Gyllenhaal marcha a Pérsia

22 de Maio de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema, Videoxogos

Jake GyllenhaalJake Gyllenhaal e Gemma Arterton serán os protagonistas de Prince of Persia: The Sands of Time, a adaptación ao cinema da Disney e da Jerry Bruckheimer Films do popular videoxogo da Ubisoft. Polo de agora só se sabía que Mike Newell ía ser o director.

Nesta aventura fantástica, Gyllenhaal interpretará a Dastan, un xove príncipe na Pérsia do século VI, que deberá unir as súas forzas coa bela Tamina (Arterton), unha loitadora e exótica princesa, para evitar que un malvado nobre se apodere das Areas do Tempo, un regalo dos deuses que pode reverter o tempo e permitir ao seu posuidor governar o mundo.

Jordan Mechner e Boaz Yakin escribiron o guión, baseándose nos videoxogos creados polo mesmo Jordan Mechner. A produción debería escomezar no mes de xullo e a rodaxe será en Marrocos e en Inglaterra.

A Arterton poderemos ve-la axiña no novo filme de James Bond, Quantum of Solace.

Os Inmortais reviven

22 de Maio de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema

Os InmortaisA Summit Entertainment está pensando facer un filme de rexurdimento da clásica franquía de ciéncia-ficción dos anos 80 Os Inmortais, cos co-guionistas de Iron Man Art Marcum e Matt Holloway a bordo para escribir o libreto.

O filme orixinal Os Inmortais (Highlander) estivo protagonizado por Christopher Lambert, Sean Connery e Clancy Brown nos papeis de persoas inmortais que debían loitar a través do tempo entre os seres humanos, cazándo-se mutuamente e asemade recolleitando máis e máis poder con cada vitória. O filme fixo nacer várias secuelas, séries de televisión, videoxogos, libros e moito merchandising.

Summit adquiriu os dereitos para facer un remake á Davis/Panzer Productions. Peter Davis, ún dos produtores orixinais do filme de 1986, podería producir tamén esta nova película.

O rexurdimento de Flash Gordon?

22 de Maio de 2008 por Editor  
Arquivado como Cinema, Cómic

Flash GordonA Columbia podería desenvolver unha longametraxe coa actualización e posta ao día de Flash Gordon e xa entrou en conversas para adquirir os dereitos cinematográficos, con Breck Eisner vencellado para dirixir e Neal Moritz na produción. Eisner tamén sería o produtor executivo.

Flash Gordon naceu coma unha tira diária de cómic nos xornais americanos dos anos 30, co debuxo de Alex Raymond, foi adaptado a seriais radiofónicos e en 1980 se fixo unha película que protagonizou Sam Jones. A adaptacióin máis recente foi unha minisérie para a televisión que emitiu a canle SCI FI Channel e que protagonizou Eric Johnson.

Christian Bale Tri-Terminator

22 de Maio de 2008 por Editor  
Arquivado como Breves

Christian Bale interpretará ao líder rebelde de Terminator en tres novas secuelas. O actor galés, ao que axiña poderemos ver na vindeira de Batman, The Dark Knight, xa comezou a rodar a primeira dos devanditos filmes.