Terror en Castrelos
O Museu Quiñones de León de Vigo lanza unha actividade terrorífica para os vindeiros meses: as Noites Negras de Castrelos. Tráta-se dun espectáculo teatral inteactivo co que o público (en grupos de 25 persoas) fará un percorrido polo interior do edifício para coñecer a história do pazo dende o século XVII até a doazón ao povo nos anos 20.
A sorpresa, o incertidume e o sobresalto guiarán aos maiores de 18 anos (ou maiores de 14 acompañados dun adulto) polo interior e mais os exteriores do actual museu durante 90 minutos. Persoaxes coma a Santa Compaña, María Soliño ou o Marqués de Castrelos contarán unha história chea de adiviñas, deturpacións e sospeitas.
As visitas serán o 13 de xuño, o 11 de xullo, o 12 de setembro e mais o 3 de outubro. As entradas poderán comprar-se a partir do 10 de xuño no mesmo museu e costarán teres euros.
Orson Scott Card aldraxa a J.K. Rowling
O escritor Orson Scott Card, autor de obras mestras coma O Xogo de Ender, despachou-se a gosto na sua coluna semanal sobre a actitude da súa parceira de profisión J.K. Rowling. A autora da saga de Harry Potter logrou deter este ano a publicación de Lexicon, unha enciclopédia creada por un suposto fan sobre os nomes, feitizos e personaxes deste mundo máxico.
Mália que Steve Vander Ark, o autor da enciclopédia, afirmou que a creara polo amor que sente pola obra, Rowling xustificou a demanda alegando que sentía que as suas palabras foran roubadas. Para Scott Card isto foi a pinga que faltaba, porque “diaños, coido que o argumento de O Xogo de Ender foi roubado por J.K. Rowling“.
Scott Card apóñe-lle a Rowling non o feito de que a obra de Potter poida ter algunha inspiración na súa, se non que proteste polas influéncias doutros autores. Ademáis, lembra que ainda está por se resolver a demanda que ten aberta por parte de Nancy K. Stouffer, autora do libro A Lenda de Rah e os Muggles, protagonizada por un tal “Larry Potter”.
Vander Ark sempre afirmou que Lexicon era unha obra de referéncia, non unha creación de seu, e que antes da publicación das novelas xurdiran escolmas semellantes que foran aceptadas de bo grao pola escritora inglesa, pois servian para publicitar os seus libros.
E por riba, a mesma Rowling afirmou en moitas ocasións que mentres escribia, acostumaba acceder a Webs de fans para resolver algunhas dúbidas sobre os próprios nomes que usou na saga e que mesmo o Lexicon estivo online durante vários anos antes de pasar a papel. Card remata dicindo: “A hipocresía de Rowling é tan espesa que me custa respirar“.
Tim Burton quere a Johnny Depp
Expectación en Hollywood: o último rumor nos estudos é que, na maré de adaptacións dos próximos meses, poderia atopar-se a de Dark Shadows, unha série televisiva dos anos sesenta sobre vampiros, meigas, monstros e pantasmas várias.
Ainda que xa semella confirmada a presenza de Johnny Depp no proxecto, o interese multiplicou-se ao se dar a coñecer que Tim Burton poderia sumar-se ao mesmo, como director da fita. John August, que participou no guión doutras fitas de Burton coma A noiva cadáver, Big Fish ou Charlie e a fábrica de chocolate, escribiria tamén este filme.
August está agora mesmo implicado na adaptación do cómic Shazam!, pero cando remate a preprodución estaria dispoñíbel para colaborar con Burton. Respecto a éste e Johnny Depp, Dark Shadows sería o seu sétimo proxecto común após filmes coma Sweeney Todd, A noiva cadáver, Charlie e a fábrica de chocolate, Sleepy Hollow, Ed Wood e Eduardo Manstesouras.

