Outro xoguete á pantalla grande
29 de Maio de 2008 por Editor
Arquivado como Videoxogos
A produtora Platinum Dunes propriedade de Michael Bay ven de mercar os dereitos sobre a Ouija, o popular xogo de mesa da compañía xogueteira Hasbro para converte-la nun filme. O proxecto será realizado pola Universal, empresa coa que a Hasbro asinara unha asociación para seis anos.
Michael Bay, Andrew Form e Brad Fuller producirán a longametraxe xunto coa Hasbro.
Ainda que o argumento para esta história ainda fica no segredo, o filme será unha aventura sobrenatural co famoso taboleiro da Ouija xogando un papel central nos acontecementos.
Ainda que os taboleiros de adiviñación ou de contacto cos mortos levan séculos dando voltas polo mundo, non foi até finais da década de 1800 cando comezaron a se vender coma xoguetes para nenos. A Ouija, un taboleiro cun abecedário impreso, foi patentada en 1890. No xogo, deben colocar-se os dedos dos participantes sobre unha pequena plancha que é supostamente movida polas forzas espectrais que enviarían asemade mensaxes dende o reino dos mortos.
A compañía Hasbro fíxo-se cos dereitos sobre o xogo e comezou a vende-lo en 1966 baixo o seu selo de xoguetes Parker, convertíndo-se axiña nun xoguete moi popular en todo o mundo e vendendo millóns de caixas.
O parceiro da Platinum Dunes David Berenbaum escribiu Elf e traballou nas Crónicas de Spiderwick, Zoom e The Haunted Mansion.
Finou o autor da música de Star Trek
Alexander (Sandy) Courage, o compositor de cinema e televisión nominado ao Oscar coñecido sobre todo polo tema orixinal da série Star Trek, finou o pasado 15 de maio en Pacific Palisades, Califórnia, aos 88 anos de idade e após de sufrir unha longa enfermidade que o tiña maltreito dende 2005.
A fanfárria da série orixinal de Star Trek para a nave espacial U.S.S. Enterprise, composta en 1965 para o primeiro dos dous episódios piloto escoitou-se ao longo das tres primeiras tempadas da série, pero repetiu-se posteriormente nas séries dos anos 80 e 90 Star Trek: A nova xeración e nos filmes para a pantalla grande, supoñendo un dos máis salientábeis sinais de identidade de toda a saga.
Courage gañou un prémio Emmy en 1988 polos seus arranxos do especial da ABC Julie Andrews: The Sound of Christmas e recebiu nominacións ao Oscar (compartidas con Lionel Newman) pola súa adaptación da banda sonora de Na procura do amor en 1963 e Doctor Dolittle en 1967.
Nado en Philadelphia e criado en New Jersey, Courage licenciou-se pola Eastman School of Music en Rochester (New York) en 1941, e logo mudou-se a Califórnia.
Courage compuxo dúcias de temas para filmes e séries de televisión, incluindo entre as fantásticas Viaxe ao Fondo do Mar, Perdidos no Espazo e Terra de Xigantes. Pero foi a música de Star Trek a que lel deu sona e glória. Ademáis da fanfárria inicial, o tema da série e as bandas sonoras dos dous episódios piloto, Courage compuxo a música doutros catro episódios.
Unha precuela de Harry Potter
O segredo do que aconteceu antes de que o neno meigo Harry Potter fora á escola de Hogwarts sairá á luz o vindeiro mes, nunha inusual poxa con fins benéficos.
A escritora J.K. Rowling ven de redactar un esbozo de 800 palabras sobre o que aconteceu antes da saga de sete libros que a converteu en multimillonária, un texto que se poxará o 10 de xuño na libraría Waterstones.
O relato, que remata coa frase “Da história prévia na que non estou traballando — pero foi divertido!“, é unha das 13 pezas creadas por famosos autores, coma o novo escritor de James Bond, Sebastian Faulks, e a prémio Nobel Doris Lessing, que se poxarán no tradicional remate.
“Cal é a túa história? pon-se cada vez máis emocionante, todos estes brillantes traballos de incríbeis escritores e ilustradores, cadaún unha pequena obra de arte“, dixo Gerry Johnson, director da Waterstone. “Nunca soñamos con que J.K. Rowling podería doar algo tan prezado, e estamos incríbelmente agradecidos“, engadiu.
Os cartos recadados doarán-se a institucións benéficas coma English PEN e Dyslexia Action.
Outros autores que doaron os seus traballos son Lisa Appignanesi, Margaret Atwood, Lauren Child, Richard Ford, Neil Gaiman, Nick Hornby, Michael Rosen, Axel Scheffler, Tom Stoppard e Irvine Welsh.

