A Mosca, ópera en París
O Teatro parisino do Châtelet pecha a sua tempada lírica cunha verdadeira traca final: a estrea mundial, este mércores, de The Fly (A Mosca), primeira ópera de Howard Shore, dirixida por Plácido Domingo ao fronte da Orquestra Filharmónica de Radio France e polo cineasta canadiano David Cronenberg, tres artistas de poderío internacional que decidiron trasladar á lírica unha das películas de ciéncia-ficción de culto do século XX, cunha montaxe encabezada polo seu mesmo realizador, Cronenberg, e polo seu compatriota Shore, compositor da música de case todas as suas películas, incluida A Mosca (1986).
Ainda que The Fly é un dos éxitos máis comerciais na carreira de Cronenberg, a sua tradución lírica non é precisamente tarefa doada, por se tratar dunha creación contemporánea. Xusto o reto que quería afrontar o compositor de O silenzo dos años (1991), de After Hours (1985) ou Infiltrados (2006), dúas veces oscarizado pola triloxía O Señor dos Aneis (2001-2003).
O libreto retoma o argumento da fita de ciéncia-ficción e terror que levou o Prémio do xurado no Festival de Avoriaz en 1987 e resucita os temores e experiéncias do científico metamorfoseado por erro en mosca asasina.
Entre o 2 e o 13 de xullo ofrecerán-se en París cinco representaciónes desta ópera, cuxo ensaio xeral terá lugar este mesmo luns á noite, poucas horas despois de que o compositor, o cineasta e o tenor á apresenten á prensa.
Os gregos van ao cinema
Está-se a preparar unha auténtica vaga de filmes baseados na mitoloxía grega clásica: Relativity Media está a desenvolver War of Gods, mentres que a Warner Brothers está a facer un remake de Clash of the Titans.
Charley e Vlas Parlapanides escribiron o guión de War of Gods (A Guerra dos deuses), que será dirixida por Tarsem Singh (The Fall).
O director de O Incríbel Hulk, Louis Leterrier, pola súa banda, será quen poña en imaxes o guión de Lawrence Kasdan de Clash of the Titans (Loita de Titáns).
A Warner deu a luz verde a Loita de Titáns xusto despóis de que Leterrier aterrara no proxecto. A Relativity, que finanza War of Gods, puxo en marcha o proxecto e quere acelera-lo para finais de ano.
Ambas as duas películas agardan contar con técnicas de pantalla verde, as mesmas que lle deron ese toque especial ao filme 300 cun custe relativamente baixo.
War of Gods está ambientada nunha Grécia dividida polas guerras, cando o xove príncipe Teseo lidera aos seus homes nunha batalla contra o mal que contará cos deuses loitando man a man cos soldados contra os demos e os titáns.
Lér mais
Papeliño para a moza de Rodriguez
O director de Grindhouse, Robert Rodriguez, producirá un novo filme que adaptará as aventuras de Red Sonja, interpretada pola súa moza na vida real, Rose McGowan.
McGowan interpretará asemade á guerreira de pelo vermello nacida nas páxinas dos cómics e disposta a chegar ás pantallas do cinema en 2010.
O filme será unha história orixinal, dirixida polo parceiro de sempre de Rodriguez, Douglas Aarniokoski, e conterá partes da súa vida tomadas dos cómics, así coma das novelas do seu creador orixinal, o novelista Robert E. Howard, pai asemade do persoaxe de Conan o Bárbaro.
Cloverfield 2?
Matt Reeves, o director que se encargou do thriller de monstros Cloverfield, revelou á prensa que hai plans para facer unha segunda parte, ainda que eses plan están en repouso até que os produtores atopen unha idea que sexa tan interesante coma a orixinal. Algúns informes de prensa din que entre as ideias que se barallan está a de facer unha precuela que narre as orixes da creatura.
¡Maldito Bastardo! en Faermament
A recente produción galega ¡Maldito Bastardo!, dirixida polo realizador compostelán Javi Camino, estréase internacionalmente nos próximos días dentro da sección oficial do festival italiano Fearmament (Turín, Itália).
O festival celébra-se entre o 27 de xuño e o 3 de xullo, e ademáis de películas haberá outras actividades coma concertos musicais ou torneos de videoxogos. Todo iso relacionado coa temática de terror.
¡Maldito Bastardo! é a única película española seleccionada polo certame.
Margaret Atwood, Príncipe de Astúrias das letras
A escritora canadiana Margaret Atwood obtivo o día 25 o prémio Príncipe de Astúrias das Letras por unha obra que explora diferentes xéneros “con agudeza e ironía” e asume “intelixentemente” a tradición clásica dende a defensa da dignidade das mulleres e a denúncia das inxustizas sociais.
A candidatura de Atwood, presentada polo director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministério de Cultura español, Rogelio Blanco, chegou á derradeira votación xunto á do autor español Juan Goytisolo, e converteu-se na primeira muller galardonada na actual edición dos prémios Príncipe de Astúrias.
Margaret Atwood, que obtivo en 2000 o Booker Prize, publicou vários poemários e é autora de máis de vinte obras de fición, entre elas a distopía O conto da criada, unha crítica feroz á sociedade totalitaria; O asasino cego, Ollo de gato e Rexurdir, incluida polo crítico Harold Blomm no seu libro sobre as millores obras que forman o canon occidental.
Intimista, irónica, reivindicadora da loita da muller e dos dereitos humanos en xeral, Atwood colabora intensamente con Amnistía Internacional, dende onde defendeu os dereitos territoriais dos índios Mohawks, e o seu nome soou nos últimos anos para recebir o prémio Nobel de Literatura.
Lér mais

