a adaptación do famoso cómic de ciéncia-ficción creado polo guionista Héctor Germán Oesterheld e mais o debuxante Francisco Solano López e que foi publicada inicialmente en Hora Cero semanal dende 1957 a 1959. Tivo grande cantidade de secuelas e reedicións, e tanto a história orixinal coma a maior parte das devanditas secuelas foron obxecto de frecuente análise e controvérsia.
Durante moito tempo considerou-se a posibilidade de realizar un filme sobre o Eternauta, barallándo-se como posíbeis directores interesados a Adolfo Aristaráin, Fernando Solanas ou Gustavo Mosquera. En setembro do ano pasado estreára-se en Buenos Aires Zona Liberada, unha obra inspirada no Eternauta coma alegoría en homenaxe a Oesterheld.
O filme estará producido entre outras pola arxentina K&S Films e El Deseo de España, a produtora de Pedro Almodóvar.
A história orixinal do Eternauta comeza cun guionista de cómics, o mesmo Oesterheld, que nun exercício de metaficción utilíza-se a si mesmo como persoaxe. A súa participación consiste en escoitar a história que lle é relatada por Juan Salvo, o “Eternauta”, un home que se materializou de súpeto na súa casa. A narración vai sobre unha misteriosa nevada fosforescente que cae sobre Buenos Aires, e que é mortal ao contacto coa pel. Axiña descubren que a nevada é produto dunha invasión extra-terrestre, e uns soldados sobrevivintes comezan a recrutar a toda a xente que atopan para lles faceren fronte.

